As enquisas apuntan que, o vindeiro 29 de novembro, o voto das mulleres pode ser decisivo. Os partidos sábeno. Tamén saben que as mulleres, e especialmente as mulleres feministas, tendemos historicamente a inclinar o noso voto cara ás opcións de esquerda. Por iso levan anos apelando a nós, invocando o medo á ultradereita e presentándose como a única alternativa capaz de protexer os nosos dereitos.

Pero o medo non pode ser o único argumento para pedirnos o voto. E, desde logo, non pode servir para esixirnos silencio, obediencia ou lealdade incondicional.

A esquerda leva oito anos gobernando e, durante ese tempo, demostrou que pode gobernar de costas ás mulleres. Aprobou leis que prexudicaron os nosos dereitos, ignorou reiteradamente as advertencias do movemento feminista e situou outras axendas políticas, particularmente a do transactivismo, por riba das reivindicacións históricas do feminismo.

As feministas levamos anos reclamando unha lei abolicionista da prostitución. O Goberno español non quixo escoitar a proposta feminista articulada na LOASP (Lei orgánica de abolición do sistema prostitucional). Seguimos agardando unha persecución real e efectiva da explotación reprodutiva (coñecida polo eufemismo de “xestación subrogada”), unha práctica prohibida no ordenamento xurídico español que, porén, continúa tolerándose na práctica. Estamos fartas de esixir un compromiso real contra a violencia machista que non cesa, cun incremento dos recursos humanos, materiais e económicos destinados a protexer as mulleres. E seguimos reclamando a derrogación da lei trans, cuxa regulación da autodeterminación rexistral do sexo baleirou de eficacia as políticas e normas que necesitan identificar a realidade material das mulleres para protexer os nosos dereitos, desde a lexislación contra a violencia ata as medidas de paridade.

Non estamos dispostas a aceptar que estas cuestións sexan secundarias, incómodas ou adiables ata que se chegue o momento axeitado (que nunca parece chegar). Tampouco aceptamos que se nos presente como reaccionarias por defender os dereitos das mulleres baseados no sexo.

O feminismo ten unha axenda política propia. Non é un apéndice electoral de ningún partido, nin unha reserva de votos que se activa cada vez que as enquisas anuncian dificultades. Temos memoria, temos propostas e temos reivindicacións concretas. Quen queira o voto das feministas terá que gañalo. Non abonda con axitar o fantasma da ultradereita, pronunciar a palabra igualdade ou incluír unhas cantas promesas nun programa electoral. Quen queira o voto das feministas terá que asumir a nosa axenda e demostrar, con feitos, decisións lexislativas e políticas públicas, que está disposto a defendela.

O noso voto non é un cheque en branco. As mulleres feministas tamén sabemos retirar a nosa confianza. E ningún partido debería dar por descontado un só voto de quen leva anos reclamando ser escoitada.