Marco e Sonia, máis de dous anos de calvario

Marco e Sonia son un matrimonio de Arbo que o 9 de xuño do 2023 comezou a vivir un pesadelo do que eles non teñen a máis mínima responsabilidade. Ese día, por mor dunhas obras que realizaba a administración, un acuífero desviouse cara á súa casa, e o matrimonio afectado comeza a padecer unha entrada permanente de auga no seu domicilio.

Hoxe, dous anos e dous meses despois increiblemente o problema aínda non está arranxado e Sonia e Marco levan padecendo o deterioro permanente do seu fogar durante 26 meses, un día si e outro tamén. O desleixo da administración municipal, que mira para outro lado, e a incompetencia da Xunta, que fixo dous intentos errados de arranxar o problema e aínda non foron capaces de solucionalo, condenan a Marco e a Sonia a vivir baixo a espada de Damocles de maneira continua.

Nós últimos días do mes de xullo a Xunta envioulles unha carta na que recoñecían a súa responsabilidade no problema, e anunciaban o inicio das actuacións para solucionalo.

Agardemos que desta volta sexa a definitiva e Marco e Sonia poidan por fin vivir en paz, e cobrar de maneira inmediata a indemnización que lles corresponda polo calvario que lles está a facer pasar a administración autonómica.

Nós unha vez máis, e as veces que sexa necesario ata que se solucione integramente o problema, démoslle voz aos afectados e falamos con Marco.

Marco Antonio Fernández Duarte.

Levamos dous anos dous meses sufrindo a entrada permanente de auga na nosa casa”

Recórdanos brevemente cando comezou todo?

Xa hai dous anos e varios meses. Todo comezou no mes de xuño do ano 2023. Por mor dunhas obras públicas nunha zona próxima á nosa casa produciuse o desvío dun acuífero que comezou a botar auga directamente na planta de abaixo da nosa vivenda.

Desde o ano 23 que comezou o problema, máis de dous anos, a entrada de auga na vosa casa foi permanente?

Si, a auga leva máis de dous anos entrado de maneira continua na nosa casa.

Como está a situación no momento actual( 3 de agosto)?

A finais do mes de xullo recibimos por medio do noso avogado unha carta da Xunta na que recoñecen a súa responsabilidade na problemática que afecta á nosa casa, e nos informan de que van iniciar as obras para proceder a unha nova drenaxe e ,presuntamente , solucionar o problema. Tamén nos indican o orzamento da mencionada actuación.

Na carta que recibistes a Xunta asume o compromiso de deixar o problema completamente solucionado?

Non, a carta non garante que quede todo ben. Agardemos que desta volta si que nos amañen un problema que nos afecta a nós e que causaron eles. Pero na carta que nos mandan non o garanten, só recoñecen a súa responsabilidade e informan do inicio da actuación.

Entendo que o custe da reparación será asumido integramente pola Xunta?

Si, a obra vana pagar eles.

Imaxino que alén do custe da obra tamén se farán cargo da indemnización que vos corresponda polos graves estragos que sufriu a vosa propiedade, e por todos os mobles e obxectos persoais que tivestes que tirar?

Efectivamente, ten que ser así.

A día de hoxe tedes cobrado algo?

Nada, absolutamente nada. Todo o contrario temos perdido moitos cartos e tirado ao lixo moitos mobles: sofás, os mobles da cociña, neveiras, o piso da parte de abaixo hai que levantalo todo,absolutamente todo…

Na carta que vos envía a Xunta infórmanvos de cando van comezar as obras?

Non, só nos informa do que teñen pensado facer. Pero non din nin cando van comezar, nin cando teñen pensado acabar, nin garanten como vai quedar o resultado final..Nas conversas que ten tido o noso avogado coa Xunta dinlle que teñen intención de comezar de maneira inmediata. Pero haberá que velo, claro.

Esta é a segunda drenaxe que vos fai a Xunta, non?

Non, xa nos fixeron dúas. Esta será a terceira drenaxe.

As dúas primeiras non serviron para nada?

Non, lamentablemente non. Só serviron para que aumentase máis a nosa frustración, e para gastar o diñeiro público en actuacións completamente inútiles.

Como estades vós de ánimos?

Estamos bastante mal a verdade. Sonia, a miña muller é a que o leva peor. Só pido que vos poñades por un momento no noso lugar, e que pensedes en como estariades vós se durante máis de dous anos tiverades unha entrada permanente de auga na vosa casa, e despois de petar innumerables veces nas portas do Concello e da Xunta e ver como a vosa casa se estraga aos poucos, como tedes que botar ao lixo mobles e obxectos persoais, non vos tiveran arranxado aínda o problema?

Podes facer ti se queres algunha reparación na casa?

Non, mentres non nos fagan a obra eu non podo facer nada, nin pintar a fachada podo. A humidade xa subiu á parte de arriba e estragou parte da cociña pois eu, mentres non fagan a drenaxe, non podo facer nada.

Segues sentíndoche decepcionado pola actitude do alcalde Arbo, ou mellorou algo a cosa?

O alcalde de Arbo non fixo absolutamente nada por nós. Somos dous veciños do pobo que sufrimos un problema moi grave que nos causou a administración, do que nós non temos nin a máis mínima responsabilidade, e o alcalde abandonounos desde o primeiro momento. A decepción que sentimos con Horacio Gil non se pode describir con palabras.