O Concello de As Neves vai celebrar a súa Festa do Viño Tinto. Este ano conta coa súa XIV edición na que non faltarán a tradicional cata de viños, con polbo, empanada ou churrasco.
Nesta festa enxálzase o afamado viño tinto, producido principalmente na parroquia de Rubios, considerado como un dos mellores dentro de toda a “Denominación de Orixe Rías Baixas”.
É organizada directamente desde o concello de As Neves e como novidade, a partir desta edición, a Festa vai estar máis ligada á súa gastronomía outonal e o día central pasará a ser o 12 de outubro. Manteranse actividades ao longo do ano dando aos seus viños o valor e o protagonismo que merecen e facendo deles e, da súa gastronomía, un eixo clave para a economía de As Neves.
A partir do ano 2016 a organización do evento variou un pouquiño introducindo viños tintos de todas as sub zonas da “Denominación de Orixe” o que fixo que esta celebración sexa única xa que ofrece a posibilidade de atopar moitos dos viños tintos existentes reunidos nun único espazo, algo que só ocorre nesta localidade e especialmente nesta festa.
Celébrase tamén, a partir do 2016, a primeira edición da “Ruta Pincho Rías Baixas”, nos diferentes establecementos locais, nos que se pode gozar dun viño tinto con Denominación de Orixe acompañado dun pincho a un prezo pechado, os clientes participantes entran ademais nun sorteo dun premio. Esta será do 5 ao 11 de outubro en Restaurante Hotel Nande, Mesón Carballo, Bar Chiringuito, Bar Plaza e Restaurante O Frenazo, cun horario de mañá de 12:00 a 15:00 horas, e de tarde de 19:00 a 22:00 horas.
Tamén o túnel do viño, que comezou a realizarse nese mesmo ano, supoñendo outro engadido para os amantes do viño. Así mesmo unha cata maridaxe popular, para os menos profesionais pero apaixonados por este mundo. Igualmente a realización dunha cata profesional a cargo dos máis afamados catadores son outro dos grandes atractivos da festa.
A oferta de viños que se poden atopar son de tódolos tintos con Denominación de Orixe Rías Baixas e a maiores, as tres adegas de As Neves como Viña Nora, Adegas Luz e Señorío de Rubios poden ofertar os seus caldos brancos tamén.
Conversamos coa adega Señorío de Rubios e nos confirma a súa asistencia ao evento vinícola. Coméntannos que van presentar tanto os seus viños brancos coma tintos, son eles os que máis caldos elaboran dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas e consideran que esta festa é unha forma de inclusión e promoción do viño tinto, esta é unha das festa máis importantes e creen que deben apoiar este tipo de eventos para a promoción, sobre todo do tinto Rías baixas. A elaboración do viño tinto consta dun proceso moi lento para a súa venta e nos últimos anos cada vez son máis as adegas que se prestan a facer estes caldos tintos. A denominación Rías baixas cada vez ten máis importancia e valor dentro do mercado do viño e esta festa é un bo momento para promocionalo.
O ano pasado houbo sobre corenta referencias de variedades tintas presentadas polas diferentes adegas e esperamos que este ano tamén sexa posible gozar de tantas variedades de viños.
Como novidade tamén para este ano, As Neves utilizará cubertos e pratos totalmente ecolóxicos, concretamente de bambú, eliminando o plástico do evento. Tamén celebrarase unha andaina popular chamada “A Andaina do Viño” o próximo 6 de outubro e sentimos non poder ofrecer a programación completa da festa deste ano, pero ben seguro pagará a pena pasarse por As Neves o 12 de outubro e gozar dos caldos máis afamados do noso país, así como tamén das delicias da nosa gastronomía única e inigualable.