
A finais do pasado mes de agosto o líder de Vox Santiago Abascal expresou o seu desexo de afundir o barco dunha ONG que rescata persoas migrantes perdidas no mar en grave perigo de morte inminente. Cando escoitei as repugnantes palabras dun suxeito tan abominable, pensei que poderían servir de catalizador para que os dirixentes do PP amosaran con claridade incontestable que ese lixo intelectual non vai con eles, e que baixo ningún concepto van asumir ningún tipo de postulado fascista. Pero non, nin dirixentes nin militantes. Non escoitei a ningún cargo do partido popular expresar de ningunha maneira o seu rexeitamento á excreción biliar de Santiago Abascal.
O certo é que o que semellaba imposible é unha triste realidade:O fascismo está de novo entre nós. Está aquí, e está agora. Como chegamos ata esta situación?, Como é posible que o que nunca máis debería ter acontecido, estea pasando novamente ?.
A resposta non é doada, e probablemente teña que ver cunha suma de razóns complexas varias. Pero, ao meu xuízo, poderíase sintetizar naquel aforismo de Rodrigo Rato que viña a dicir algo así como “ Es el mercado, amigo”.
Vou tratar de explicarme: O problema non é o fascismo en si: Abascal , Le Pen, Meloni, Trump, Ayuso, Milei…son en verdade consecuencias do verdadeiro mal: O capitalismo. O poder económico é o que manda realmente no mundo. Os gobernos teñen moi pouca marxe de manobra para defender políticas contrarias aos intereses do capital. E cando tratan de confrontar, por pouco que sexa, coa oligarquía económica, sofren un acoso brutal: político, mediático, xudicial e incluso moral, por parte dos axentes comerciais do capital, por parte dos que libremente decidiron tomar partido por eles mesmos traballando ás ordes dos poderosos. Non hai moito tempo, Podemos, unha forza política supostamente rupturista, tivo opcións reais de gañar unhas eleccións, de feito chegou a formar parte do goberno do estado. A reacción do capital foi empregar todos os seus recursos para asasinalos civilmente, incluso o seu ex SX e a súa parella tiveron que soportar o acoso fascista na porta da súa casa durante meses de hordas de animais en corpos humanos, que lles impedían poder desenvolver unha vida persoal normal.
Agora mesmo son innumerables as festas populares, normalmente en concellos gobernados pola dereita, na que grupos de imbéciles analfabetos berran sen pudor arrastrados pola masa aquelo de “Pedro Sánchez hijo de puta”.E tampouco escoitamos, eu polo menos, a ninguén do PP condenar de ningunha maneira unha forma de facer política absolutamente incompatible coa convivencia pacífica entre persoas que pensamos diferente.
O fascismo non é máis que a consecuencia máis extrema do capitalismo. Cando o mercado percibe que se lles escapa o poder crea ese tipo de monstros que non teñen outro obxecto que pór todo en orde: Todo para os de arriba e nada para os de abaixo. No século pasado as consecuencias desa monstruosidade foron monstruosas, se cadra as peores de toda a historia da humanidade. Como rematará desta volta? Non o sei. Pero si sei como desexo eu que remate: Desexo que a humanidade se dea de conta de que o capitalismo é un sistema que non é viable a longo prazo e que vai acabar, se non acabamos antes con el, coa extinción da especie humana. Desexo que a humanidade sexa capaz de construír algo parecido ao socialismo. Un sistema no que todos recursos necesarios para a vida se poñan ao servizo do ben común de todas as persoas sen excepción, de maneira que ningún ser humano se vexa na necesidade de emigrar para poder vivir con dignidade.
