Podemos esixe á Xunta que o servizo de rastrexo covid se preste desde Galicia e en galego

Gomez Reino Podemos Galicia

Vulnéranse varios dereitos básicos ao redor do noso idioma e incúmprese o propio prego de condicións que estipulou o Goberno de Feijóo para subcontratar á empresa de rastrexo

Sábado, 11 de decembro

Podemos Galicia denunciou este sábado que o servizo de rastrexo de casos covid-19 da Xunta discrimine á lingua galega ao prestarse desde centros fóra de Galicia, a pesar de que o uso e a atención en galego fose un requisitio inicial establecido no convenio coa empresa de rastrexo.

“Todos os operadores deberán poder entender e falar perfectamente nos idiomas castelán e galego”, esixía nun primeiro momento o Goberno galego. Con todo, usuarias do Sergas xa fixeron públicos casos onde por parte do rastrexador non se fala nin se entende o galego e a lingua empregada é o castelán. 

“O rastrexo covid é un servizo que se debe prestar en galego. As galegas temos o dereito de ser atendidas no noso idioma, pero parece que a Xunta se empeña en desvalorizalo cada vez que pode”, engadiu o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino. Con estes feitos, a formación sinalou o incumprimento de varios artigos básicos como o Artigo 1 sobre os dereitos lingüísticos de Galicia: “todos os galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito de usalo”. 

 “Ao longo da pandemia vimos como Galicia estaba á cola do Estado á hora de identificar casos covid, tamén as queixas das traballadoras do sector do telemarketing que se manifestaban nun sistema que non lles permitía ter días libres e sumidas nun caos desde un primeiro momento. É unha mágoa que a Xunta aposte por empresas que precarizan as condicións laborais. Preguntámoslle a Feijóo quen vela polo cumprimento das condicións do contrato coa empresa de rastrexo, aínda que xa esperamos que se lave as mans e busque culpables”, alega.