
“Non quixeron o seu tabaco”.
“O primeiro día de decembro de 1936, apareceu morto de varios disparos un home de 45 anos, natural de San Cibrán de Ribarteme (As Neves). Chamábase Delfín Rey Sánchez, matárono no lugar da Cangalleira, á entrada dunha “barreira” ou xacemento de arxila, no que había múltiples buracos causados pola extracción dese material.
Era e sigue sendo a aba do monte do cemiterio, que no seu intre aplanouse para que pasara a vella estrada de Ponteareas e nos anos noventa profundouse moito máis co fin de facer o trazado da nova estrada a esa mesma poboación.
Cando só existía a estrada vella, había leiras de distintos propietarios na parte interior da curva, todas elas a un nivel tres ou catro metros máis baixo que o da calzada.
Era o final da mañá, un pouco antes da hora de comer. Nunha desas leiras estaba un home de 65 anos, facendo traballos de campo, era meu avó. Sentíase canso e sentouse un intre para tomar alento. Foi entón cando oíu chegar un carro, que se detivo o outro lado da estrada. Oíu tamén algunhas voces fortes, pero ningunha conversa. Non se moveu para non ser visto. Nese intre oíu varios disparos e sentiu medo. Para ocultarse mellor achegouse canto puido a espesura da trincheira que separaba a leira da estrada, debaixo da viña. Non saíu até un pouco despois de que o carro marchara.
Achegouse con precaución, non había ninguén polos arredores. Cruzou a estrada para inspeccionar a zona e atopou un home de mediana idade morto sobre o barro. Tiña aberta a petrina e víaselle a entreperna. A carón do corpo había un paquete de tabaco de picadura, tamén aberto, quizás porque quixo invitar a fumar a os que o mataron, nun intento desesperado de agradalos, máis eles non aceptaron o seu tabaco. Vestía moi pobremente, como un modestísimo labrego de aqueles anos. Dúas ou tres horas despois, o seu corpo inda seguía no mesmo lugar. Varias mulleres mozas foron xuntas a velo, como si se tratara dunha novidade de feira.
A finais dos anos oitenta, nunha casa de Salvaterra, unha señora xa maior dixo que ela fora unha desas mozas que, en compañía de varias amigas, fora a comprobar se o que se dicía dese home morto era certo. Debeu resultarlle moi gracioso o que viu, pois cincuenta anos despois aínda se ría o lembrar que estivo no lugar do crime, vendo aquel corpo sen vida, (coas súas partes o ar).
Onde está o corpo dese home e o de outros? Non o sei. Sobre isto quero engadir un dato: Deica 1965 ou 66, estiven máis dunha vez no cemiterio civil de Salvaterra, unha pequena zona pechada, con porta de ferro propia, que está anexa o osario, inda que é independente. O entrar, a esquerda, vin unha zona de enterramentos sen lousas nin símbolos, só a pura terra cuberta de herba, máis había unha pequena zona afundida nunha sepultura, e interpreteino como que alí enterraran un cadaleito, e co paso de bastantes anos as táboas cederon e a terra ocupou o oco da caixa, afundíndose daquela maneira. Non eran toupeiras as causantes, nin outros animais do campo. Non lle din moita importancia cando era un mociño, pero moitos anos despois chegue a pensar que foi alí onde enterraron a Delfín Rey e cecais a outras persoas mortas en parecidas circunstancias.
A Delfín tardaron máis de dous anos en identificalo, ou quizás a familia non se atreveu nin a reclamar o seu corpo. Non esquezamos que había medo até de preguntar.
Antón “Xaque” facilítame esta información o 10 de novembro do 2015: “Delfín Rey Sánchez, de 45 anos, morto o 01/12/36, natural de San Cibrán de Ribarteme, As Neves, era fillo de Francisco e de Josefa, deixou dous fillos, Edmundo e Mª Josefa, (non estaba casado). Morreu no lugar da Cangalleira, Salvaterra, sobre as 13h. por africción cerebral con hemorraxia interna e segundo consta no Xulgado de Paz de Salvaterra, folio 198, nº de orde 149, tomo 13. Consta tamén a estatura de un metro setenta, ollos claros e barba entre-cana, vestía chaqueta de pano escura, pantalón de dril, rasgado, chaleco azul de pano, camisa branca a listas, calzaba zocos sen calcetíns e tiña unha gorra tipo visera negra, encontráronlle nos petos cinco pesetas con dez céntimos. Foi soterrado no cemiterio de Salvaterra.”
Este texto foi escrito por Gonzalo Gil González, que viviu até os 17 anos en Salvaterra de Miño e posteriormente en Madrid, onde cursou estudos na Universidade Complutense. Foi docente na Universidade Carlos III, Madríd.
Os datos que eu mesmo facilitei a Gonzalo Gil no 2015, figuran na marxe da acta de defunción, asinados (dous anos e medio máis tarde), o vinte e trés de xuño de 1939, polo Xuíz Juán Francisco Fernández e o Secretario Remigio Nieto. Evidentemente iso quere dicir que alguén se interesou polo defunto, ignorándose se este foi exhumado.
Case dous meses despois do asasinato de Delfín Rey, o 31 de xaneiro do 37 inscriben no Xulgado de Paz de Salvaterra un descoñecido que apareceu no lugar da Picada, Salvaterra, no río Miño con unha corda atada ó pescozo e en avanzado estado de descomposición. Figura no folio nº 39, nº de orde 21, tomo 14. Tamén foi soterrado no cemiterio de Salvaterra.
Cito estes dous casos porque, xunto co de Bernardo Bernárdez, de Alxén, Salvaterra (que xa tratei nos últimos números da Nova Peneira), os tres foron soterrados no cemiterio de Salvaterra. Como era costume, este tipo de soterramentos facíanse extra muros do cemiterio e para o caso de que, antes ou despois, se acometa a exhumación dos restos, existe unha altísima probabilidade de que os tres se atopen no lugar que xa tratei con anterioridade. Hoxe, xunto con este artigo, publícase unha fotografía do cemiterio, do chamado voo americano dos anos 56-57 utilizada no catastro deses anos, onde pode verse con mediana claridade o lugar onde supoño, segundo os datos acadados, está a foxa, na esquina Noroeste.
Salvaterra de Miño a 18 de abril do 2025
