Queiman Galiza

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Como unha “carioca” que se morde o rabo, o abandono do rural tamén é consecuencia dos lumes, e a súa vez os lumes vense favorecidos por ese abandono. As aldeas e vilas sen xente que viva e traballe nelas son determinantes para que a natureza faga o seu traballo e o invada todo. Hai lumes porque non hai xente, non hai xente porque hai lumes

Os incendios fan que o monte perda o seu valor natural e económico aumentando a presión e facilitando o “abandono” das aldeas. O lume convertese nun factor máis a sumarlle á política institucional de abandono: sen escolas, sen centros de saúde, sen liñas de transporte público ou sen sucursais bancarias é difícil sobrevivir nun entorno rural.

Ese rural do que tanto falaba o Sr. Feijoo, o reconvertido en madrileño de Madriz. Cada vez que gañaba unhas eleccións dicíanos que “esta era a lexislatura do rural!”, que ia transformalo nun paraíso cheo de traballo, comodidades e servizos públicos.

Traducido ao galego común estaba anunciando un plan de despoboamento e éxodo ás cidades facendo imposíbel a vida nas aldeas. Para acadalo o goberno da Xunta privatizou e eliminou servizos públicos, facilitou a invasión do eucalipto e fomentou o abandono das explotacións agrarias e gandeiras.

Non existe a política de prevención…

Os montes están “a monte” e cheos de biomasa, esperando que alguén os limpe ou que ardan. É un tópico, pero os lumes apáganse antes, con prevención, limpando os montes e facendo unha ordenación racional do territorio. Pero iso a Xunta non o fai, pola contra practica unha política pirómana permitindo que Galiza se transforme nun latifundio de especies de crecemento rápido para ir enchendo a conta de resultados de empresas invasoras como ENCE.

…a de extinción está baseada na precariedade.

No noso país a extinción dos incendios é un gran negocio para unhas poucas empresas amigas que se lucran dos lumes. Temos un servizo maiormente privatizado que ten que enfrontarse aos incendios nunhas condicións de gran precariedade laboral e material. Moitas horas e pouco salario, así é imposíbel ofrecer un servizo efectivo e de calidade para combater os lumes. Se buscamos nos medios non oficiais podemos ler as declaracións de moitos traballadores expoñendo a crúa realidade do seu traballo enfrontando os lumes: moitas horas, pouco salario e descoordinación por parte da Xunta.

Galiza arde, os presidentes fan teatro.

Cando comezaban os incendios e aumentaban en extensión e importancia o Sr. Rueda paseábase polas feiras do viño de Cambados e Monterrei ou acudía aos touros a Pontevedra. Cando a TVG xa non podía tapar o fume que podíamos ver noutras televisións apareceu un presidente transformado, sen barbear e con chaleco amarelo para dar sensación de preocupación e de estar traballando para solucionar unha situación que xa se lle fora das mans.

Coa cara máis dura que o formigón o noso presidente chorón non paraba de laiarse en público pedíndolle ao goberno central medios, o exercito, hidroavións, etc. Mentres, tiña as motobombas da Xunta paradas e case douscentos postos sen cubrir no servizo contra incendios,

Pouco despois chegou o outro presidente, o de España, para visitar as zonas afectadas e facer unhas declaracións acompañado do tipiño do chaleco amarelo. Outro gran actor especializado en dramas, dounos ánimos poñendo a cara de compunxido que só el sabe poñer para prometer todos os medios do mundo para apagar os lumes.

E a culpa de quen é?

A culpa non é do cambio climático, tampouco de un pirómano que se divirte prendendo lume, esa é a argumentación máis cómoda para os que non fan nada por evitar os incendios. Culpan á natureza ou alguén con problemas mentais para desviar a atención das súas responsabilidades.

Non é casualidade que dun día para outro ardan tantas zonas ao mesmo tempo. Aínda que se dean as circunstancias meteorolóxicas e ambientais, non é críbel que se provoquen tantos lumes en tan pouco tempo e nunhas zonas tan concreta.

No capitalismo todo responde a unha lóxica onde os intereses económicos están por riba de todo. E nestas zonas da Galiza veñen moi ben estes incendios para favorecer o abandono e o despoboamento, política que a Xunta ven implementando desde fai tempo, e así eliminar competidores e “protestantes” no rural galego.

Así será máis fácil encher os montes de eucaliptos ou muíños de vento, aprobar proxectos mineiros previstos para extraer litio, volframio, cobre ou seguir instalando parques eólicos. Todo para beneficiar aos alleos e seguir, coma sempre, espoliando os nosos recursos.

Queren aldeas desertas, ou como moito que só se habiten as fins de semana para facer turismo rural da man de algún millonario inglés ou holandés que as mercará a prezo de saldo para facer negocio.

Marín, 26 de Agosto de 2025.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.