Un xeito de ser, Marín a toda vida

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Se un visitante chega por primeira vez a Marín e da un paseo polas nosas rúas poderá comprobar como a maior parte delas teñen un ou varias construcións abandonadas, ruinosas ou a medio facer. Se pregunta o por que desta situación alguén lle informará que o caos urbanístico que padecemos ven motivado polo abandon nas súas funcións por parte do concelleiro de urbanismo. Parece ser que ten moita ocupación no do Parlamento Galego, e non ten tempo para cumprir coas súas obrigas como concelleiro.

Continuando o paseo tamén poderá observar o dinamismo do comercio e a hostalería locais. Rúas con case todos os baixos fechados; véndense, traspásanse ou alúganse.

A poucos metros da casa do Concello observará abraiado un enorme solar a monte cheo de entullos poboado por unha colonia de gatos sen control. Recomendámoslle que non se achegue moito aos gatos para non verse afectado por unha praga de pulgas que ataca ao alumnado do colexio da Inmaculada.

Poderá darse unha volta polo porto e comprobará como temos un “auditorio” a medio facer e sen data para a inauguración. A beira desta obra desfrutará dunha piscina non-piscina que nós vai custar unha millonada para maior beneficio da Autoridade Portuaria, exemplo do que non se debe facer co patrimonio marítimo histórico dunha vila como Marín.

Se quere coñecer o río Lameira deleitará os seus ollos coa desfeita dunhas obras que estiveron case un ano paradas e se recomezan intermitentemente. Unha semana podemos ver aos operarios traballar e á seguinte non.

Durante este paseo deberá ir atento, cun ollo para riba para ver estas cousas e outro ollo para abaixo para poder ir esquivando a gran variedade de excrementos caninos que decoran as nosas rúas. Camiñar por Marín é unha carreira de obstáculos.

Recomendámoslle ao visitante que veña en transporte público, pois de vir no seu vehículo comprobará o difícil que é moverse e aparcar nas rúas de Marín. Máis se ven un xoves ou un sábado, onde o mercado concentra case todo o tráfico rodado sen ningún tipo de control.

Este é o noso “Xeito de Ser”, o “Marín a toda vida” que promove o goberno local do PP. Moito lema bonito, moita foto e moitas festas para agochar a realidade de Marín. Nula xestión dunha equipa esgotada que só sabe sacarse fotos cos “achegados” cando o concello organiza algunha festa-evento.

Titulares de prensa e fotos nas redes sociais, unha realidade virtual que non pode tapar todas as obras interminábeis e mal feitas, as rúas porcas, os baixos fechados, os edificios a medio facer e unha mobilidade propia de algunha cidade italiana (con perdón pola comparación).

Unha incapacidade do goberno municipal do PP para solucionar os problemas reais de Marín. Unha xestión que é fume, máis nós últimos tempos este fume é máis espeso e deixa ver o desgaste dunha equipa acostumada a non ter oposición. A nosa alcaldesa xa leva tanto tempo gobernando con cómodas maiorías absolutas que se sinte como unha raíña absolutista arrodeada de súbditos aduladores que non lle din que anda espida, que Marín xa non é o que era e a decadencia non se pode meter debaixo da alfombra.

Marín, 28 de outubro de 2025