A parroquia viguesa máis pequena do municipio, pero non por elo a menos fermosa, Zamáns, volverá vivir en setembro un dos momentos máis agardados do ano: as festas na honra da Virxe dos Aflixidos. Durante os días 4, 5, 6 e 7 de setembro, o Parque Forestal de Zamáns converterase no punto de encontro de veciñas e veciños, familiares, amizades e visitantes doutras parroquias da cidade e das vilas da contorna que se achegarán para desfrutar dunha programación pensada para todas e todos os públicos.
As celebracións combinarán tradición, música, actividades relixiosas e xogos populares mantendo ese carácter tan especial que teñen estas festas para a parroquia. Unha cita que cada ano serve tamén como punto de encontro para reencontros, de cheiro a cordeiro, marisco, polbo, viño do país e de celebración dunha tradición que supera xa os setenta anos de historia e para despedir o verán antes da volta á rutina.
Seis meses de eventos para financiar a festa.
Aínda que este ano a comisión, composta de nove persoas, seis homes e tres mulleres e capitaneada outro ano máis por Cristofer carreira Vila, non colleron as rendas da festa ata a primavera deste 2026, esta puxo en marcha unha intensa programación anual para sufragar os gastos dos catro días de festa. O Bar da Comisión, aberto en fins de semana e en festivos, foi o epicentro da actividade, xunto coa concesión do aparcadoiro da Feira de San Cosme tres domingos ao mes.
Entre os eventos organizados destacan:
Os Bingos eróticos, con gran éxito entre o público adulto. Festas con DJs, traendo un repertorio amplo e moi coñecido na zona: Ales G, Piti, Rami, Fercho, Broket, Siana, DJ Sombrero ou Chris Geath, entre outros. Torneo de Petanca, que este ano reuniu entre 200 participantes, converténdose nun dos eventos máis multitudinarios. Festa do Motor. Festas infantís con inchables e mesmo unha deslizadeira de auga para os máis pequenos e a celebración do San Mamede, patrón da parroquia, con grupos locais como Abeleira e Xinela.
A comisión destaca “O noso punto forte é a mocidade e as noites”, comentan, lembrando que desde a inauguración da comisión o 11 de abril non deixaron de traballar. Tamén que este ano contan con catro membros foráneos, dúas persoas de Vincios, una de Valladares e outra de Sanguiñeda, algo que valoran positivamente porque “é de agradecer que xente de fóra queira implicarse, pero tamén é importante que o pobo se anime a participar e a coller as rendas do próximo ano.
Catro días de festa en Zamáns:
A programación dará comezo o venres 4 de setembro, ás 20:30 horas, co pregón e a tradicional empanada para os socios e socias, que estará amenizada pola Charanga Vai de Baile.
Xa pola noite, a partir das 23:30 horas, chegará un dos momentos musicais máis destacados da primeira xornada coa actuación de El Combo Dominicano, que será o encargado de poñer ritmo á noite.
O sábado 5 de setembro a festa continuará cun pasarrúas coa Charanga Noroeste. Ás 19:00 horas terá lugar a gran tirada de fogos e, posteriormente, a música tomará o protagonismo coa Orquestra Solara, que actuará a partir das 22:30 horas.
A programación deste sábado inclúe ademais propostas do O Son do Monte Festival, con actuacións de DJ Fercho, DJ Rami e Borja Solla.
O domingo 6 estará marcado polos actos relixiosos e pola música. Ás 12:00 horas celebrarase a misa cantada pola Coral Polifónica de Zamáns, coa participación da Banda de Música Atlántida de Matamá.
Xa pola noite, a partir das 22:00 horas, a verbena correrá a cargo das orquestras Saudade e La Nave, nunha nova noite para bailar e desfrutar no torreiro da festa.
A xornada do luns 7 de setembro porá o punto final ás celebracións. Ás 12:30 horas terán lugar as poxas despois da misa e, a continuación, actuarán a Banda de Música de Val Miñor e os Mariachis Amigos de México.
Pola tarde, ás 17:00 horas, chegarán as tradicionais cucañas, unha das actividades pensadas para desfrutar en familia. E para pechar a programación musical, ás 22:00 horas actuará Los lunes al sol e o Grupo Extra.
O luns contará tamén con máis propostas dentro de O Son do Monte Festival, coa presenza de JJ Compota e Dumore.
A tradición relixiosa, parte esencial das festas.
Xunto coa programación musical e festiva, os actos relixiosos volverán ocupar un lugar importante nestas celebracións.
A novena dará comezo o venres 28 de agosto ás 20:00 horas. O sábado 5 de setembro, ás 17:30 horas, celebrarase a ofrenda floral e a misa.
O domingo 6 de setembro haberá celebracións relixiosas ás 09:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas, sendo esta última a misa cantada con procesión. Pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar unha nova misa.
Finalmente, o luns 7 de setembro ás 11:00 horas celebrarase a última misa das festas deste ano.
Unhas festas para toda a parroquia
Con esta programación, Zamáns prepárase para vivir varios días de festa nos que a tradición e a celebración popular volverán ir da man. Música, orquestras, charangas, actividades para todas as idades e os actos relixiosos conforman unha proposta coa que a parroquia quere recibir tanto á súa veciñanza como a todas aquelas persoas que se acheguen ata o Parque Forestal de Zamáns.
Unha nova edición das festas da Virxe dos Aflixidos que promete deixar atrás o verán por todo o alto e converter Zamáns, durante estes días de setembro, nun dos puntos de encontro festivos da contorna de Vigo.


