Paulo Peres Lago [Comité Antifascista da Lourinha]
Recentemente nunha entrevista o Sr. Feijó anunciou que derrogaría a Lei de Memoria Democrática se chega a gobernar. Estas e outras medidas socialmente moito peores, forman parte do programa reaccionario do Partido Popular.
Non é que a Lei de Memoria Democrática fose un baluarte antifascista, mais coas súas carencias cando menos, permite que se fagan actos da memoria, dignidade e honra aos que sufriron a represión do réxime fascista, e permite as escavacións e exhumacións promovidas polas distintas asociacións e colectivos da memoria.
Na Galiza non houbo guerra, dende o primeiro minuto comezou a represión, a barbarie e o xenocidio. Corenta anos de ditadura que arrastraron a máis de 12.000 galegos e galegas a fosas comúns ciscadas por todo o país. Non só a sufriron socialistas, comunistas e sindicalistas, moitos ficaron tamén sen as súas propiedades, fincas, casas ou negocios que cobizaban cadros falanxistas locais e das que se apoderaron baixo falsas acusacións, violaron e forzaron a moitas mulleres, casadas e solteiras, maiores e menores, etc.
Por iso cando falamos de memoria histórica, debemos saber que non só se trata de devolver a honra e a dignidade aos represaliados, non debe ser un acto soamente de constrición, recollemento e acougo aos familiares. A memoria individual debe somarse á colectiva e transformarse en historia tamén, porque o que se trata non son feitos illados, produto dunha mente desequilibrada, formaban parte dun plan criminal, xenocida e polo tanto político. E como político, debe transmitirse de xeración en xeración.
Perante a farsa de transición dixéronnos que tiñamos perdoar, esquecer e reconciliarnos. Un exercicio cruel e despiadado, pedirlle ás familias semellante tarefa, namentres uns enriquecidos polo roubo e o saqueo a través do crime e do asasinato, viviron comodamente sen a máis mínima mostra de arrepentimento. Máis ben todo o contrario, as familias que desexaban saber eran sinaladas como as que non permitían curar feridas, culpábeis de que non cicatrizaran, vítimas os seus pais, fillos, nais e agora, sinaladas por querer saber.
As consecuencias de non facer as cousas como debería e prometera o poder político, podemos ollalas nas rúas hoxe en día: malleiras a sindicalistas, a homosexuais, caza de inmigrantes, racismo e xenofobia, misoxinia por parte dos herdeiros ideolóxicos do nazi-fascismo, alentados por un partido (VOX), financiado polo mesmo capital que subvencionou o golpe militar do 36, coas mesmas amizades políticas internacionais, co mesmo programa político. Tal vez non veñan con pistolas e fusís, polo de agora, mais van vir con leis e decretos para o mesmo fin.
Vivimos nunha sociedade tan manipulada que moitos votarán polo seus verdugos. Por isto nos actos da memoria non debemos falar soamente dos represaliados e dos fusilados, como se non houbera represores, como se non houbera fusileiros, porque os herdeiros, moitos deles hoxe ocupan postos de poder político, xudicial e militar.
Falar e sinalar é un deber democrático. Namentres uns choran aos seus, os herdeiros dos fascistas viven comodamente. Igual que os criminais, torturadores e asasinos que morreron nas súas casas apracibelmente, desfrutando do roubado.
Antifascistas e antiimperialistas sempre!



