Instaláronse placas solares na Casa do Concello, na Galiña Azul e no Auditorio de Goián e durante os vindeiros meses tamén se colocarán no Mercado, na Casa da Cultura e no edificio da OMIX
Tomiño, 25xaneiro de 2021
Tomiño continúa coa súa aposta polas enerxías limpas e sostibles coa instalación de placas solares nos edificios municipais. A Casa do Concello, a Galiña Azul e o Auditorio de Goián xa contan coa instalación e nos vindeiros meses chegarán ao Mercado Municipal, á Casa da Cultura e ao edificio da OMIX. O concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, explica que “instalamos estas placas solares coa intención de reducir os custos da enerxía para o Concello e tamén para reducir ao máximo posible a nosa pegada ecolóxica”.
O edil explica que a instalación destas placas solares conta cun orzamento de 30.000 euros e que están financiadas nun 80 % polo IDAE e INEGA. Ademais afirma que xa se solicitou unha nova subvención para poder instalar máis nos colexios do concello. “Queremos chegar a todos os edificios públicos para facer de Tomiño unha vila cunha enerxía eficiente e sostible”, conclúe o concelleiro.