
Bruno Dutto Acuña – Concelleiro do PSdeG-PSOE de Mos
Que hai máis galego que a frase: e ti de onde es? De quen ves sendo? Parece inofensiva, pero para alguén coma min sempre supuxo un problema.
Eu teño a dobre nacionalidade, son inmigrante de 2ª xeración, é dicir, fillo de pai e nai de fóra da Galiza, arxentinos concretamente. Non teño ningún arraigo con esta terra tan fermosa, miñas raíces non son profundas, non teño avós galegos, non teño ducias de primos, tíos, padriños… Moi típico das familias galegas, grandes e extensas. Por iso, aínda que conteste que eu son de Petelos, do concello de Mos, volven preguntar: pero quen son teus pais? – Meus pais non son de aquí, son arxentinos. + Ai, e teus avós quen son? – Tampouco son de aquí, son arxentinos. + Entón ti non es de aquí…
Foron varias veces, e ultimamente, ao formar parte da política municipal e ao ser secretario da Asociación de Veciños de Petelos, máis persoas son as que me falan e me queren coñecer, e esa pregunta sempre cae… E menos mal que no refraneiro popular temos un dito que sempre me salva a vida: “A vaca é de onde pace, non de onde nace”.
Os que sexan doutro lugar, incluído dentro da Galiza ou do estado español, entenderán o que é non sentirse nin de aquí nin de alá. Hoxe en día está en auxe o odio cara os estranxeiros, a ultradereita avanza cos seus discursos de odio contra os foráneos, sobre todo canto máis escura teñan a pel, e ver iso doe. E ver xente galega seguindo eses discursos doe máis, acaso non coñecen a historia do seu pobo? Acaso non se lembran o que tiveron que pasar, durante varias xeracións, neste país? Suíza, Alemaña, Cuba, Venezuela e Arxentina foron algúns dos países onde os galegos tiveron que emigrar para non morrer de fame.
Un exemplo que me gustaría nomear é o dos mosenses que emigraron a Arxentina a comezos do S. XX. Alá, no ano 1918, fundaron a Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires, unha asociación que hoxe en día segue moi viva e que tiven o pracer de coñecer o pasado xuño. Con motivo da celebración da Festa da Rosa foron nomeados como Valedores da Rosa (ao meu parecer, os únicos merecedores de tal distinción), e grazas a iso viu un grupo de persoas xeniais e encantadoras. Algúns son nados en Mos, outres son filles de, ou netos de, pero teñen algo en común: son de aquí e de alá, ou non son nin de aquí nin de alá, segundo como se queira ver. Sexan o que sexan, están ao outro lado do charco mantendo a cultura galega mediante a danza, o canto, a percusión, as gaitas… E iso é todo un orgullo para un concello como o de Mos, e un orgullo para un pobo como o galego, conseguindo levar a nosa cultura a outros países e mantendo vivas as nosas tradicións.
Seguindo o seu exemplo, e agora que son (se non me equivoco) o primeiro concelleiro do concello de Mos fillo de inmigrantes, teño a honra de representar e defender ambas culturas e países, tecendo lazos e lembrando que, aínda que non sexamos nin de aquí nin de alá, defendemos ambos países por seren os que nos acolleron a nós e aos nosos pais e avós. Meu pai ten unha tenda galeguista, miña nai representou obras en galego e eu son galego falante… “A vaca é de onde pace, non de onde nace”.
