Información para entidades adheridas a VÍA GALEGA

Somos unha nación

A coordenadora de VÍA GALEGA, acordou convocar, baixo o lema “somos unha nación” o domingo, 24 de abril, ás 11.30,  manifestación nacional con saída da Alameda de Compostela e remate na Praza da Quintana, coincidindo co 176 aniversario do “abril de lume e ferro”, en palabras de Manuel María. Mes no que tivo lugar un dos episodios máis importantes da historia de Galiza: a Revolución Galega de 1846 que rematou, infelizmente, o 26 de abril cos fusilamentos en Carral dos ” mártires da liberdade”.

Coa loita daquel movemento iniciase a historia do nacionalismo que fundamenta a súa existencia na defensa permanente dos dereitos da nación galega e na procura da súa soberanía nacional. A afirmación de somos unha nación será o motivo desta mobilización. O noso dereito e vontade a ser libres, a decidir o noso futuro, faise máis necesario que nunca para rematar co espolio dos nosos recursos naturais, coa a apropiación do  noso aforro e excedente e paralizar o co desmantelamento industrial.

A plena soberanía é imprescindíbel para  termos un desenvolvemento autocentrado, cun tecido industrial e económico ao servizo de Galiza, para crear emprego de calidade, para acadar maior igualdade e benestar social, para normalizar a lingua e a cultura e para dotármonos duns servizos públicos universais, gratuítos e de calidade.

Desde este venres 4 de marzo ao 24 de abril, despregaremos unha intensa campaña. Contamos con miles de folletos, cartaces autocolantes e faixas. Necesitamos a implicación e a colaboración de todos e todas para propagar a mobilización por toda a xeografía galega. Facemos un chamamento para  involucrarse nesta campaña e, así,  ateigar o día 24 de abril as rúas de Compostela de orgullo galego e afirmación nacional, conscientes que só con poder político pleno acadaremos unha Galiza dona de seu.