Carme Santos
Hai conflitos laborais que transcenden a empresa concreta na que se producen. O que está a acontecer en GKN Vigo é un deles. Non só polo número de persoas afectadas polo ERE que a dirección pretendía implantar, senón polo que representa para o conxunto do tecido industrial da cidade, para a cultura obreira viguesa e para o modelo de relacións laborais que se nos quere impor.
GKN foi durante décadas unha empresa de referencia no sector da automoción en Vigo. Xunto con outras grandes auxiliares, foi sinónimo de estabilidade, condicións dignas e emprego industrial cualificado. Por iso resulta especialmente preocupante que a proposta inicial da empresa para aplicar un ERE fose a de afectar a 72 persoas, xustificándoo por causas organizativas e produtivas, nunha empresa que non alega dificultades económicas nin perdas e que continúa tendo beneficios. Non estábamos diante dun problema de viabilidade, senón dun axuste de persoal nun contexto de incerteza sectorial, co obxectivo evidente de reducir custos e mellorar aínda máis as marxes empresariais.
Cómpre dicilo con rigor: a transición ecolóxica e industrial está chea de dúbidas, cambios tecnolóxicos e malas decisións acumuladas, pero nada diso xustifica que a resposta volva ser a de sempre: recortar emprego e empeorar as condicións laborais. A adaptación aos cambios pode ser lexítima. O que non é lexítimo é negar unha negociación real, presentar os recortes como inevitables e converter a incerteza nun instrumento de presión. Porque cando iso sucede, o que se está a facer non é preparar o futuro, senón socializar os riscos e privatizar os beneficios.
Neste contexto, a resposta da negociación sindical e da mobilización da plantilla merece un recoñecemento explícito. Durante toda a negociación non houbo listas pechadas nin nomes nin apelidos, nin se sabía quen podería verse finalmente afectado por este ERE. Pero esa non era a cuestión principal: o realmente relevante era que a mobilización non se limitase a quen puidese verse afectado directamente, senón que fose un movemento colectivo en defensa do benestar de todos e de todas as traballadoras e traballadores. Porque cando a resposta é xeral, a forza multiplícase. O resultado final, coa suspensión completa do ERE, é un claro exemplo de que esta solidariedade e unidade funcionan e son decisivas.
As empresas —e a propia inercia do modelo neoliberal— xogan moitas veces a unha estratexia ben coñecida: facer que cada persoa estea preocupada exclusivamente pola súa situación individual, algo absolutamente comprensible, pero que funciona como unha ferramenta para romper a unidade, debilitar a causa común e facilitar os recortes. Divide e vencerás. Precisamente por iso é tan valiosa a solidariedade que se está demostrando en GKN: porque entender que defender aos demais é, en realidade, defenderse a unha mesma.
Moitas veces criticamos aos sindicatos. Pensamos que poderían facer máis, mellor ou doutro xeito. Pero imaxinemos por un momento un escenario sen eles. Un escenario no que non houbese quen frease estas estratexias, quen organizase a resposta colectiva, quen plantase cara. O resultado sería unha sociedade aínda máis desigual, máis insegura e máis sometida ao medo.
Vivimos nun Estado constitucional que recoñece dereitos laborais, que non considera o traballo unha concesión graciosa das empresas, senón unha relación baseada nun equilibrio de intereses. Ese discurso de que “nos dan traballo” e de que debemos calar, agradecer e aceptar todo por medo a perder o posto é profundamente perigoso. As empresas contratan persoas porque as necesitan para producir, para xerar beneficios e para manter a súa actividade. Sen traballadores non hai empresas, igual que sen empresas non hai emprego. A clave está no equilibrio.
E ese equilibrio non cae do ceo. Constrúese. Cos sindicatos, coas institucións, coa sociedade civil e cunha cidadanía consciente de que permitir abusos hoxe é hipotecar o futuro mañá. Os gobernos teñen que ter a responsabilidade e a valentía de equilibrar a balanza, de condicionar axudas públicas ao mantemento do emprego, de non mirar para outro lado cando se vulneran dereitos.
Vímolo tamén fóra da fábrica. Vímolo en Balaídos, cando nun partido do Celta se lembrou a loita de GKN e unha parte importante do estadio respondeu cunha ovación de apoio. Esa imaxe é moi significativa: fala dunha cidade que recoñece esta loita como propia, que entende que non é unha reivindicación corporativa nin illada, senón unha defensa xusta do emprego e da dignidade do traballo nunha comarca profundamente marcada pola industria.
Neste punto cómpre nomear á CIG, non por exclusión, senón porque é o sindicato con maioría no comité de empresa neste caso e porque en Vigo é coñecido por unha tradición máis contundente e combativa na defensa dos dereitos laborais. Esa forma de estar na rúa, cando é para defender os intereses das traballadoras e dos traballadores, é precisamente a que o Partido Popular de Galicia tenta criminalizar de maneira sistemática, con discursos apocalípticos sobre axitación, caos ou suposta violencia, un relato interesado que busca deslexitimar a organización colectiva e meter medo para debilitar a capacidade de resposta da clase traballadora.
Pois menos mal que existe esa “axitación”, a da xente organizada, consciente, que non cala e que non acepta chantaxes nin discursos de resignación. Porque o que realmente molesta non é o conflito, senón que a xente perdamos o medo, que sexamos máis esixentes e que reclamemos máis dereitos e equidade sen “despistarnos” polo camiño.
Agora ben, xunto a este recoñecemento, tamén é necesario facer un chamamento á responsabilidade e á unidade de acción. Non só neste conflito, senón en todos os que están por vir. As traballadoras e os traballadores compartimos unha mesma sensación de fondo: fronte a desafíos cada vez máis globais, non nos podemos permitir que as liortas internas, as siglas ou as loitas por protagonismo rompan a unidade sindical. Cada organización ten a súa identidade, as súas estratexias e o seu dereito a reivindicar o seu papel, pero nunca por enriba das causas comúns.
Esta mesma esixencia é aplicable tamén ás organizacións políticas da esquerda social. A unidade non significa uniformidade nin renunciar ás propias ideas, pero si cohesión nos obxectivos fundamentais: a defensa dos dereitos laborais, da dignidade do traballo e dun modelo social máis xusto. Iso é o que a xente necesita e o que espera. Unidade para resistir, unidade para avanzar e unidade para conquistar metas comúns que beneficien á maioría social.
Por todo isto, todo o apoio ao persoal de GKN Vigo e ás accións que permitiron frear o ERE. Esta victoria colectiva demostra que a unidade e a mobilización teñen poder. Oxalá Vigo siga sendo un referente obreiro, unha cidade que non baixa a cabeza e que defende á clase traballadora desde un equilibrio social que, ao final, é o que nos fai gañar a todas e a todos.
Eu, que fun adoptada por esta cidade, síntome profundamente orgullosa de aprender das súas loitas, da súa dignidade e da súa maneira de mirar ao futuro sen renunciar á xustiza social. Porque sen iso, simplemente, non hai futuro posible.

Primer comentario