O tren baixo a pinga chinesa

O tren baixo a pinga chinesa
Cristóbal López A Nova Peneira
Cristóbal López Pazo | Comuneiro dos montes de Tameiga, militante de anticapitalistas, ecoloxista en acción e veciño constituínte da asemblea veciñal gañaMós
Juantxo Sánchez Losada | Coordinador Sector Ferroviario CXT-Galiza
Juantxo Sánchez Losada | Coordinador Sector Ferroviario CXT-Galiza

Levamos décadas de recortes nos servizos públicos. Pinga a pinga, como a ominosa tortura chinesa, foron desmantelando servizos de tanto valor social como o transporte público. Cada pinga, cada redución dos servizos, cada dose de privatización, son case imperceptibles por si soas para a cidadanía pero letais no seu continuo e incesante  lacerar.

Unha desas pingas é a que nos trae a colación esta alegación en defensa do ferrocarril. Unha pinga que é especialmente  lacerante,  escuece mentres perdemos a conta da cantidade de ceros que figuran nos cheques de rescate que o goberno asinará sen condicións a aerolíneas e fabricantes de automóbiles. Na Comunidade Europea está a potenciarse, como alternativa ao avión e ao coche, o tren electrificado. As contas non deixan lugar a dúbidas, o tren emite sete veces menos CO2 á atmosfera por pasaxeiro que un avión e catro veces menos que un coche, pero en España empeñámonos en significar os Pireneos como fronteira natural e actuamos en detrimento do único transporte público cabalo de batalla contra a crise sanitaria e climática que padecemos. 

A sociedade está a aprender a renunciar ao avión ante o seu acuciante protagonismo nas emisións de gases efecto invernadoiro. En Europa case un terzo das emisións son orixinadas polo transporte cun avión que xa rivaliza co coche como principal causante do efecto invernadoiro. O tren como transporte electrificado, como alternativa ecolóxica, como esperanza verde, debería saír a escena como protagonista principal da mobilidade tanto de pasaxeiros como de mercadorías, pero non sucede así, polo menos en España.

Renfe leva anos deseñando a desaparición dos trens hoteis, reducindo as prazas ofertadas ou quitando coches, como fixo en 2016 co tren hotel Galicia-Madrid, ano no que eliminou un 60% de prazas, centrando os recortes nas máis económicas (sentadas e liteiras turistas). Despois de anos degradando este servizo nocturno agora acometen a súa supresión. En Galicia xa non contamos co tren hotel a Madrid nin co de Barcelona, aínda que neste último RENFE está a pensarse volver poñelo en circulación ante a contestación social que xerou a súa supresión. Está onda de recortes non é exclusiva da comunidade galega, alcanzou mesmo ao  Lusitania, o emblemático tren hotel que unía Madrid con Lisboa e ao Estrela  Surex entre a capital lusa e Irún. Parece que Renfe lévanos vantaxe na  desescalada porque non se entende que se suprima este tipo de trens, con compartimentos individuais e familiares,  que favorecen o distanciamento físico na viaxe e o cumprimento dos diversos protocolos derivados da crise sanitaria que padecemos. Un servizo que se adaptaba ás esixencias da nova normalidade e que só no caso de liteiras compartidas necesitaba unha reorganización da oferta para adaptarse ás esixencias sanitarias. 

A supresión destas conexións reduce unha oferta transversal de viaxes entre cidades e comunidades que carecen de conexión AVE, atacando así un dereito fundamental como é o da mobilidade das persoas que viven non só nas poboacións destino senón tamén nos territorios que vertebra como Ponferrada, Astorga, León, Palencia, Burgos, Zaragoza, Lleida, Tarragona no caso do tren hotel Coruña/Vigo- Barcelona. Suprimindo así a única oferta ferroviaria que permite chegar a Madrid á primeira hora da mañá para enlazar con outros medios de transporte, no caso do tren hotel rías galegas Galicia-Madrid. Sen esquecernos de mencionar todos os postos de traballo directos e indirectos que se destrúen con estes recortes.

Non podemos asistir impasibles a unha peza máis do desmantelamento do ferrocarril convencional como servizo público, social e sostible. A pesar do desalentador das medidas adoptadas por Renfe, tan incoherentes co discurso de transición ecolóxica do goberno español e da Unión Europea, seguiremos insistindo na necesidade de poñer en marcha as infraestruturas que faciliten liñas de tráfico mixto para persoas e mercadorías; de crear núcleos de proximidade nas cidades e as súas contornas, de aumentar as liñas con vía dobre electrificada en corrente alterna; de manter as estacións de tren no mundo rural que tanto axudan a fixar poboación; da creación de estacións intermodais que faciliten o acceso ao tren a pé, en bicicleta ou en transporte público colectivo e da implantación dun sistema tarifario xusto onde se contemple o menor impacto do tren tanto no medio ambiente como para a saúde como índice principal.

Sen dúbida, seguiremos insistindo en poñerlle vías á vida no noso planeta.