
Baixo o amparo da “SOCIEDAD DE ASERRADORES MECÁNICOS” con enderezo na Casa do Pobo de Vigo, a “Sociedad de Agricultores” de Fornelos de la Rivera, Salvatierra de Miño, criouse sobre o mes de Decembro de 1925 unha Comisión para tratar de esclarecer un crime ocorrido nesa parroquia case seis anos antes, na persoa do Agrarista JUÁN DOMÍNGUEZ VIÉITEZ, suceso análogo o acontecido en Salvaterra o 02 de Setembro de 1911 na persoa doutro dirixente Agrarista, Francisco Rodríguez “Pancho”, crime cometido o abeiro do negro caciquismo bugallalista. A odiosa historia de impunidade criminal na nosa terra continuaba escribíndose.
Con tal motivo distribuíronse unhas follas, co relato dos datos coñecidos, repartidas entre as múltiples Sociedades democráticas do país, pedindo axuda moral e económica, cuxa lectura recomendaban vivamente en pro da causa do Agro Galego. Dicía así:
“Estimados compañeiros: Vai para seis anos, o día 02 de Febreiro de 1920, cometeuse un crime repugnante en Fornelos da Riveira. Dende o intre no que formamos esta Comisión tivemos conciencia clara do crime, comezamos a traballar para esclarecer o suceso e que foran castigados os culpables. Acudimos a opinión pública por medio da prensa, e esta, sempre inclinada ao ben, respondeu sen reservas os nosos requerimentos, prestándonos a súa asistencia na campaña, aportando datos que deixaran luz clara sobre o feito perseguido, alentándonos na prosecución do deber que libremente nos impuxéramos, axudando con cartos a sufragar os gastos que acarrexaba a nosa acción.
A pesares dos seis anos transcorridos, aínda non logramos que a nosa voz –de sobra oída por todos- fora escoitada por aqueles a quen compete administrar a xustiza que a nosa causa dita a calquera conciencia cabal. O mesmo que fai seis anos e co tempo transcorrido, recabamos hoxe novamente o apoio moral e económico desa Entidade para culminar a xigantesca empresa que supón facerse escoitar polos xordos de conveniencia, nesta terra de xordos voluntarios. Para que poidades obrar con pleno coñecemento de causa, narramos agora o odioso suceso cuxo esclarecemento perseguimos.
Na madrugada o día 02 de Febreiro de 1920, apareceu morto na charca de Curxido, o prestixioso Agrario desta localidade Juán Domínguez Viéitez, persoa de avanzada idade e moi apreciado entre os veciños. Este home era solteiro, sen fillos naturais coñecidos e vivía só. Sentíndose xa vello ditou testamento a favor duns seus sobriños nomeándoos herdeiros universais. Un día caeu doente de certa gravidade, e acudiron onda el para asistilo, os herdeiros. Cavilaron estes que a doenza do tío era mortal e adiantando codiciosamente a hora na que habían de entrar en posesión legal dos cuantiosos bens do Viéitez, comezaron a apropiarse deles, despoxando o doente de varios obxectos de valor que atoparon na casa. Mais o ancián recuperou a saúde e decatouse do despoxo do que foi vítima.
Indignado, deitou fora do seu carón os codiciosos parentes, anunciándolles a decisión de desherdalos. Pouco tempo despois, atopándose completamente restablecido, Viéitez anunciou as súas amizades que ía contraer matrimonio, designando o nome da futura esposa e os padriños da proxectada voda. Achegábase a data do enlace, cando unha mañá, a do día 02 de Febreiro de 1920, Juán Domínguez Viéitez apareceu morto na charca de Curxido.
Aquela mañá apareceu roubada a casa do morto. Dela desapareceron o suposto testamento ológrafo e numerosos recibos de préstamo que tiña feito o defunto aos conveciños. Este mesmo vecindario congregouse arredor da charca onde apareceu o cadáver e puido apreciar e dar testemuña verbal e escrita das seguintes circunstancias, no camiño de terra que pasa preto da charca, apareceu o bastón e o chapeu da vítima, entre o camiño e a charca hai grande cantidade de matas amén dun muro, que impiden o paso tranquilo do viandante, a charca, utilizada como poza de regadío, por causa de ser inverno e non realizarse estes labores, estaba chea de lama, o cadáver aparecía en posición decúbito prono, é dicir, boca abaixo, semienterrada a cabeza até a metade na lama, sobre o cadáver, e arredor del, podíanse apreciar pegadas humanas.
O médico forense limitouse a certificar unha defunción por accidente. Chegou a admitir a posibilidade do suicidio. Enterrouse o cadáver… e eiquí paz e despois… Despois os sobriños do morto, os mesmos que como mercaderes deitara fora el da súa casa, entraron en posesión da cuantiosa herdanza.
O tempo no que o suceso aconteceu foi o dos anos das vacas gordas do faraón Bugallal, déspota da provincia. Inútiles foron as parrafadas nos xornais, inútiles foron as estridencias nos mítines e inútiles as mensaxes os Poderes… Unha gran universal xordeira acubillou un nirvana malicioso nas altas esferas. Sí, abriuse o sumario, pero para facernos falar, e “por falta de probas”, sobreseeuse.
Máis chegaron auroras de rexeneración. O faraón recibiu un puntapé xeral e nos vislumbramos a ocasión de facer prevalecer a nosa demanda de xustiza. Instruíuse novamente a causa… Pero non estábamos asesorados por letrados e perdemos o tempo e os cartos. Non cesamos, nen cesaremos, mentres non se nos demostre que non ten fundamento a certeza de que se cometeu un bárbaro asasinato na persoa de Juán Domínguez Viéitez.
Imos intentar un novo esforzo. Pensamos enviar unha comisión a Madrid, a interesar do Poder público o nomeamento dun xuíz especial. Pensamos nomear un avogado de fama, de talento e honrado, que ben puidera ser o Sr. Barriobero, para que represente a nosa acción. Precisamos dicirvos camaradas, que para logralo, hoxe coma onte, é necesario o voso apoio económico?
Non se vexa nesta campaña o prurito vindicatorio dunha morte. Todos os días lemos novas de crimes semellantes. Todos estamos fartos de saber que a criminalidade non decrece polo castigo. Pero si, queremos que esta causa, que patrocinan todas as federacións agrarias, as sociedades obreiras e a prensa democrática da Galiza, sexa lograda con un positivo éxito, porque do contrario, o fracaso, sería pra todos unha confesión paladina de impotencia total para a acción cívica.
¡Compañeiros! ¡Pola Xustiza! ¡Pola dignidade da Democracia! ¡Asistídenos no noso empeño!
Vigo, Decembro de 1925
Pola Comisión: RAMÓN W?? MARTÍNEZ, JUAN DOMÍNGUEZ BUGARÍN, JOSÉ DOMÍNGUEZ.
Os donativos que acordedes facernos debedes envialos contra recibo a Juán Domínguez Bugarín, Casa do Pobo. Secretaría núm. 6 Vigo.”
Pasquín “Juventud Progresiva Hijos de Fornelos y Anexos”, Vigo 1925. Arq. C. C. G.
Nota: O asunto andou dando voltas durante anos sen resolverse, o golpe de estado de 1936 fixo o resto.
Salvaterra 02 de Novembro do 2025
