O BNG reclama máis especialistas en Audición e Linguaxe para o CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas

Fernández Davila denuncia que, cunha soa especialista, este curso aínda quedarán máis nenos e nenas sen o apoio específico que teñen dereito

Santiago de Compostela, 26 de setembro, 2025.

A voceira de Educación do BNG, Cristina Fernández, reclamou na Comisión 4ª do Parlamento máis especialistas en Audición e Linguaxe para atender “con total garantía” a todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) no CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas, que comezou este curso con menos mestres que o pasado e unha soa especialista AL malia que se incrementou o número de nenos e nenas que precisan atención especializada.

Cristina Fernández lamentou o voto en contra do PP, que desoe así as demandas da comunidade educativa deste centro, que conta con preto de 300 matrículas e que, segundo destacou, comezou o curso co dirección ameazando con dimitir e a mobilización da ANPA para demandar máis profesorado de apoio aos seus fillos e fillas.

Tal e como relatou a deputada nacionalista, o pasado curso, con 34 alumnos que precisaban atención específica debido a trastornos no desenvolvemento da linguaxe, o Mestre Ramiro Sabell Mosquera tan só contaba cunha especialista de Audición e Linguaxe que, en 23 horas semanais, non podía a atender a todos os casos. Optouse por agrupar nenos e nenas con iguais diagnósticos, pero unha decena deles non tiveron o reforzo que precisaban.

A situación é aínda peor este curso, denunciou Fernández Davila, porque hai 36 alumnos/as que necesitan atención de AL, un máis en proceso de diagnóstico e todo o alumnado de 4º de Infantil que está pendente de valorar dependendo da súa evolución lingüística. “Queda claro que cunha soa especialista quedarán máis casos por atender que no curso 24/25, vulnerando así un dereito básico que teñen estas crianzas, nunha etapa temperá onde é moito máis doado conseguir resultados positivos”, subliñou.

A deputada da comarca de Ponteareas fíxose eco da preocupación das familias que, reprobou, viven con incerteza todos os veráns, sen saber se os seus fillos/as van ter a atención que precisan. “Non entenden que aínda tendo diagnósticos claros, informes médicos e de orientación, certificado de discapacidade nalgúns casos e toda unha etapa educativa por diante, a Consellería de Educación xogue todos os cursos co benestar e tranquilidade dos nenas e nenas e tamén das familias”, afondou.

Tras recordar que o CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera foi sempre referente en Ponteareas e noutros concellos dunha atención exemplar o alumnado NEAE, lamentou as trabas para garantir agora unha atención adecuada ás crianzas máis vulnerables. Este centro de Ponteareas, recalcou, non é un caso illado no sistema educativo galego, que sofre as consecuencias dun goberno do PP “máis preocupado por aparentar ser os de mellores resultados e os máis innovadores de todo o Estado” malia que “para conseguilo teña que deixar atrás a un terzo do alumnado con diversidade”.

Os nenos e as nenas non son números

“O PP opta por un modelo educativo que mingua a capacidade dos centros de atender debidamente ao alumnado con NEAE e a aqueles que a súa discapacidade é moi considerable ensínalles a porta para que as familias os matriculen en centros educativos especiais”, sostivo.

Cristina Fernández criticou a continuación que “para a Xunta e o PP os nenos e as nenas tan só son cabezas que contar dentro das aulas”. “Na educación, como na sanidade, nos coidados ou na solidariedade non caben os números. Non teñen que ser rendibles nin, por suposto, dar beneficios”, advertiu.