Ismael Pato, estudante de xornalismo

Occidente leva décadas no porto cunha vella embarcación a reparar. No 73′ tivo unha colisión que a puxo en risco de afundir e, dende entón, cando navegou non foi quen de virar á esquerda. Así fomos trocando as súas madeiras, unha por unha, ata hoxe locer xa irrecoñecible. Se cadra os novos que pasean preto dela non son quen de apreciar o cambio, mais aqueles que a viron sucar as rías nos días solleiros teñen a certeza de que, da vella dorna, nada queda.

Cada día é máis común escoitar a estudantes e rapaces favorables á privatización dos servizos públicos. Semella ata contraditorio que estas opinións sexan dadas en institutos pagados dos nosos impostos, non obstante hai unha palabra que o explica e que resoa na concepción política de gran parte da mocidade: desconfianza. Nun mundo que cambia a pasos axigantados e no que as novas xeracións non teñen nada garantido, nin sequera o Estado do Benestar se ergueu coma fío de esperanza. Funcionou por tanto a estratexia neoliberal dos recortes sociais progresivos -os cales, de ser levados a cabo dunha vez, terían suposto unha gran oposición cidadá- ata facer ver o intervencionismo estatal coma un fracaso. Desta maneira cando alguén sae en defensa de, por exemplo, a sanidade pública, os neoliberais poden responder coas longas listas de espera que eles mesmos provocaron, nun boicot ao sistema keynesiano.

Dende a Crise do Petróleo non deixou de espallarse o movemento desinversionista encabezado por actores políticos coma Margaret Thatcher e Ronald Reagan. Se ben estes non acadaron o seu obxectivo de desmantelar o sistema público, sí lograron asestarlle unha grave estocada da que aínda non se recuperou. Cada un dos modelos sociais -con orixes ideolóxicas distintas- asumiu, en maior ou menor medida, os preceptos da Escola Austríaca, incorporando aos poucos accións que degradaron os nosos servizos, desposuíndonos da oportunidade de recibir o mesmo trato que os nosos pais e avós. Isto supón un ataque moi consciente á base do estado de benestar, co cal firmamos un contrato social que garante a nosa protección fronte aos fallos do libre mercado a cambio das nosas contribucións.

Nos anos 90′ entrou en escea unha terceira vía que propuxo a inversión en gasto social omitindo o intervencionismo do estado, coa esperanza de que doutar á mocidade de políticas en materia de educación supuxese no futuro unha menor dependencia do estado. O fallo desta doutrina, que tratou de facer confluír o keynesianismo e o neoliberalismo, foi que se baseou no mito da meritocracia. Hoxe en día parecemos xa coñecedores de que estudar unha carreira, con todo o traballo que supón, non asegura oportunidades laborais, moito menos o escape da precariedade. Por se non era suficiente, a terceira vía negouse á redistribución da riqueza, converténdose nun dos factores que explican o aumento das desigualdades económicas na actualidade.

O Laissez-faire non é quen de responder ante as crises periódicas do sistema. Así o demostrou, hai case xa un século, o Crack do 29′, ante o cal só o intervencionismo do New Deal puido estabilizar a situación nos EEUU. As medidas de control estatal foron tamén as causantes da recuperación económica da Europa dos anos 30, o que demostra que o estado do benestar, por tanto, non tivo unha motivación ideolóxica ao longo da historia, senón que foi necesario a ambos lados do espectro político.

Cando os partidos non interveñen na economía da forma en que cómpre facelo para resolver os problemas da cidadanía, o electorado busca unha saída cara as forzas alternativas. Neste punto nos atopamos hoxe, cun estado do benestar tan distanciado dos seus obxectivos que semella xa indiferente da realidade en que vivimos. Coa extrema dereita ás portas, berrándolle aos votantes mensaxes populistas, que captarán a súa atención, porque o sistema xa non o fai.