Xavier Rodríguez

En outubro do 2024, o Pleno do Concello de Nigrán aprobou por unanimidade unha moción presentada polo BNG na que se facultaba ao alcalde para dirixirse en nome da corporación á Consellería de Vivenda, co obxecto de que este concello fose incorporado á Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida en Galicia, toda vez que o acceso á vivenda constituía xa un dos máis graves problemas da localidade.

Dende entón a situación non fixo máis que empeorar, colocándose xa como o terceiro concello do país co alugueiro medio máis caro, con 719 euros de media, só por detrás de Oleiros e practicamente igualado con Vigo, segundo os datos do último informe do Observatorio da Vivenda de Galicia. Aínda así, non se desenvolveu ningunha actuación neste ámbito. Pola contra, ademais de en Vigo, si se concretaron ou anunciaron intervencións noutros concellos da área metropolitana como Mos, Porriño ou Baiona, todos eles con menor presión sobre os prezos que Nigrán, aínda que no caso de Baiona tamén situado entre os de maior custe da vivenda.

Despois de adoptado aquel acordo, o goberno de Nigrán ofreceu un terreo á Xunta de Galicia para a construción de vivenda protexida, terreo que foi rexeitado pola administración galega co argumento de que tan só permitía edificar oito vivendas. Non obstante, ao pouco tempo anunciaron a construción dun inmóbel en Baiona de dez vivendas. Parecería que situaron aí o mínimo esixíbel para acometer calquera actuación, se non fora porque o Consorcio do Casco Vello de Vigo (participado nun 90% pola Xunta) acaba de anunciar a construción de seis pisos, seis, de protección autonómica na rúa Real. Lóxico. Onde non se poden acometer grandes intervencións, como son as áreas históricas, parece procedente acumular pequenas e medianas actuacións. Idéntica circunstancia dáse en Nigrán, con falta de solo para acometer a edificación dun número importante de vivendas nunha única construción, salvo que a conselleira se chame Teresa Táboas e teña a determinación de que sexa a administración galega a que exerza as súas competencias na materia. Como isto semella imposíbel con Rueda e Allegue, o único xeito viábel de incidir no mercado é ir camiñando, isto é, empezar por construír os pisos que a normativa vixente permite nos solos dispoñíbeis e estudar seriamente a posibilidade de ir facéndose con inmóbeis para a súa rehabilitación como vivenda protexida, ao modo do Consorcio do Casco Vello de Vigo.

En calquera caso, a evolución dramática do mercado inmobiliario en Nigrán esixe actuacións decididas dende todas as administracións, tamén dende a local, que non pode permanecer impasíbel ante o abandono da Xunta e non facer nada. O alcalde expresou a súa intención de que o concello asumise directamente a construción de vivenda de promoción pública nese solo anteriormente ofrecido á Consellería. Debe facelo. Nese lugar ou noutro, pero ten que iniciar a creación dun parque municipal de vivenda pública e non só necesariamente mediante a promoción, senón tamén, como sinalei antes, explorando oportunidades de rehabilitación de inmóbeis para incorporalos a ese parque público. Dende logo o que non se pode permitir é que siga obtendo aproveitamentos urbanísticos e non destinar eses solos ou o seu valor, para actuar contra un dos maiores problemas que sofre a clase traballadora de Nigrán, a falta de accesibilidade a unha vivenda digna.

Neste sentido é de saudar o recente acordo adoptado unanimemente pola corporación nigranesa, de novo a iniciativa do BNG, para reiterar, de xeito formal, á Consellería de Vivenda que acometa a construción de vivenda protexida en Nigrán. É unha cuestión de emerxencia.