8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora: Se non é abolicionista, non é feminismo

Silveiras Asociación feminista

Neste Día Internacional da Muller Traballadora, dende As Silveiras, reafirmamos o noso compromiso feminista coa loita pola abolición de todas as formas de explotación que afectan as mulleres. Hoxe máis ca nunca, é urxente denunciarmos os mecanismos de opresión que nos mercantilizan e nos negan a dignidade, mentres se disfrazan perigosamente de “liberdade de elección” neste patriarcado do consentimento en que vivimos. Denunciamos o sistema prostitucional, a industria da pornografía, os “ventres de alugueiro” e o propio xénero como unha construción social que perpetúa estereotipos e roles opresores.

A prostitución é violencia. A súa existencia parte dunha desigualdade estrutural que leva a milleiros de mulleres, especialmente as máis vulnerables, a ser usadas e abusadas por homes que cren ter dereito a violalas a cambio de cartos. O mito da “prostitución libre” oculta a realidade da trata, da pobreza, dos abusos e da degradación da saúde física e mental das mulleres explotadas. Mentres haxa demanda, haberá explotación. Por iso, As Silveiras defendemos a abolición da prostitución e a implementación de políticas que ofrezan alternativas reais ás mulleres en situación de prostitución.

A pornografía, pola súa parte, non é só un reflexo da violencia machista, senón tamén unha ferramenta que a perpetúa. A normalización da degradación, da humillación e da violencia sexual contra as mulleres a través da pornografía ten consecuencias reais, tanto para as vítimas directas como para a sociedade no seu conxunto, xa que alimenta unha cultura de violencia simbólica e real. Ensínaselles aos homes que o pracer masculino xustifica a dor feminina, e cada vez vemos máis casos de nenos e mozos con comportamentos sexualmente agresivos, porque a pornografía é a súa primeira escola sexual. Non podemos permitir que a educación afectivo-sexual da mocidade quede en mans dunha industria que se lucra co abuso e a violencia sobre as mulleres.

Os “ventres de alugueiro”, que se presentan como un acto de xenerosidade e altruísmo, son outra manifestación da explotación extrema das mulleres para satisfacer demandas de mercados globais e intereses económicos. A mal chamada “xestación subrogada” é explotación reprodutiva, na que se converte os bebés en produtos de compra-venda e as mulleres en meros recipientes para satisfacer os desexos alleos, vulnerando así os dereitos tanto das nais xestantes coma das crianzas. A maternidade non pode ser un negocio, e moito menos á custa da dignidade e a saúde das mulleres máis empobrecidas. Por iso, As Silveiras denunciamos os intentos de legalización desta práctica abusiva na Unión Europea e esiximos a prohibición total da explotación reprodutiva a escala global.

Ademais, denunciamos o xénero como un sistema de opresión que nos impón normas e roles baseados no sexo. As feministas non podemos aceptar que se defina as mulleres por estereotipos nin que se reduza a nosa loita a unha identidade subxectiva. O feminismo é a loita pola liberación das mulleres como clase oprimida, e iso pasa por

rachar coa imposición do xénero e as súas limitacións. Denunciamos tamén como a ideoloxía queerresignificou o xénero, transformándoo dunha categoría opresora nunha suposta identidade escollida de xeito individual. Esta resignificación borra a análise material da opresión das mulleres e dificulta a loita polos nosos dereitos. Mentres o xénero sexa tratado como unha esencia persoal e non como unha estrutura de dominación, as mulleres non poderemos liberarnos da opresión patriarcal baseada no sexo.

A nosa loita é pola abolición de todas as formas de explotación e opresión das mulleres. Non aceptamos que se siga vendendo como “apoderamento” o que ennrealidade é submisión. Queremos un mundo en que ningunha muller sexa prostituída, explotada nin borrada. Un mundo en que a igualdade sexa real e non unha ilusión. Este 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, saímos xuntas ás rúas para esixir os nosos dereitos e para berrar que o feminismo non recúa!

Acude á concentración abolicionista do 8 de marzo, ás 12 horas, na Porta do Sol de Vigo: “A explotación dos nosos corpos non é apoderante”!