Respecto do publicado no Proxecto de Decreto polo que se aproba o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia, A Asociación Mar da Pedra de Amigas das Gamelas, queremos manifestar o seguinte:
Revisado o Catálogo proposto pola Consellería no entorno natural-patrimonial da praia da Congorsa, en Balea-Darbo, no Concello de Cangas, de conformidade co exposto na disposición adicional sexta da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, atopamos que na documentación publicada figuran 3 fichas neste entorno, con códigos inventario identificados cos números 74_019, 74_020, e 74_021.
Vaia por diante o noso recoñecemento a esa imprescindíbel labor de catalogación do patrimonio histórico cultural, etnográfico e industrial-pequeiro da nosa costa. Logo de décadas de desleixo, aplaudimos a tarefa e animamos as entidades da sociedade civil e de dereito público a participar nesta tarefa e facer escoitar a súa voz e os seus intereses sectoriais e colectivos, de seguro que ese esforzo será ben sucedido no momento de acometer decisións futuras que a nosa Vila e Concello de Cangas ten pendentes de acometer, tamén con notable retraso.
Pola nosa parte, remitimos ao portal da Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático – Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, as nosas propostas- suxerencias co ánimo de completar e mellorar o Proxecto de Decreto da Consellería.
Neste sentido, apreciamos a ausencia da catalogación do antigo varadoiro ubicado na Restribeira, entre a baleeira e as naves de conserva, no complexo industrial-conserveiro de Punta Balea, así coma as chabolas dos gameleiros da Congorsa.
Pensamos que a catalogación destes elementos é imprescindíbel para entender a importancia do conxunto e por ende, viabilizar a súa conservación e posta en valor. Para acadar estes dous obxectivos de xeito sostíbel é importante manter a súa unidade de sentido, evitar o fraccionamento do recurso e a súa disolución nunha mera agregación de construcións, que aínda con valores patrimoniais propios, teñen un gran potencial nas sinerxias da acumulación de construcións, usos e constituíntes da cadea de produción histórica da industria da pesca artesanal, secado de peixe, salgado, conserveira… Historia, etnografía, antropoloxía, idioma, artesanía, carpintería de ribeira, pesca artesanal de baixura e industrial de altura; un caso único na costa galega.
Por iso propoñemos a agrupación de todos os elementos nunha única ficha que debera facilitar o aproveitamento futuro de tan importantes recursos para a vida cultural e o desenvolvemento da nosa Vila e Concello.
Co ánimo de socializar a nosa iniciativa a respecto do catálogo, remitiremos a nosa proposta para o seu coñecemento ao Concello, á Confraría, e a outras entidades locais que amosan o seu interese por este asunto. Asemade, tamén queremos resaltar a sorprendente ausencia na catalogación dun elemento patrimonial directamente relacionado co mar e a navegación, “A Garita do Facho” así coma o castro sobre o que se asenta, de grande importancia, aínda que si está recollido o “Petroglifo do Tombo dos Visos”, nos mesmos arredores.
É por isto polo que estamos preparando outra proposta para remitir a vindeira semana, antes do remate do prazo establecido para o 1 de decembro de 2025, para o que solicitamos apoio e axuda das persoas ou entidades interesadas nestes e outros casos que poidera haber.
Anexamos a proposta, o apoio gráfico e a documentación publicada pola Consellería sobre este asunto no portal de transparencia a respecto do Concello de Cangas.
Atentamente, Antonio Lima
Presidente de Mar da Pedra.
