Morto o Capitán Fernão de Leyte Pita, sucedeulle no mando das trincheiras o Capitán Diogo de Caldas Barbosa. O Marqués de Viana coa experiencia do mal resultado dos asaltos, mandou continuar o asedio con morteiros e artillería. Tratou de compensar os reveses sufridos artellando unha operación contra os dous Fortes que cubrían a estrada de Arcos de Valdévez, distantes dúas leguas do cuartel dos galegos e a unha das factorías das Chozas. Rendidos os Fortes e as factorías, necesariamente tiña o Vizconde mudar de cuartel con gran desalento dos sitiados.
Pareceu esta operación digna de levar a cabo e para elo entregou o Marqués de Viana ó Xeneral de Cabalería dous mil infantes e trescentos cabalos. Marchou con eles o sete de Decembro de 1658. Atopou os Fortes guarnecidos con xente de tan baixa calidade que fixeron máis confianza dos pés para correr, que das mans para pelexar, foron alcanzados dos inimigos e padeceron un merecido e penoso estrago, a vitoria foi total. Ocupou o Xeneral os Fortes e algunhas partidas que se adiantaran, chegaron as factorías e puxéronlle lume ficando totalmente arruinadas aquelas fábricas.
Esa mesma noite, intentou o Vizconde introducir en Monção outro socorro do mesmo xeito que había mandado o anterior. Lanzáronse o río catro barcas con soldados, municións e mantementos, todas se perderon; unha foi a pique atacada polos galegos, as outras tres levadas da corrente acabaron en territorio inimigo.
Esta noticia e a perda dos Fortes obrigaron o Vizconde sen dilación a levantar o cuartel do Río Mouro, e pasou o das Choças a reedificar os Fortíns e a factoría, da que dependía o sustento daquela xente, que necesariamente debía conservar para a defensa da Provincia. Antes de marchar, mandou derribar unha ponte por riba do Río Mouro, que facilitaba os Galegos a entrada noutros lugares.
Poucos días despois da chegada do Vizconde ó cuartel, soubo da morte do Mestre de Campo Francisco Peres da Silva nunha disputa co Capitán Gonzalo Mendes que disparou unha pistola contra el, caendo morto. Foi preso Gonzalo Mendes pero escapou da morte fuxindo da prisión, pasou a Roma, tivo a intelixencia de tomar Ordes relixiosas e co tempo alcanzou algúns Beneficios no mesmo lugar do homicidio.
Sucedeu esta desgracia nos últimos días de Decembro, tempo no que os sitiados estaban máis apertados de fame, das baterías e dos asaltos. O Vizconde con incesante cuidado trataba de socorrer Monção e defender a Provincia. Así rematou o ano 1658.
Os felices acontecementos ocorridos para as armas portuguesas nas terras do Alentexo, non remediaron o que acontecía na Provincia de Entre Douro e Minho. Entre perigos e dificultades traballaba o Vizconde de Vila Nova por aminorar os danos dentro do posíbel. Moitas peticións por cartas a Raíña e os Ministros, pero con pouco efecto, desconfiando máis da chegada de socorros, que do poder do inimigo. Acudira ás factorías do lugar das Chozas, deixando o cuartel do río Mouro, para intentar un novo socorro a Monção. Trataron de recrutar nova xente no Porto e en Barcelos, pero os malos resultados facían pouco apetecible o emprego das Armas e moi difícil xuntar xente para intentar un socorro útil a defensa de Monção.
Deu algunha confianza o Vizconde a noticia de que a forza da corrente do río levara por diante dúas pontes dos inimigos, unha xunto a Lapela e outra por riba de Monção, pero pronto se desvaneceu esa esperanza porque os galegos fabricaron con prontitude un Forte xunto a Ponte de Mouro, unha legua distante dos cuarteis, imposibilitando o intento de lanzar no Miño as barcas que fabricaran en Melgaço.
Ordenou o Vizconde a Miguel de Lascol, que fora recoñecer a nova fortificación, acompañado do Capitán de cabalos Diogo Pereyra de Araujo coa súa Compañía. Antes de chegar atoparon trinta soldados de cabalo galegos, que andaban roubando na campaña, degoláronos, reservando a cinco que aseguraron estar o Forte acabado e guarnecido con trescentos Infantes. Con esta información o Vizconde buscando a mellor maneira de socorrer Monção, resolveu a vinte catro de Xaneiro de 1659 tomar o cuartel de Valadares, impulsando a construción de novos barcos.
En estas medias recibiu o Vizconde da Raíña, a nova da vitoria dos portugueses en Elvas, asegurándolle que recibiría reforzos do Alentexo que lle darían a vitoria tamén en Monção, obrigando o Marqués de Viana a retirarse ou a perderse. En consecuencia aplicouse na dilixencia de xuntar xente e tomar outras medidas que asegurasen o socorro a Monção, remedio que tamén valería para Salvaterra, que corría a mesma sorte.
Os motivos de esperanza do Vizconde, foron en troques o receo do Marqués de Viana, porque chegándolle a nova da perda do exército, que sitiaba Elvas, no Alentexo, recibiu orden do Rey Felipe IV de retirarse de Monção, sempre e cando lle constase que as tropas do Alentexo pasaban a Entre Douro e Miño. O Marqués estaba confuso de ver baldada a confianza de gañar as prazas de Monção e Salvaterra, despois de ter feitos tantos esforzos, sendo causa da morte de tan elevado número de soldados. Chamou a consello e dividíronse os votos en dúas opinións. Dicían uns que o exército debía retirase antes da chegada das tropas do Alentexo e outros que se intentase con un asalto xeral a caída definitiva de Mónção, dada a situación desesperada na que se encontraban, e ese foi o parecer que seguiu o Marqués, dando orde para que o exército se preparase para o asalto final.
Nos días que foron pasando nos preparativos do asalto, estaban continuamente cinco baterías de artillería causando considerable ruína nas murallas e nas vivendas, ocasionando gran dano nos sitiados, sendo tantos os mortos e feridos, que faltaba xente para guarnecer os postos máis importantes, e ata as mulleres facían duros traballos. Non era peor a fame que pasaban porque, vendo consumidos todos os abastos, chegaron a consumir a carne de cabalo, gatos, ratos e outros animais, o que ocasionaba máis doenzas e mortes.
Proseguirá…
Crónicas do Portugal Restaurado, parte II, libro III. Luís de Menezes, Lisboa.
Salvaterra de Miño, 17 de Novembro do 2026
Antón “Xaque”
Triple atrincheiramento en Vasco de Puga, monte Comunal de Salvaterra. Foto Oscar Pazos.



