Yonathan Carreira Xerente de Estrela de Marín

Estrela de Marín A Nova Peneira

Yonathan é o xerente da asociación de comerciantes Estrela de Marín. Achegámonos a conversar con el para coñecer o estado do pequeno comercio marinense. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

NESTES MOMENTOS, O RETRAEMENTO DO CONSUMO É MOI PREOCUPANTE”

-Valora a situación, en liñas xerais, do comercio marinense neste contexto tan complicado?

O comercio de proximidade, está atravesando un momento moi complexo. Non só na nosa vila de Marín senón que en todo o territorio nacional. Nestes momentos ademais, no concello, hai restricións que limitan a actividade comercial pero somos conscientes que debe primar a seguridade sanitaria.

-É seguro ir a un comercio de Marín?

Desde a fase 0 da desescalada, aló polo 4 de maio, desde o Centro Comercial Aberto incidimos en que todos os negocios establecementos, cumprisen coas recomendacións hixiénico sanitarias, coa finalidade de transmitir á cidadanía a mensaxe, de que a compra local era unha compra segura. Deste xeito, puxemos a disposición d@s nos@s asociad@s tapabocas, xel hidroalcohólico, batas para as perruquerías, carteis de aforo, cinta de seguridade para colocar en zonas de caixa e respectar a distancia de seguridade…

Alén disto, os nosos negocios puideron realizar unha auto diagnose de como se atopaban para poder levar a cabo a súa actividade e darlle cumprimento ás esixencias hixiénico sanitarias, xa que a través da Federación Provincial de Comercio, Turismo e Mercados de Pontevedra, participamos na posta en marcha da entrega de distintivos de “Comercio Seguro”

-A resposta da sociedade de Marín, despois do confinamento, co seu tecido comercial foi a que esperabas?

Durante o confinamento, creouse un sentimento de apego ao noso e a volta á actividade comercial foi máis que satisfactoria. Estamos falando do mes de maio. Desde a Asociación Galega de Xerencias de Centros Comerciais Abertos, deseñamos unha campaña (“Morriña de ti”) que buscaba concienciar á xente da importancia de consumir en clave local e transmitirlle a mensaxe de que sen eles non somos nada. Nestes momentos, si que é certo que a situación xa non é a mesma. A chegada do outono, os casos positivos de Covid, o aumento do paro, os ERTES…fan que o retraemento do consumo sexa moi preocupante.

-E a da administración municipal?. Fixo o necesario e o suficiente para axudar a que os comerciantes puidesen superar esta situación da mellor maneira posible?

Persoalmente considero que se fixeron cousas pero foron insuficientes. Desde o CCA puxémonos a disposición da corporación municipal desde o primeiro día do confinamento, mantendo diversas reunións e aportando medidas que puidesen reactivar a economía local. Algunhas delas, si que se tiveron en conta (supresión taxas de terrazas, aportar EPI’s aos comerciantes, colaboración nalgunhas accións concretas que tiveron moi boa acollida coma o “Stock Marín”) pero hai outras medidas que se teñen que tomar para poder axudar nestes momentos. Unha delas é intentar incentivar o consumo. Vexo que en vilas semellantes a nosa (Cangas do Morrazo) o seu concello acaba de poñer en marcha, conxuntamente con Fecimo, unha acción que intenta impulsar ao comercio de proximidade, a través de bonos que bonificarán o 40% das compras efectuadas. Deste xeito cunha aportación municipal de 100.000€, mobilizaranse 250.000€. Unha medida semellante, propuxémoslla ao equipo de goberno e agardo que agora, grazas á anulación por parte de Facenda do Estado do control de déficit e débeda, se poida levar a cabo, xa que nocaso do Concello de Marín, despois de realizada a liquidación do orzamento do exercicio 2019, o importe do que poderá dispoñer ascende a algo máis de 2.588.000€. Deste xeito, se destinamos o 10% a unha campaña de características similares, poderemos mobilizar preto de 650.000€

-No que respecta a administración autonómica que nos dis? – E da administración estatal?

Que a descoordinación foi total e absoluta. Baixo o meu punto de vista, prevaleceron os intereses políticos fronte aos intereses das persoas en xeral e do que nos ocupa a nós, do comercio de proximidade en particular. Ben é certo que nos tocou vivir unha situación nova e que nos pillou a moitos co “pé cambiado” pero non pode ser que a improvisación fose a nota predominante. 

-Se puideras transmitirlle ás tres administracións as vosas necesidades máis urxentes, que lle dirías?

En primeiro lugar, que @ comerciante poida obter financiación sen endebedarse para o resto dos seus días. Moitas das medidas que se tomaron ata o de agora, foron préstamos ICO ou financiación a través do IGAPE, que ou ben che aplicaban condicións inasumibles (coma a formalización de seguros de vida, que incrementaban as operacións de xeito exponencial) ou ben se eternizaba a súa consecución debido á burocracia incesante das operacións. Ao final, unha vez máis a “banca sempre gaña”. 

Que se facilitan ferramentas para poder competir en igualdades de condicións. O comercio de proximidade non pode xogar un partido no que de inicio xa vai perdendo 3 ou 4 a cero. É necesaria unha modificación na Lei de Comercio, comezando por lexislar novamente os períodos de rebaixas. Ademais, temos que adaptarnos ao novo consumidor post Covid, e non podemos facelo poñendo en marcha, por exemplo 313 proxectos de “Marketplace”, tantos coma concello hai en Galiza. Hai que crear sinerxias e para iso necesitamos de colectivos “supra” que realmente traballen a prol do comercio de proximidade.

-Estrela de Marín caracterizouse , desde sempre, por un grande esforzo imaxinativo na procura de artellar eventos en prol da dinamización comercial. Neste contexto, a imaxinación aínda dá para pensar en cousas novas que atraian a atención do cliente potencial?

Non queda outra. Temos que implementar ferramentas que incrementen a fidelidade do cliente e moitas delas pasan por solucións tecnolóxicas. Unha lectura clara do confinamento, foi que os comercios que venderon algo foron aqueles que traballaban con solucións dixitais. Dito isto, unha cousa hai que ter clara unha premisa, o comercio de proximidade debe potenciar o seu comercio físico. E o que nos fai diferentes, únicos é a nosa esenza.

-Que tendes previsto, no que respecta ás actividades, facer de aquí a final de ano?

Estamos traballando en varios proxectos, que agardo que en breve poidamos presentalos. Incidimos no que dicía, creación de sinerxias, incentivación do consumo, solucións dixitais…

-Creo que este ano, produciuse unha novidade moi importante na túa vida. Como levas o da paternidade?

Pois a paternidade foi un raio de luz nestes tempos escuros que nos tocaron vivir. Botando man dunha cita que lin hai un tempo, podería resumilo do seguinte xeito:

“ E de súpeto chega alguén con moita luz, alguén que non lle importa que tan escuro esteas, e quédase aí, ao teu carón, iluminándote”