Sobre as ocupacións de vivendas e sobre os ocupas da democracia

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

As persoas que pasamos moito tempo na estrada, temos que conformarnos coa compañía da radio do coche para cubrir as nosas necesidades de interacción social. E a todas horas, escoites o que escoites, a publicidade das empresas de alarmas bate de maneira sistemática no subconsciente dos receptores das mensaxes con discursos que suxiren a existencia dun inminente apocalipse de ocupacións das nosas vivendas, e, xa que logo, a consecuencia lóxica de tal situación é que debemos contratar unha das alarmas anunciadas, para protexer a nosa seguridade e a das nosas familias. Non sei se algunha vez, amigas e amigos lectores, tiveron a curiosidade de tratar de coñecer o prezo deses aparellos. Eu si, e máis ou menos é o seguinte: Arredor de 250€ é o que custa o equipo, entre 50 e 100€ é o que soen cobrar pola instalación, e no que respecta á tarifa mensual, as cotas máis baratas que atopei eran de 33€ ao mes. É dicir, a broma pode saír en torno aos 700€ o primeiro ano, o da instalación, e logo sobre 400€ cada ano, todos e cada un dos anos nos que o cliente decida seguir coa alarma instalada. En realidade, é de sentido común pensar que hai unha inmensidade de persoas que potencialmente prefiran ocupar unha casa polo morro, no canto de ter unha vivenda digna, xa sexa mercada , xa de aluguer, para vivir nela?. Vostede, que ten a amabilidade de achegarse ata estas páxinas, coñece no seu entorno habitual a alguén, a unha soa persoa, que se meta por que si, pola cara, na casa de alguén?. A resposta a ambas preguntas é non, con certeza na práctica totalidade dos casos, e como a condición humana é universal, do mesmo xeito que non coñecemos a ninguén que teña por costume irse a vivir nunha casa allea, no resto de contextos pasa o mesmo, porque a maioría dos seres humanos somos persoas dignas , que queremos vivir en paz, traballar e ter tempo para o lecer e os afectos con quen queremos e quen nos quere. O problema real non é a ocupación, o que é realmente grave é que hai xente que non ten posibilidades de acceder a unha vivenda, iso si que é un drama de verdade, e un síntoma máis do terriblemente cruel que é o liberalismo económico, o sistema que fai posible que haxa grupos empresariais que posúan centos de vivendas para especular con elas, á vez que existen familias que non teñen posibilidades de vivir nunha casa digna. O estado español ten a taxa de aluguer social máis baixa de toda Europa, só un 2% das vivendas dispoñibles destínanse ao alugueiro social .Unha porcentaxe realmente ridícula se a comparamos por exemplo co 17% dos veciños franceses, co 24% que se dá en Austria ou cos Países Baixos que reservan case 1/3 do parque de vivendas para o aluguer das familias con menos recursos. A pobreza é a causa de que haxa persoas que se metan en casas valeiras. Se se quere eliminar esa consecuencia non queda outra que atacar directamente á causa que a provoca, cumprir a constitución española e non permitir que haxa unha soa familia que non poida ter un teito digno baixo o que atopar acubillo. O bombardeo nos medios de comunicación e propaganda sobre o fenómeno da ocupación presentado como se fose unha das pragas do apocalipse, non di a verdade, pero tampouco é unha casualidade, pretende , ao meu xuízo, crear un estado de opinión non hostil a unha grande vaga de desafiuzamentos que se presume acontecerá nos primeiros meses do ano próximo, cando moitas persoas afectadas polo cataclismo económico derivado da COVID 19 non poidan pagar os alugueres e as súas hipotecas, alén de facilitar o negocio das empresas de seguridade. A pobreza non debe de ser causa do medo de ninguén, o que debe producirnos terror son os modelos de sociedade que crean as condicións necesarias para producir o empobrecemento de masas de seres humanos. A familia que non teña un teito, os ocupas, non deben de suscitar o noso pánico. Os que son realmente estarrecedores son os ocupas da democracia que se negan a renovar o consello xeral do poder xudicial para que os xuíces sigan sendo “ el ´´único dique de contención frente a la ofensiva social comunista y separatista”. Eles, os que non aceptan a derrota, os que utilizan o “lawfare” como estratexia de acción política son un perigo para a democracia e os que deben facernos considerar a hipótese de contratar unha alarma cando o virus da xenreira e a estupidez que inoculan na sociedade alcanza a categoría de pandemia.