Sobre a natureza do comportamento e o Partido Popular

Rueda PP
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Todos os seres humanos sen excepción algunha, absolutamente todas as persoas que no pasado, no presente e no futuro camiñamos por esta vida o tempo necesario como para tomar decisións de maneira consciente necesitamos xustificar a natureza moral dos nosos comportamentos ante os demais. É terriblemente complicado, non é imposible pero si é moi difícil, cruzarse no camiño da vida con alguén, por moi longo que teña sido ese camiño, que teña o valor moral necesario para recoñecer en si mesmo comportamentos inmorais. Tanto é así que en liñas xerais aos nosos ollos a inmoralidade sempre está nos outros. As discusións, os problemas, os conflitos e as colisións sempre son motivadas polos actos alleos. Case nunca escoitaremos a ninguén recoñecer ao seu propio comportamento como o catalizador de calquera desavinza.

Unha anécdota curiosa, ao respecto disto, que aparece entre as brétemas da miña memoria, aconteceume hai xa algúns anos , cando tomando un cordial café cun importante cargo do PPdeG, este díxome que non soportaba o transfuguismo. O seu evidente lapso púxomo moi doado e eu non tardei nada en preguntarlle pola súa opinión sobre a forma na que Nidia Arévalo accedeu á alcaldía de Mos. A resposta que recibín era que non podía asegurar que ese episodio fose un caso de transfuguismo. Esta forma de reaccionar é inherente á condición humana, non é que se dea en persoas dun perfil político concreto, dáse en case todas, agás nas que teñen unha arquitectura moral dunha solidez a proba de bomba.

O meu compañeiro de café non era a alcaldesa de Mos, pero respondeu desa maneira porque a xustificación moral de actos inmorais dáse tanto dos que cometemos nós mesmos, como dos que cometen as persoas do noso entorno ou as que formen parte dos colectivos cos que nos identifiquemos.

A expresión máis terrible deste modus operandi dáse nas guerras: quen non lembra por exemplo as imaxinarias armas de destrución masiva que serviron como xustificación do asasinato de centos de milleiros de iraquís para poderlle roubar o seu petróleo,ou o xenocidio contra o pobo palestino agochado como se fose unha guerra defensiva contra o terrorismo…Hai infinidade de exemplos semellantes e se nos poñemos a referilos a listaxe sería interminable, e hainos tamén aquí e hainos tamén agora. Así por exemplo recentemente asistimos á vergonzosa renuncia das autonomías gobernadas polo partido popular á quita da débeda das súas comunidades proposta polo goberno do estado. Ninguén cun mínimo de sentido común cre as xustificacións coas que motivaban tal disparate: renunciar a unha quita de parte da túa débeda. A motivación real de semellante burrada está en que non queren respaldar o que sería un evidente triunfo político para o executivo de Pedro Sánchez, e xa que logo prefiren prexudicar aos seus propios cidadáns e cidadás. No caso do noso país a quita da débeda sería de algo máis de catro mil millóns de €.O presidente galego non tardou moito en saír a defender publicamente a renuncia da devandita condonación porque “é un negocio que a Galicia non lle convén”.A condonación proposta suporía a do arredor do 16% da débeda total do país galego e claro que nos conviría, como que non¡¡¡.A quen non lle conviría unha quita do 16% da totalidade das súas débedas¡¡.O que non nos convén de ningunha maneira é un partido no goberno da Xunta e un presidente do goberno autonómico que priorizan o seu interese político sobre o interese xeral do pobo galego. O que si lle convén a Galicia é mandar para as súas casas ao PP, e ao presidente Alfonso Rueda.