
Ninguén, absolutamente ninguén, abandona ao seu país, á súa familia e persoas queridas nin ao seu contexto vital emocional de maneira voluntaria, para gañar a vida a centos ou a miles de quilómetros de distancia do lugar no que naceu.
Cando alguén toma a dolorosa decisión de coller a maleta e ir vivir a outro país, outro continente, outro universo totalmente diferente ao que estaba afeito é porque no lugar no que veu ao mundo non ten ningunha outra opción para gañar a vida con dignidade. En moitas ocasións a migración é motivada pola necesidade de escapar da fame, das guerras e dun contexto xeral de miseria e explotación.
A viaxe cara ao primeiro mundo non adoita ser unha viaxe de pracer, senón unha proba de enorme dificultade na que mafias de miserables criminais se aproveitan de necesidade das persoas migrantes para roubalos, e para sometelos a todo tipo de abusos e explotacións. Neste sentido é especialmente grave a situación das mulleres que saen do inferno da pobreza para caer nas redes doutro tipo de inferno: a explotación sexual , o inferno da prostitución que só existe porque hai clientes que consumen os corpos de mulleres como se fosen calquera mercadoría que puidese ser consumida.
Por outra parte as viaxes que emprenden as persoas migrantes buscando un lugar no que poder vivir con dignidade acaban moitas veces por se converter na súa propia morte, afogados en pateras misérrimas que non teñen as mínimas condicións para transportar persoas de maneira segura.
Neste sentido resultaron especialmente noxentas, repugnantes en grado superlativo, vomitivas ata esgotar a capacidade humana para producir bile , as imaxes duns bañistas, que gozaban do seu lecer nunha praia de Granada, detendo con violencia uns migrantes extenuados que se baixaban dunha patera.
Houbo un tempo non moi lonxano no que cando un grupo de migrantes arribaban a calquera praia, as persoas que alí estaban dábanlle auga, comida, calor e facían que todos, os que o recibían, os que o entregaban e os que o contemplabamos, nos sentísemos seres humanos. Hoxe grazas aos discursos da extrema dereita, que cada vez asume con máis intensidade a suposta dereita democrática, se lles recibe como se fosen animais aos que hai que cazar.
Neste medio de comunicación manifestámonos rotundamente contra calquera tipo de racismo e de discriminación. A especie humana é unha soa. Todos vivimos no mesmo planeta, un pequeno punto azul na inmensidade de billóns de galaxias e de infinitos mundos diferentes. Toda a humanidade, pasada presente e futura, está no mesmo sitio. Todas as persoas que amamos e todo o que aprendemos está nun só lugar, e todos os seres humanos merecemos unha oportunidade para podermos vivir con dignidade. Nese sentido condenamos calquera tipo de discriminación a calquera persoa, que estea motivada pola súa orixe. Nas praias, nas rúas, nos parques, nos mercados, nos centros de saúde, nas oficinas da administración…dá igual sermos galegos, madrileños, colombianos, suecos ou marroquís… todos somos seres humanos igual de dignos, e todos debemos de ser tratados por igual.
