COUSAS DE SALVATERRA, Guerra con Portugal. Ven de Xaneiro/26

Sitio de Lapela. Autora, Marcelle Rossi (Brandão)
Xaque
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Antón “Xaque”, Salvaterra 27/03/2026

(Historia do Portugal restaurado, Luis de Menezes, parte II, libro III.)

Corría o ano 1658. …os prisioneiros foron douscentos cincuenta, entre eles estaban o Sarxento Maior Antonio Nunes Preto, once Capitáns de Infantería, cinco pagos e seis de Auxiliares, durou a contenda de tres da tarde ata pechar a noite. Morreron dos inimigos trinta, entre eles o Capitán D. Joao Ozorio, ficaron feridos oitenta, entre eles o Comisario Xeral D. Joao Taboada, o Tenente Xeneral da Cabalería D. Tomás Ruiz, os Capitáns de cavalos D. André de Robles, D. Alvaro de Anaya, D. Antonio de Moscoso, D. Pedro Niño. O Marqués de Viana levado polos bos resultados, descansou o día seguinte, e deu lugar ó Conde de Castello-Melhor a tomar partido, e a salvar a pouca xente que lle ficara. Chamou a consello, e referiu nel o que todos tristemente testemuñaron. Dixo que a xente era pouca e os suministros menos, que o Marques de Viana vitoriosos sen dúbida atacaría aquel cuartel, incapaz de defenderse, pola falta de fortificacións e de guarnición, con que era preciso ceder a fortuna e escoller outro camiño menos arriscado que salvar aquel pequeno espazo, que era a única defensa de toda aquela Provincia. Todos os do Consello entenderon que a retirada era precisa, a aflición do Conde de Castell-Melhor era grande, e máis o saber que un traidor, André de Arenas axudante de cabalería, acusado de grandes delitos que polo visto tiña cometido no Reyno se pasara o inimigo, os Galegos.

Coñecendo o Conde de Castell-Melhor, que esa traizón había de facilitar ós Galegos o ataque ó cuartel, púxolle fogo na noite de vinte e un de Setembro, e retirouse ás serras de Coura distantes dúas leguas do cuartel da Silva, sitio tan aspero que se xulgaba por inexpugnábel. A Artillería conduciuna a Valença o Capitán Diogo Pereyra. O Marqués de Viana animado das información de André de Arenas, determinou atacar o cuartel na mesma noite en que o Conde se retirou, e vendo que comezaba a arder, mandou acelerar a marcha pero non se atreveu a seguir ós que fuxían, triunfou só das cinzas do incendio.

Chegou o Conde ás montañas de Coura e rapidamente fortificou o paso da Ponte de S. Martiño e outros por onde consideraba podía haber perigo. Recolleu as guarnicións do Forte de Berhlé e da Atalaia do Sardal, postos importantes, porén era maior a necesidade de xente para seguranza do futuro inmediato. Informou feacentemente á Raíña do grande risco en que se encontraba, causado polo pouco creto que se dera ós seus avisos, e persuadiu a Fernao de Sousa Coutinho, que contra as ordes que recibira de marchar a o Alentexo con o Tercio que levantara no Porto, acudise o Norte pola ameaza de maior perigo. Fernao de Sousa aconsellado da mellor prudencia, cedeu a instancia do Conde e marchou para o cuartel de Coura con seiscentos Infantes, dando conta a Raíña, que aprobou a sua resolución.

O marques de Viana con mais vagar do que pedía o bo tempo que colleu, marchou co exército polo pé do monte do Faro, cuxas abas se extenden pola Campaña de Valença e a trinta de Setembro gañou postos sobre o Castelo de Lapela, situado na marxe do río Miño entre Valença e Monção, e ocupou un arrabaldo, que por non ter defensa, estaba desamparado. Este principio facilitou a resolución de dar un asalto ó Castelo na madrugada do dous de Outubro, máis foron rexeitados, con perda dun Sarxento Maior e vintecinco soldados.

Gobernaba Lapela Gaspar Lobato de Lanções, soldado de valor, porén máis cargado de anos que de experiencias, o que pronto se verificou resgardando dentro do Castelo moitas mulleres cos seus fillos, que acostuman ser incentivos de pouca constancia dos soldados na defensa das Prazas.

Vendo o Marqués de Viana o mal resultado do asalto, decidiu dar principio o sitio, e mandou construír unha ponte de barcas no lugar de Lagos de Rey. Comezaron as baterías de artillería a disparar contra o Castelo dende ambas partes do Miño. As balas non fixeron moito dano nas murallas, pero as que acadaron a xente bastaron pra render o Castelo. Gaspar Lobato, perturbado do clamor das mulleres e dos infantes, asombrado do horror dos mortos e da ameaza dos galegos, ergueu a bandeira branca e rendeuse con cento cincuenta soldados, tres pezas de artillería, grande cantidade de municións e suministros co que podería defender o Castelo moitos días.

Mandou o Marqués de Viana os soldados pra Galiza, as mulleres e pequenos pra Portugal. Recibiu a noticia o Conde de Castell-Melhor con abatemento, reaccionou amparado no varil espírito da sua muller a Condesa de Castell-Melhor, pasando o Miño e entrando no Val do Rosal con cento cincuenta soldados do Tercio de Rodrigo Pereyra, pero foron detectados de inmediato e desbaratados.

O Marqués de Viana, en canto gañou Lapela, marchou sobre Monção, onde chegou o sete de Outubro , entendendo que si gañaba aquela Praza, se lle entregaría a de Salvaterra, por ficar distante polo río abaixo menos de unha legua. Rodeaba Monção un muro antigo de cantería mal protexido. Unha parte do breve recinto dos muros tiña barbacana que guarnecía unha estacada, a outra cubría un arrabaldo sobre o Río que estaba fortificado con unha trincheira de terra. Na parte que ollaba a campaña víanse dous baluartes imperfectos. Tiñan levantado unha tenalla, construción de dúas caras, a que chamaban Forte de S. Antonio, que cubría una altura externa e pretendía defender a agua de una fonte, lugar de alto risco xa que moitos soldados antes de matar a sede atopaban a morte…Proseguirá.

Primer comentario

Deixa a túa opinión