Patricia Sio, militante do PCG e ex concelleira
O Servizo de Axuda no Fogar -SAF- que atende as persoas dependentes, é municipal prestado por unha plantilla feminizada en todos os concellos. Trátase dunha “competencia impropia” que transferiu a Xunta no ano 2008 coa Lei de Servizos Sociais de Galicia. Isto é o máis lóxico ao ser o concello a administración que temos máis preto. O problema é que os concellos asumen as funcións pero non reciben os cartos suficientes para garantir unha boa atención ás persoas dependes nin unhas condición laborais dignas ao persoal e ten que tirar de fondos propios.
Como xestionan os concellos este servizo? A través de empresas externas, o que coñecemos como “sacar a concurso”, aínda que a normativa aplicable permite que o faga directamente con persoal propio. É dicir, pode remunicipalizalo e converter en empregadas municipais ás traballadoras. Ao externalizar, a empresa gañadora sempre é a máis barata (o que máis puntúa é o prezo) e isto empeora, se é posible xa máis, as condicións das traballadoras e como consecuencia a atención ás persoas usuarias. A ganancia dalgún lado ten que saír.
As traballadoras de toda Galicia veñen denunciando dende sempre os riscos aos que se expoñen a diario. Os seus centros de traballo son os domicilios nos que se presta o servizo e nos que sofren lesións e accidentes de todo tipo polas tarefas que desenvolven. Pero hai tamén acoso, agresións, violencia verbal, física e sexual dalgúns usuarios e usuarias e de familiares. Todo isto por un salario moi pequeno, contratos a tempo parcial e desprazándose no seu propio vehículo e a toda présa (outro perigo máis).
A responsabilidade desta situación de risco e semiescravitude é de concellos e Xunta. No Porriño os gobernos municipais lavaron as mans dende sempre ante as queixas das traballadoras e tampouco se fixeron cargo da xestión directa; a Xunta nunca financiou como debe. A isto chegouse a nivel autonómico coa complicidade do PP, PSOE e tamén BNG cando a Xunta pasou a competencia aos concellos sabendo que non se pode garantir un servizo sen blindar o seu financiamento, No Porriño, dende EU SON – Esquerda Unida demandouse ao longo de oito anos a xestión municipal directa e a dignificación e recoñecemento das traballadoras do SAF. Todo foron escusas do PSOE, BNG e PP.
Clasismo e machismo que non é exclusivo do Porriño, senón que vén da condición de feminina do cadro de persoal dos SAF, do escaso valor que se dá tanto ao seu traballo como ao das familiares das persoas dependentes. Por que? Porque atender a dependentes é traballo de coidados (traballo reprodutivo) que se asume que non ten valor económico (como o produtivo) e que o facemos normalmente as femias da familia por amor, ou as do servizo municipal por catro euros. Elas, as que esixen os seus dereitos, sofren represalias con reducións de horas, chóranlle ata a roupa de traballo, desprézanas pola súa suposta “falta de formación” e buscan enfrontalas entre si.
Quen nos axuda a coidar dos nosos familiares dependentes debe traballar segura e por un salario digno. Os traballos de coidados non poden seguir cargados ás costas das mulleres das familias, deben asumirse polos servizos públicos, pero isto non pode ser como ata agora, pouco, mal, sobrexplotando e poñendo en risco a outras mulleres da nosa clase. No sistema que padecemos, cambiar a mellor só é posible se o Concello, con recursos suficientes, se fai cargo do servizo directamente. O imprescindible en todo caso é unha avaliación de riscos axeitada en cada domicilio e o seu seguimento as circunstancias varían. Ante o aviso dunha traballadora, na empresa, no concello ou no sindicato, debe actuarse de inmediato. A queixa constante ata agora era que os gobernos municipais, o que tocara, dicíanlles que só podían escoitalas, que todo é cousa da empresa. E pasa unha empresa e vén outra e pasa o que pasa.
Hai unhas semanas o asasinato de Teresa no Porriño trouxo a consternación. Foi o momento da dor, o respecto e o cariño para as súas compañeiras e seres queridos. Pero isto non vai de sentimentos e entón e agora toca falar de dereitos, de condicións de traballo e de solidariedade de clase, de esixir que non se escorra o vulto en competencias e empresas externas. Non fan falta protocolos, só cumprir coa lexislación de prevención de riscos laborais e remunicipalizar o SAF do Porriño e os de toda Galicia.
Saen traballar por unha miseria e deixando a saúde.
A Teresa matárona por ser muller, DEP.
