As efémeras de Redondela

Éfemeras de Redondela A Nova Peneira
Marcos Santos

Seica hai aspectos da nosa personalidade, ben sexa pola nosa propia configuración xenética ben sexa polo contexto vital no que desenvolvemos a nosa existencia, que non se perden nunca por moi logo que sexa o camiño da nosa vida. Así pois quen dedica o seu paso polo mundo a comprometerse no ben común, nunca deixa de facelo, quen é pelota chivato e lambe cus dos poderosos nunca deixa de selo, ou quen pasou a maior parte da súa existencia desenvolvendo actividades e proxectos que poñan e valor o tecido cultural do seu pobo, permanece na loita ata as últimas etapas da súa viaxe existencial persoal. Redondela é unha vila cun tecido cultural sobresaínte, baseado na vontade firme e no inmenso traballo desinteresado de moitas e moitos que deixaron os mellores anos da súa propia vida tratando de espallar iniciativas artísticas e culturais desde Redondela ata todo o mundo. Este é o caso dun grupo de veteranos activistas que despois de ter protagonizado unha fervenza de proxectos culturais fundan agora este grupo musical co que tivemos o pracer de conversar e de ofrecerlles o vídeo dun dos seus temas “NAMORARE” que vos convidamos a que gocedes con nós

ELES SON:

IRENE CAMPELOS, OLGA NOGUEIRA, BERTO COVELO, PAQUI CRESPO, FON CONDE E PEDRO PÉREZ

Hoxe Estreastes en redes sociais, o voso segundo vídeo NAMORARE, como levades o confinamento?

Con preocupación, pero con resignación cívica porque somos conscientes de que a situación é realmente seria.

Resignados, pero con gañas de dar a coñecer o voso traballo supoño. Como non puidestes facer a vosa posta de longo no Arte Lixo, como tiñades previsto, alá foi un dos vosos temas estrela polas redes sociais?

Si, antes de que pasase todo isto, nós estabamos a preparar o noso repertorio coa intención de facer a presentación na inauguración do Arte Lixo 2020 que este ano iámolo inaugurar en Reboreda.

Tedes dous temas gravados verdade?

Si Estrela furanchín e Namorare. Gravámolos a principios de ano coas colaboracións de José Manuel Díaz e Alberte López. E temos outro tema “Chora de Pena”, gravado a finais do 2019 que vai no disco de Arte Lixo do ano pasado.

E vós que vos coñecedes de tanto tempo, e que xa tedes colaborado en tantos outros proxectos culturais como decidistes dar este novo paso?

Ben, pois porque estamos a gusto xuntos, e malia que xa nos coñecemos moi ben, cando hai comodidade mutua e máis ou menos compartimos as mesmas inquedanzas culturais, pois os proxectos como este, case so pode dicir que xorden sos, e ben furancho vai furancho ven pois aquí estamos aos poucos. E desde logo sempre en galego, a defensa da nosa lingua é un eixo central da nosa actividade artística, e a nós gustaríamos moito que houbese máis actividade musical en particular e artística en xeral no noso idioma.

Ben, eu non diría aos poucos. Creo que xa tedes arredor dunha decena de cancións, non ?

Si, unhas poucas xa temos, e todas son letras e músicas nosas.

En que estilo encadrariades a vosa música?

No Trade Punk, ou se cadra para sermos máis precisos ímolo chamar pop rock de furancho. Queremos mesturar o moderno co tradicional.

Quen compón?

Inicialmente as letras foron cousa de Fon ,pero xa se está colectivizando a responsabilidade.

E a música?

Inicialmente Pedro, e nos ensaios, entre todas e todos, pulímola.

O tema Namorare, que é o que poden gozar os noso usuarios e usuarias no vídeo que tan xenerosamente nos achegades, referídesvos a todas e cada unha das parroquias de Redondela. Eu interprétoo como unha denuncia do centralizada que está a vila e do pouco que se atende ás parroquias. Equivócome?

É unha maneira de pór en valor as parroquias e de reivindicar que Redondela è moito máis có casco urbano. De feito convidamos a todas e todos a investigar e coñecer todos os currunchos do noso pobo, en todas e cada unha das parroquias e no centro tamén claro, Redondela ten lugares e xentes marabillosas.

No contexto que estamos a vivir non é doado falarmos de futuro, pero podemos anunciar con seguridade que cando isto remate poderemos gozar coa vosa música en directo?

Sen dúbida ningunha, abofé que vai ser así. O noso nome ten un significante que é a antítese do seu significado. Ata que o noso corpo aguante as Efémeras serán Eternas.

Moi ben alégrome moito, e se alguén quere contactar con vós para algún tipo de festival?

A través do noso facebook, ou do nosos correo: asefemeras@gmail.com