O plan ‘Da Cinza á Vida’ procura a atención inmediata axs afectadxs, a recuperación ambiental real, un novo modelo de monte multifuncional, unha prevención estrutural e eficaz e a revitalización do medio rural
Urxe un fondo de recuperación económica, social e ambiental Xunta-Estado, aumentar as axudas a vivendas até os 200.000 € e crear unha achega directa de 6.000 € para autónomxs, pemes e economía social “con burocracia cero”
Aposta por duplicar os fondos de prevención en dous anos, aplicar unha moratoria ás novas plantacións de eucalipto, un plan verde para limpeza e xestión forestal e aumentar a faixa de protección a casas e núcleos poboacionais
Defende a proposta do BNG como base para un gran acordo de país a favor dun novo modelo forestal e de medidas efectivas para protexer Galiza ante os lumes
“Galiza merece moito máis que o uso político partidista e carroñeiro que o PP quixo facer no medio dos peores incendios da nosa historia”, alega
Santiago de Compostela, 1 setembro 2025.
A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou en Ourense o plan integral ‘Da Cinza á Vida’ deseñado polo goberno alternativo do BNG para evitar que se repitan as vagas de incendios e darlle futuro ao medio rural, logo dos desoladores lumes rexistrados este verán e que considerou “deben ser un punto de inflexión” para cambiar de raíz as políticas forestais, ambientais e de desenvolvemento rural de Galiza fronte ao “modelo fracasado do PP”.
“O que vimos non pode volver a repetirse e para impedir que poidamos ter novas vagas de incendios coma estas, temos que deixar atrás o modelo fracasado do Partido Popular”, afirmou nunha comparecencia xunto a deputados e deputadas do Parlamento, da Deputación de Ourense e alcaldes e alcaldesas nacionalistas dalgúns dos concellos afectados polos lumes.
“Galiza merece moito máis que as mentiras e a propaganda coas que se quixo tapar a falta de prevención e a descoordinación dos dispositivos contra o lume, merece moito máis que o uso político partidista e carroñeiro que fixo o PP no medio dos peores incendios da nosa historia”, criticou para apostar a continuación por un novo modelo forestal e de desenvolvemento rural.
Pontón explicou na súa comparecencia as principais liñas de actuación propostas polo Bloque no plan ‘Da Cinza á Vida’, unha “proposta ambiciosa, realista, transformadora e comprometida co futuro do País” que inclúe máis dun cento de medidas concretas que teñen como obxectivo prestar atención inmediata ás persoas afectadas, afrontar unha recuperación ambiental real, cambiar a política forestal e desenvolver un novo modelo de monte, revitalizar o rural e poñer en marcha unha política de prevención dos lumes estrutural e eficaz.
Prestar apoio inmediato axs afectadxs e recuperación das zonas afectadas
Entre as medidas destinadas a prestar apoio inmediato ás persoas directamente afectadas polos lumes e á reconstrución das zonas queimadas, a líder nacionalista avogou por crear un plan de restauración hidrolóxico forestal e de control da erosión e un fondo de recuperación económico, social e ambiental por parte da Xunta e do Estado, cunha dotación mínima inicial de 200 millóns de euros, ampliable en función das necesidades que se detecten, e que vaia directamente ás zonas afectadas polo lume.
Así mesmo, considerou necesario incrementar até os 200.000 euros as axudas destinadas a recuperar as vivendas queimadas e avogou por articular unha axuda directa e inmediata de 6.000 euros para persoas autónomas, Pemes e economía social que permita sufragar gastos de difícil xustificación e necesidades perentorias. Axudas todas elas que, recalcou, deben ter garantida a “burocracia cero”. “Non marear á xente que sufriu estes lumes con papeleo innecesario e que estas axudas teñan unha resolución áxil”, reclamou.
Novo modelo forestal e desenvolvemento rural
No bloque das medidas encamiñadas a acadar un novo modelo forestal e de desenvolvemento rural, considerou preciso mudar o actual modelo fracasado do PP e apostar por un monte produtivo porque, subliñou, un monte produtivo nun rural onde vive xente “é un monte que ten menos posibilidades de arder”.
Nesta liña, debullou algunhas das medidas propostas polo goberno alternativo do BNG, como a implantación da obriga de que a estrutura forestal sexa en mosaico, alternado especies de distinta combustibilidade con devasas e pasteiros, o que permitiría promover a biodiversidade e tamén como medida de seguridade, xa que ordenar así o territorio facilitar a súa protección e favorece os labores de extinción.
“Trátase de apostar por que a forestación que se faga sexa con madeiras de calidade con esa estrutura en mosaico e onde deixemos atrás esas grandes masas de monocultivo de especies pirófitas que sabemos que son un grave problema cada vez que se producen un incendio”, afondou.
De igual xeito, avogou por unha aplicación efectiva dese principio de desenvolvemento multifuncional do monte, apostando por proxectos que incrementen os sistemas de pastoreo, a produción de madeiras de calidade para segundas transformacións e tamén o aproveitamento doutros produtos do monte.
En terceiro lugar, defendeu a implantación dunha moratoria a novas plantacións de eucalipto, unha especie pirófita que considerou “unha auténtica temeridade” continuar expandindo no territorio, o que significaría ademais ignorar o cambio climático e as súas consecuencias.
Co obxectivo de desenvolver un novo modelo forestal, avogou por último por recuperar as UXFOR (Unidades de Xestión Forestal) impulsadas desde o goberno do BNG nos anos 2005-2009 e que contribuían a ordenar os espazos, crear zonas silvopastorís, devasas, faixas de protección e masas forestais ordenadas e discontinuas. “Permitiría acaba cunha parte do abandono do noso monte, que sexa produtivo e que aemais estea ben ordenado para evitar que os incendios sexan un problema para todos e todas”, remarcou.
Protección das persoas e do territorio
Pontón tamén explicou algunhas das propostas do Bloque para garantir unha protección efectiva das persoas, das súas vivendas e do seu territorio. Entre elas, apostou por duplicar os fondos destinados a prevención nos próximos dous anos e por crear un plan verde de emprego dotado con 50 millóns de euros para a contratación de traballadores e empresas locais que fagan labores de limpeza, xestión forestal, reforestación e proxectos de ordenación e xestión do territorio.
Por último, apelou a afrontar o debate sobre o funcionamento das franxas de protección a casas e a núcleos de poboación. “É evidente que hai que incrementar estas faixas de protección a 100 metros e que a Xunta debe crear un fondo extraordinario que permita executar esta medida porque unha lección que nos deixa esta vaga de lumes é que hai que poñer medidas efectivas para protexer as persoas, as vivendas e o territorio”, defendeu.
Estas son algunhas das principais medidas propostas polo goberno alternativo do BNG no plan ‘Da Cinza á Vida’ que Pontón considerou preciso someter a seguimento a través da creación dun comité galego de recuperación para os incendios, no que participen diferentes estamentos da sociedade galega, para garantir a súa execución e incorporar novas medidas no caso de ser preciso.
“Este plan nace do convencemento de que é posible reconstruír, protexer e transformar, nace da convicción de que hai outra política forestal posible e que debemos de tomar medidas que vaian á raíz dos problemas e que eviten unha nova catástrofe como a que acabamos de vivir este pasado mes de agosto”, indicou fronte aos que pretenden responder con “silencio, resignación ou a rutina de promesas baleiras e propaganda”.
A portavoz nacional recoñeceu e agradeceu o esforzo de todas as persoas do dispositivo que loitaron contra os lumes, de toda a veciñanza, de todas as persoas voluntarias -“verdadeiros heroes e heroínas no medio desta catástrofe”, subliñou- e das alcaldesas e alcaldes “de todas as cores políticas que en moitos momentos traballaron en circunstancias moi adversas e sen a coordinación necesaria”. De igual xeito, enviou todo o cariño e apoio do BNG aos tres brigadistas que continúan hospitalizados e aos que desexou unha pronta recuperación.
“Esta vaga de lumes déixanos unha ferida aberta que afecta á nosa economía, que afecta ao noso medio natural, pero que tamén nos deixa rabia, dor e indignación ante unha catástrofe que podía terse evitado e a lección e a certeza de que non podemos seguir como estabamos”, denunciou para incidir na necesidade de tomar medidas que permitan deixar atrás as políticas fracasadas do PP.
“Cremos que Galiza merece máis que o que ofrece o Goberno do Partido Popular, merece un modelo diferente que dea futuro e vida o noso medio rural e que poña en valor o noso monte”, recalcou logo de presentar un plan integral sobre o que, concluíu, o BNG vai traballar para que “sexa a base dun gran acordo de País” a favor dun novo modelo forestal, de políticas de desenvolvemento rural e de medidas efectivas para protexer Galiza fronte aos lumes.
