Gómez Reino presenta unha iniciativa no Congreso para evitar a discriminación no reparto das cotas de xarda

Gomez Reino

Gómez Reino: “O sector galego precisa unha revisión inmediata da cota de xarda, non é xusto para o noso país unha asignación tan baixa “


Sábado, 26 de xuño.  

O deputado por Galicia en Común, Antón Gómez Reino, vén de rexistrar unha iniciativa parlamentar para evitar a discriminación no reparto das cotas de xarda asignadas para este ano, algo máis de 32.000 toneladas, 2 mil menos respecto ao ano anterior.

Este recorte prodúcese polas recomendacións do Consello Internacional de Exploración do Mar (ICES), que avoga por rebaixar desde as 922 mil toneladas de 2020 ata 852 mil toneladas para o 2021. Sen embargo, países como Noruega ou Illas Feroe adxudícanse cotas de maneira unilateral que non atenden ás recomendacións do ICES. 

A maior parte das embarcacións do Estado (máis de 600) dedicadas a esta pesqueira está en Galicia.  Varias organizacións, como a Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), a Federación Galega de Confradías de Pescadores, a Asociación de armadoiros de buques de pesca Pescagalicia -Arpega- O Barco e a Organización de Produtores de Pesca Fresca (OPP-31), entre outras, rexeitaron este modelo e tamén as baixas asignacións das cotas correspondentes á Unión Europea e tamén a España. 

Gómez Reino preguntou no Congreso sobre a posible condonación da penalización de cota que se lle aplica ao Estado por parte da Unión Europea por exceso de pesca sobre a súa cota no ano 2009, xa que outros países incrementan as súas cotas independentemente das recomendacións do ICES e da Organización de Pesquerías do Atlántico Nororiental (NEAFC).

 “O sector galego precisa unha revisión inmediata da cota de xarda, non é xusto para o noso país unha asignación tan baixa. O impacto social da explotación desta actividade pesqueira é moi grande e os representantes do sector deberían formar parte das xuntanzas con outros Estados costeiros con stock de xarda para participar na toma de decisións que sexan máis favorables a Galicia”, subliñou o deputado.

A cerca de admin 66 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.