BNG pide a Díaz que explique por que non negociou melloras no convenio da auga con Pontevedra, que levaba seis anos caducado, antes de acumular 1 millón de euros de débeda

Logotipo BNG

A voceira Sol Seoane pregunta ao alcalde de Ponte Caldelas que fixo cos cartos das empresas que lle pagaron a auga ao Concello se non abonou o canon a Pontevedra

O BNG de Ponte Caldelas amosouse hoxe atónito ante a falta de xestión do Concello sobre o abastecemento de auga ao polígono da Reigosa. A voceira Sol Seoane pide explicacións a Andrés Díaz sobre os motivos polos que non negociou melloras no convenio da auga con Pontevedra, que levaba cinco anos caducado, antes de acumular un millón de euros de débeda e ter un aviso de cese de subministro ás portas.

Seoane considera que Díaz caíu nunha total pasividade “ata que o problema o está a comer” e demostrou ser un “pésimo xestor”, xa que o acordo da auga con Pontevedra asinouse en 2015 por un prazo de cinco anos. Dende a extinción do mesmo, seguíronse recibindo os servizos sen que se modificasen as condicións económicas do subministro.

A nacionalista destaca que, se tan nocivas e abusivas eran as cláusulas dese acordo, durante a vixencia do convenio e incluso despois, mentres se mantivo o subministro con ese caducado, o rexedor puido poñerse en contacto coa administración capitalina e denunciar as irregularidades que agora argumenta. Salienta que resulta chocante que sendo Ponte Caldelas o municipio afectado, en lugar de tomar a iniciativa e buscar mellores prezos para a auga, o alcalde critique que o Concello de Pontevedra non fose o que se puxese en contacto.

O único movemento de Díaz, lamenta a voceira do BNG, foi deixar de pagar o canon establecido, co que o Concello acumulou unha débeda dun millón de euros, o que supón o 20% do orzamento anual de Ponte Caldelas deste ano. A pesares disto, apunta Seoane as empresas do polígono da Reigosa seguiron pagando ao Concello de Ponte Caldelas as súas cotas. “Que fixo cos cartos das empresas se non se abonou o canon a Pontevedra?”, cuestiona a voceira, que prevé inminentes e graves problemas económicos para as arcas locais, que quedarán hipotecadas no caso de que, xa por vía administrativa ou xudicial, o Concello teña que facer fronte ao pago das reclamacións lerezanas.

Finalmente, e ante o claro desencontro entre Díaz e Pontevedra, que derivará nun corte de subministro se non hai un pago dos atrasos, dende o Bloque piden ao rexedor que explique que solucións vai dar ás empresas da Reigosa que van quedar sen auga e, polo tanto, sen actividade. Lembra a responsable nacionalista que o subministro é fundamental para todas por cuestións de salubridade e produción, resaltando que firmas punteiras como Setga, Aludec, Orbe, Arnoia, ou Cristal Pontevedresa están instaladas no polígono.

“É totalmente irresponsable non terse lembrado do convenio con Pontevedra ata agora e, cando estoupa o problema, argumentar un abuso”, finaliza Seoane. A nacionalista aclara tamén que o BNG de Ponte Caldelas non tivo en ningún momento ningún interese en forzar o convenio, como sinala Díaz. “No Bloque estabamos de acordo na firma porque as empresas precisaban a auga, mais en ningún momento forzamos nada. Cos nosos dous votos non se aprobaba”, subliñou.