Chega o verán e iníciase a tradición furancheira tan importante na nosa contorna. Nós quixemos coñecer un pouco máis sobre a procedencia dun costume tan relevante no sur de Galicia, e falamos con Fermín Alonso, o dono dun furancho da parroquia de Quintela que ten máis de catro décadas de historia ininterrompida.
FERMÍN ALONSO PROPIETARIO DO FURANCHO MÁIS ANTIGO DE REDONDELA
En que ano abriches o furancho, Fermín?
Abrino eu en 1974
E cal foi o motivo que che decidiu a abrilo?
Había moitos problemas para vender o viño, estaba moi mal pagado, e entón decidín abrilo para poder vendelo
Corenta e seis anos tendo un furancho aberto é moitísimo tempo. Supoño que os furanchos mudarían bastante nestas décadas?
A verdade é que si. Inicialmente non se puña nada de comer, só se despachaba o viño ,pero cada vez era maior o número de persoas que che pedían un chourizo, unha tortilla ou calquera cousa para acompañar a cunca de viño e a cousa foi indo para adiante. Inicialmente a xente traía a súa comida da casa
Temos constancia de cando nace en Galicia a tradición do furancho?
Eu teño documentación que o recolle xa desde o ano 1605
Miña nai , xa do século XVII
Si, chamábase vender o viño atabernado. E tiñan que levar as medidas senón poderían ser denunciados e pagar unha multa
Caramba , vexo que a tradición de multar tamén ten unha forte pegada histórica. Supoño que daquela sería en maravedíes?
Pois si, e non che vaias a pensar que era pouca cousa, se non lembro mal sancionaban con 200 maravedies
Tes constancia da existencia da tradición do furancho no século XVII no Concello de Redondela, supoño?
Si, non concello de Redondela.
Os furanchos non sempre se chamaron así, verdade?
Non, antes era arramar o viño, por iso púñase a rama de loureiro na porta. Cando alguén puña a rama de Loureiro na porta corríase a voz de que a persoa arramara o viño e a xente comezaba a vir
De onde procede o nome “furancho”?
De Furo Ancho, o buraco do barril polo que se metía a billa para o viño
Esa tradición existe nalgunha outra parte?
Que eu saiba en Austria existe unha moi parecida, só que no canto de loureiro, utilizan unha rama de piñeiro.
Desde aquel tempo xa se promulgarían múltiples normativas, claro?
Desde logo. A normativa actual do concello de Redondela, permítenos abrir desde o 1 de decembro ata o 31 de xuño, e excepcionalmente poden concederche un mes a maiores.
A cantidade de viño que podedes vender é libre?
Non, nós non podemos vender máis cantidade da que autoriza o decreto que regula o noso funcionamento
A tradición furancheira de cantar mentres se toma o viño, segue viva?
Abofé que si. Aquí ven moita xente de todos os concellos da contorna e todos rematan cantando e gozando do día
Supoño que en preto de medio século de vida furancheira terás moitas anécdotas?
Si de todo tipo, pero o que prima é a tranquilidade e as gañas de gozar dun momento de lecer, porque a xente cando ven ao furancho ven despreocupada e a pasar un bo rato.
Vexo que en liñas xerais no furancho consérvase un modo tradicional de entender as relacións sociais?
Si, pero podería facerse máis e mellor, creo eu. Debemos defender o medio rural, e o furancho cumpre un papel importante
Cales son as tapas que servides máis?
Tortilla, pementos, orella, chourizos, zorza, raxo, ovos fritidos, xurelos, sardiñas, callos, empanadas. As tapas que se puñan nos furanchos era o que non se puña en ningún outro sitio, algo que hoxe xa non é así claro, pois póñense en calquera establecemento, pero antes eran tapas de pobres.
Os empresarios de hostalaría protestan pola competencia que lles supoñen os furanchos?
Eu prefiro non entrar nese tema. Cada un ten as súas razóns e xa che digo que prefiro deixalo alí.
Non estades obrigados a vender o viño etiquetado, non?
Non, nin sequera podemos vendelo por botella. Ten que ser en xerro
Como andamos de viño este ano?
Andamos moi ben de calidade e non tan ben no que se refire á cantidade
E ti normalmente canto tempo abres?
Adoito pedir licencia para dous meses. Este ano pedín abrir o 19 de xuño, e agardo ter todo vendido o 31 de xullo