Luís Bará denuncia que o PP pretende cambiar a lei para non cumprir o fallo que lle obriga a retomar a protección nos terreos da Serra do Careón

Esixe revisar a DIA e denegar a autorización ambiental integrada e a de Augas para dar o carpetazo definitivo aos plans da pasteira lusa en Galiza

Santiago de Compostela, 30 de outubro, 2026. O portavoz de Medio Ambiente do BNG no Parlamento, Luís Bará, asegurou que hai “indicios delitivos” na actuación do Goberno de Rueda para “manter vivo” o proxecto de Altri en Palas de Rei e denunciou que, seis meses despois, a Xunta aínda non cumpriu a sentenza do TSXG que obriga a Xunta a repoñer a protección nos terreos onde quere instalarse a pasteira.

Unha sentenza que ademais, segundo sostivo o deputado do BNG, podería acabar nun novo conflito xurídico se sae adiante o cambio legal que o PP na Xunta pretende acometer pola porta de atrás, a través da Lei de Acompañamento de Orzamentos, para “favorecer os intereses dunha empresa”, dixo en referencia a Altri.

Tal e como explicou, o Goberno do PP quere aproveitar o debate orzamentario para modificar a Lei de Ordenación do Territorio de Galiza e deixar sen efecto a Estratexia de Infraestrutura Verde como instrumento de ordenación territorial, deixando a protección dos terreos á arbitrariedade do executivo.

“Están forzando ao máximo o incumprimento dunha sentenza e o cambio dunha lei para incumprir unha sentenza para favorecer descaradamente os intereses de Altri”, denunciou Luís Bará, tras lembrar que a sentenza do TSXG obriga á Xunta a volver incluír os terreos da Serra do Careón onde se pretende instalar Altri como zona protexida na Estratexia de Infraestrutura Verde.

O cambio legal que busca o PP, afondou Bará, “da vía libre para que, sen nalgún momento hai a conexión eléctrica que foi o motivo do arquivo do proxecto, este se retome e se lle poida dar para adiante”.

O deputado nacionalista advertiu así mesmo das consecuencias desde o ámbito xurídico que pode provocar o cambio legal a través da Lei de Acompañamento. “Loxicamente iso vai derivar nun novo conflito xudicial, nun novo contencioso”, salientou o deputado nacionalista, advertindo que o BNG “non vai quedar parado ante esta falcatruada”.

Bará cualificou de “auténtica cacicada” toda a tramitación na Xunta do proxecto da macrocelulosa aludindo , neste punto, a que “curiosamente” o único cambio que houbo entre agosto de 2022, cando saíu a información pública a primeira versión da Estratexia de Infraestrutura Verde, e febreiro de 2025, cando se publicou no DOG, foi “precisamente” a desaparición como zona de amortecemento dos terreos onde estaba previsto construír Altri.

É por iso que o deputado do BNG, a través da iniciativa debatida na Comisión 2ª, urxiu ao PP na Xunta a cumprir a sentenza e, en consecuencia, tamén a revisar a Declaración de Impacto Ambiental sobre Altri pois, argumentou, a restitución da zona de amortecemento dos terreos en cuestión son un “claro obstáculo” para mantela vixente.

A iniciativa do BNG, rexeitada polo PP, esixía ademais a denegación da Autorización Ambiental Integrada e a solicitude de autorización da captación e vertido de augas no río Ulla como pasos indispensables para dar “carpetazo definitivo” ao proxecto contaminante da pasteira lusa en Palas de Rei.

A vixencia da DIA, tal e como se destaca na exposición de motivos da iniciativa nacionalista, é de catro anos (máis outros dous dunha posible prórroga), polo que podería ter validez até o ano 2031, razón pola que “técnica e legalmente o proxecto está en stand by e non plenamente desbotado como quere dar a entender o PP.