Arte Lixo 2026

Xa está aquí de novo o Arte Lixo, un dos sinais de identidade da Vila de Redondela. Da Redondela lúcida, solidaria, combativa e que non se resigna a ter que lle ceder espazos á peste do lixo fascista que parece que neste mundo voraz do imperialismo criminal se multiplica como os cogomelos se multiplican en outono. Esa Redondela que amamos fai Arte co Lixo, e nós, como cada ano, conversamos con eles e elas para seguir aprendo durante todo o que nos quede de camiño.

A edición deste ano trata de imaxinar futuros sostibles para as mariscadoras e para a pesca artesanal”

Facemos esta entrevista nun contexto un pouco especial. Podedes contarnos de que se trata?

Ha, ha, ha, ha..Ben, pois conversamos nun contexto de celebración, si. Estamos celebrando que seguimos aquí, que hai persoas novas que se incorporan a axudar, e que a xente que xa non está, de algunha maneira segue estando con nós….En definitiva, estamos celebrando a vida

Pois preguntémoslle ás persoas novas, Valentín e Ana, como se senten no colectivo Arte Lixo?

Marabillosamente ben ,contesta Ana

E a ti, Valentín, que tal te tratan?

Como ao lixo

Vaia, iso tes que explicalo

Fan arte comigo.

Ha, ha,ha, ha…Pois nada, haberá que comprobar o resultado final desa obra de arte. Imos coa parte seria: Este ano para o Arte Lixo semella un tanto especial pois estades integrados no proxecto “ Mariscando conciencias”.Explicádenos de que se trata

Trátase de imaxinar futuros sostibles cara ao futuro das mariscadoras e da pesca artesanal. Entón decidimos dedicar o Arte Lixo á mesma temática. Nós defendemos o valor do común, a forza imparable da sociedade civil organizada, e esta é unha forma máis de defender o traballo colectivo en prol do ben da comunidade.

Por que o título deste ano,”ata aquí chegaba o mar”?

Pretende ser unha mensaxe de esperanza. Simboliza o desexo de que as augas roubadas sexan recuperadas. Tratamos de imaxinar futuros sostibles para todos.

As persoas que teñan interese ata cando pode entregar as obras?

Ata o día 22.A exposición vai durar unha semana máis do habitual. Temos tres salas, máis contido, e queremos aproveitar para que a maior cantidade de xente posible poida achegarse a gozar das pezas expostas.

Unha das exposicións é a do artista local Xosé Cabaleiro. Que nos vai achegar?

A súa exposición vaise chamar “ Pedras”.Vainos ofrecer unha serie de obras feitas con pedras que e vai atopando e coas que fai unhas fermosas pezas que teñen unha profunda conexión coa terra e con todo o que significa.

A obra de Cabaleiro é dunha profunda densidade conceptual e estamos seguros de que vai sorprender agradablemente a quen aínda non tivera a oportunidade de coñecela.

Tamén tedes unha exposición de artistas locais?

Si, autores com Anxo Barros, Quico Amoedo, Fon Con…Buscamos artistas que estean en sintonía coa forma de entender a realidade que temos en Arte Lixo.

Hai unha parte da exposición sobre dúas mulleres mariñeiras

Si, que participan no proxecto no que cooperamos. O ano pasado fixeran un proxecto enfocado ao futuro do mar. Falaran con persoas de El Salvador e construíran, coa axuda da Universidade, unha preciosa danza.

Volve o Foto Lixo?

Si, volve con forza.

Faládenos do proxecto que chamades Foto Bar?

Pois si. Nós estamos profundamente conectados coa realidade social de Redondela e vemos como en bares como por exemplo o Café da Vila ou o Guay hai fotos preciosas do mar de Redondela. Entón fixemos un pequeno percorrido, que aínda non está rematado, polos locais da nosa vila. O que pretendemos é dicirlle á xente ata onde chegaba o mar e que existen probas gráficas documentais nos distintos bares de Redondela.

E por último toca falar do sonalixo?

Ben, pois é un novo exemplo da nosa política de colaboración. Neste caso co Festival de Maquetas. Nós non buscamos competir contra ninguén senón colaborar con todos aqueles colectivos que contribúan ao ben común.

Os grupos do sona deste ano son de gran calidade. Contaremos con:SPT, Autofelación matutina, Paciencia paradise, Picota FM, Escombro Dominicano

Que previsión de obras e de asistencia tedes?

O número de obras expostas van ser arredor de 100.E en canto á previsión de asistencia temos moi boas perspectivas. Estamos convencidas e convencidos de que moitas persoas se achegarán a gozar do talento dos nosos artistas.

Primer comentario

Deixa a túa opinión