Moncho Lareu
Se hai algo que ateiga de degoro e lecer a nosa sede antifascista é a abundancia de novas figuras carismáticas na decadente política española. O seu discurso exaltado e as súas propostas de “devolver –iso chamado España– ao glorioso pasado da Inquisición e dos Tercios”, sen esquecer o momento áureo do “españolismo de cadeira gamer”, fan que a sociedade se sinta un pouco máis entretida. Pero, por se isto non fose suficiente, a extrema dereita española (ou dereita española, a secas) tamén soubo captar a atención das perdidiñas novas xeracións, mesturando conceptos da cultura “popular” con ideoloxías non tan populares, pero si moi ruidosas e mimadas polo Amo. A continuación, facemos unha presentación de toda a subcultura político-psiquiátrica do pouco, pero histriónico, que queda de “Españita”.
Os InCel ou o sexismo etéreo
O termo InCel –abreviatura de “involuntarily celibate” ou “celíbe involuntario”– refírese a ese grupello de mozos da inexistente clase media que, malia estar máis familiarizados coas pantallas que coas rapazas, culpan a todo o mundo (menos a si mesmos) da súa triste situación amorosa-sexual. Odian, de forma sordidamente freudiana, ás mulleres máis ou menos emancipadas das súas propias familias, ás que denominan “Charos”. O InCel, que ten certa presenza lúdica no espectro da extrema dereita, considera que a súa incapacidade para “ligar” procede dun “complot feminista global” que oprime eses homes “chad” e “machos alfa”, que precismente eles non son. Os InCels ven a súa frustración como unha guerra cultural, onde as rapazas escollen aos “progres”, “wokes”, ou a outras rapazas, en lugar de optar polo auténticos “machos ibéricos” coma eles. Na política española, as analoxías son claras: os InCels adoitan simpatizar coas ideoloxías máis reaccionarias e tradicionais (ese Abascal con tres tallas de traxe menos…), xa que consideran que a “igualdade de xénero” é a fonte de todos os seus males. Como se fose un novo código secreto, os InCels adoitan expresar os seus sentimentos nos foros de internet, onde desafogan en orxías verborreicas cheas de complexos e resentimento.
Os criptobrós ou os neolibs/neocon disfrazados de triunfadores
Ás veces, quen máis ten menos necesita, pero os criptobrós son a excepción. Estes individuos non só pensan que teñen moitos cartos grazas ás criptomoedas, senón que tamén se consideran unha especie de “heroes do capitalismo”, loitando contra o sistema financeiro global que, curiosamente, se fixo máis forte grazas á súa propia riqueza, especulación e vendida de fume. Son os grandes defensores de “descentralizar o poder” mentres queren centralizan millóns de euros en bitcoins. Mastúrbanse con imaxes de Bukele e á hora de falar de política, os son os novos liberais sen saber nin o que é realmente o liberalismo. Algúns, moi poucos, “emigran” a paraísos fiscais coma Andorra para non pagar impostos e despois propoñen “facer unha colecta” para financiar un aeroporto nese lugar, é dicir: queren inventar os impostos. Son parentes próximos do gymbrós, eses rapazotes que cren que odian os homosexuais pero que babexan vendo a imaxe dos seus propios músculos diante dun espello. Os criptobrós cren que alguén que gaña 50.000 euros ao día con bitcoin está a loitar por cada un dos seus “semellantes” da clase traballadora. Non é raro que este grupo inclúa a moitos simpatizantes da extrema dereita resentida e flipada, para quen a “liberdade de mercado” é sinónimo de “liberdade para asoballar” e parasitar. Canteira: estudantes de Dereito, ADE ou Económicas fascinados por filmes coma “O lobo de Wall Street”.
Os caetanos ou os “heroes” das “boas familias”
E agora, o caetano. Este ser fantástico de orixe burguesa é o verdadeiro embaixador das ideoloxías máis rancias en versión “pijo”. Reencarnación pop de “La escopeta nacional” ou fillos 2.0 dos politoxicómanos da Movida madrileña. O seu estereotipo está marcado por un traxe de corte impecábel, unhas mans ben coidadas e un amor incondicional ao patrioterismo que só se ve nos pulsos e noutros complementos “rojigualdescos” de marca Spagnolo. Os caetanos, que se caracterizan por estar moito máis preocupados por que a súa moto sexa máis potente que a do veciño, non se preocupa pola “igualdade social” (cousa de roxos e de pobres) e son o rostro de boa parte das elites da casposa dereita española. A súa principal bandeira é “España antes que todo” e, se non poden defender a súa terra con sabias palabras, farano cunha boa colección de “armas” antigas ou cun discurso vomitado desde a súa riquísima mansión pagada con diñeiro negro e corrupto. O caetano non se detén ante nada para garantir que todo segue tal como estaba na época do franquismo, e se as clases populares queren unirse á súa causa, benvidas sexan!, sempre que non fagan preguntas incómodas sobre as súas propiedades. O fachapobre, polo tanto, é a súa mascota.
Os nenos-rata ou o futuro da revolución (ou non)
E chegamos ao personaxe máis interesante de todos: o neno-rata. Unha especie de hibrido entre “influencer” e marine virtual. O neno-rata é esa figura que pasou de xogar aos videoxogos e insultar ao mundo na súa conta de X a optar a militar activamente na extrema dereita, sempre dende o anonimato, iso si. O seu “humor” [sic] é irreverente pero previsíbel, a súa ideoloxía algo confusa, pero a súa enerxía e odio son contaxiosos para o resto, nomeadamente para os InCel. O neno-rata está no seu mellor momento: cunha boa conexión a internet e un móbil de última xeración, está a promover teorías de conspiración e difundindo discursos que van dende “as feministas queren destruír España” até “os inmigrantes róubannos os traballos”, discurso que colisiona co de “os inmigrantes viven de paguiñas sen traballar”. Tanto ten, Iker Jiménez e Pablos Motos apoian. A súa capacidade para viralizar discursos racistas é incomparábel. O neno-rata está destinado a ser o futuro dunha España sen futuro, sempre que non quede atrapado entre os cables do seu computador Abalar pagado con cartos públicos.
O fachapobre ou o pobre que non sabe que é pobre
E por último, o fachapobre. Quizais o personaxe máis tráxico (ou máis ben valleinclanescamente grotesto) de todos, porque é, á súa maneira, unha especie de autonegación ambulante. Supera de moito ao alienado da teoría marxista. Só pode ser español, aínda que naza galego. O fachapobre é ese individuo que, a pesar de non ter nin un euro para chegar a fin de mes, sente un amor profundo pola clase alta e apoia ferventemente políticas que só favorecen aos ricos. É o Tío Tom, o sipaio, o escravo doméstico dos que falaba Malcolm X, a Malinche, o Stephen de Tarantino. O fachapobre é un “mártir da dereita”, que defende que todo o mundo debe ser “responsábel” e traballar duro. Fan baballas de Amancio e Florentino. Fai horas para meter os seus fillos na escola privada –onde son desprezados–, intenta negar a súa clase e fala mal da sanidade pública que lle salva a vida. A súa ideoloxía é a da suposta meritocracia, onde ignora que as súas propias opcións na vida foron máis limitadas que as dos seus “ídolos” caetanos e criptobrós. A súa risa nerviosa ante a clase traballadora é só superada pola súa admiración por aqueles que, segundo el, fixeron fortuna “traballando duro”. O fachapobre non é só pobre economicamente, senón tamén moralmente e en termos de conciencia social.
En definitiva
A (extrema) dereita na anacrónica Españita, lonxe de ser unha simple corrente política, converteuse nun lore complexo cheo de personaxes inesquecíbeis. InCels, criptobrós, caetanos, nenos-rata e fachapobres, todos comparten un amor incondicional pola patria “de pulserita”, pero tamén un odio profundo a todo o que pareza avance ou progreso. E, aínda que a súa presenza nas rede é máis notábel, só o tempo dirá se conseguirán facer realidade o seu peculiar soño dunha “España máis tradicional” e “great again”, ou se seguirán afondando nas súas contradicións mentais, sociais e de clase. Ata entón, mentres as sociedades capitalistas se afundan na desmemoria política, a única verdade é que, se nos fixamos ben, todos eles parecen estar máis preocupados por como vender un coche de segunda man no Facebook que por salvar a súa cada vez máis inexistente e irreal nación de pufo.
