Xa consumida a primeira metade do actual mandato, achegámonos ata Ponteareas para conversar coa ex alcaldesa e voceira do BNG, Cristina Fernández, para coñecer a súa valoración sobre como está a realidade política na capital da comarca do Condado. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ O goberno de Ponteareas está centrado na propaganda. Non teñen capacidade para achegar solucións efectivas aos problemas da veciñanza”
Que valoración política fai o BNG da primeira metade do mandato da alcaldesa Nava Castro?
A nosa valoración non pode ser outra que negativa. É un goberno centrado na propaganda que carece tanto de modelo de vila como de solucións efectivas e realistas aos problemas de Ponteareas. Non hai ningún plan de goberno marcado, nin obxectivos aos que chegar, nin camiños definidos para percorrer. É un absoluto despropósito. Limítanse a xestionar o día a día como poden. Por outra parte de maneira inexplicable anulan moito do que avanzou Ponteareas nos anos do goberno do BNG.
Por que dis que é un goberno de propaganda?
Hai numerosos exemplos que así o amosan, pero co que vou dicir agora penso que queda absolutamente claro: O goberno contratou unha empresa de comunicación por 100.000€ ao ano, e é o propio sobriño da alcaldesa o que fai as fotografías.
Un concello como o noso non pode dilapidar esa enorme cantidade de cartos en propaganda mentres sobe os impostos de maneira brutal.
Ponteareas está en regresión?
Si, claramente si. E non só iso, tamén está vivindo das rendas do traballo realizado nos gobernos do BNG. Se non fose pola aprobación do plan urbanístico e a ampliación da depuradora nada do que están facendo en Ponteareas podería ser.
O goberno actual láiase de maneira recorrente da situación económica herdada, din que foi moi mala. E afirma que grazas á súa xestión as finanzas do concello están moito mellor. Que tes que dicir ao respecto?
É absolutamente falso. É unha mentira flagrante e unha manipulación interesada evidente. O que din as contas do 2024 é que o gasto do Concello é superior aos seus ingresos. Nós recuperamos unha xestión económica nefasta, derivada de 40 anos de goberno das dereitas. E grazas ao noso traballo o Concello pode ter patrimonio, algo que nunca se fixera antes na historia de Ponteareas. A xestión económica do goberno actual é mala, e a xestión política é a típica do PP.
A que te refires?
Refírome a que os cartos non se invisten no ben común, senón no de persoas e colectivos que o PP identifica como próximos.
Aquel “ Cala parapléjico” do inicio do mandato apuntaba ao inicio dun período tenso nas relacións do goberno coa oposición. Confirmouse?
O partido popular fai política no lameiro. Síntese cómodo nese terreo. Nós desde logo que nese contexto de agresividade e crispación non imos entrar. Formulamos as nosas propostas para confrontar o noso modelo de Ponteareas coa falta de modelo do PP, e tratar de recuperar a confianza da maioría social de Ponteareas.
A transparencia do goberno é adecuada e suficiente?
Non, non o é. Non teñen en conta nin á veciñanza nin á oposición. Manipulan a información, e incluso a súa xestión do regulamento dos plenos é moi deficiente. Nos plenos as palabras non se dan ou se quitan segundo corresponda, senón que o criterio é depende de quen sexa o que queira falar.
O cambio que acaba de haber no voso grupo municipal, a que foi debido?
Sae Fran Aparicio, un magnífico concelleiro, que nos achegou moitas cousas, e que vai seguir achegando, malia que xa non en primeira liña. As circunstancias da súa vida impídenlle seguir exercendo como concelleiro.
Entra Marián Hermida ,unha persoa que ten unha moi importante implicación no tecido social,e que posúe unha formación dunha solidez moi difícil de igualar. Estou segura de que vai ser unha excelente concelleira. Vai estar vinculada a área de servizos sociais e non me cabe dúbida de que o seu traballo vai estar na excelencia.
Nos últimos días de agosto o noso país viviu unha terrible vaga de lumes. Como afectou a Ponteareas e como valoras o traballo do goberno no eido da prevención de incendios?
En Ponteareas houbo varios focos de lume que se atallaron rápido. Fomos nós cando gobernabamos os que fixamos un regulamento no que se refire ao papel que debe de ter o Concello na prevención dos lumes. Este goberno por desgraza tamén xestionou mal este asunto, tan importante para os noso territorio e para a seguridade das persoas. Tamén é necesario salientar que esta é unha competencia da Xunta, e como é habitual no PP miran para outro lado e pásanlle á xestión aos concellos sen dotalos de recursos suficientes.
Como está a situación do centro de saúde?
Durante todo o verán estivemos sen matrona. Estivemos só con dous especialistas en pediatría. Incluso houbo momentos nos que non houbo nin un só pediatra e que as crianzas eran atendidas directamente nas urxencias do Cunqueiro. A situación da sanidade en Ponteareas é mala, igual que en todo o país
A sanidade é unha competencia autonómica
Si, si que o é. Pero cando un dereito humano básico como a saúde non se atende de maneira adecuada pola administración competente, o Concello debe reclamar con contundencia que se atenda de inmediato.
E reclámao?
Non, de ningunha maneira.
En relación á situación do saneamento e a limpeza dos camiños, que nos dis?
En primeiro lugar salientar que a promesa electoral do PP de que nos dous primeiros anos de mandato todas as parroquias de Ponteareas ían ter saneamento foi unha promesa incumprida. O tempo amosou que foi unha mentira máis. Por outra parte teño que recoñecer que o noso goberno non
foi suficientemente efectivo á hora de rozar as parroquias. Malia termos limpado máis de 400 quilómetros de estradas e camiños, é certo que puidemos telo feito mellor. Estamos traballando con profesionais para aprender e mellorar no futuro. O partido popular non o está facendo mellor nin moito menos. A situación é manifestamente mellorable.
No que se refire ao plan da Lomba cal é a opinión do BNG?
Para nós era unha cuestión prioritaria. Estaba incluído no plan urbanístico que agora eles modifican. Suprimen a zona dotacional verde, porque din que hai suficiente. Terán que xustificalo adecuadamente. Nós entendemos que é necesario compensar á veciñanza con servizos e terreos. O goberno terá que explicar por que iso non se vai cumprir. Na Lomba hai unha zona industrial e outra residencial. Non só hai que escoitar a opinión dos empresarios, tamén cómpre escoitar á veciñanza.
En menos de dous anos teremos o vindeiro proceso electoral municipal. Como están os ánimos e a saúde do BNG de Ponteareas?
A saúde do BNG local está na liña da saúde do BNG de todo o país: Excelente. Con toda a humildade quero dicir que Ponteareas nunca mellorou nin avanzou tanto como o fixo nos anos do goberno do BNG. Estamos indo claramente cara atrás. Nós traballamos con moita ilusión para tratar de recuperar a confianza da maioría social que nos apoiou no 2019.
É unha aspiración realista pensar en recuperar o goberno no 27?
Absolutamente si. As pulsións que percibimos nas rúas lévanme á convicción de que vai ser así.
Rematamos Cristina: Que tal a túa experiencia como deputada?
Para min é unha honra representar á veciñanza de toda a comarca. Unha comarca que ten moitísimos problemas estruturais e que precisa máis e mellor atención do goberno autonómico.
Dirías Cristina que a xestión política do goberno galego é responsable da terrible vaga de lumes que padeceu Galicia?
Con toda contundencia si. A ordenación do territorio e a prevención son as chaves para conter os lumes. Ambos aspectos son competencia da Xunta, e que se faga ben ou mal depende das decisións políticas que se tomen. É a Xunta e as súas nefastas políticas a que ten toda a responsabilidade no que aconteceu, e que volverá acontecer unha e outra vez a non ser que se lle dea unha viraxe de 180 graos á súa política forestal.
