O PP, PSOE e BNG de Marín debaten sobre o estado do Concello

O PP, PSOE e BNG de Marín debaten sobre o estado do Concello

Cando nos atopamos a un ano das vindeiras eleccións municipais de 2023, o Club de Opinión Portocelo presidido por Ángel García Carragal ven de organizar un Debate sobre o estado do municipio no que se puideron contrastar as diferentes visións sobre a situación actual de Marín.

O acto, que tivo lugar no Museo Manuel Torres o pasado xoves 26 de maio, contou coa participación dos Portavoces dos 3 grupos políticos presentes na Corporación Municipal, Lucía Santos (BNG), Manuel Pazos (PSOE) e Manuel Santos (PP), que interviron nesta orde, e deixou, como era de agardar, importantes diferencias en canto á análise da realidade de Marín.

A Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, fixo unha valoración moi negativa destes 11 anos de goberno popular e recordou que Marín era un concello que viña medrando, mais coa chegada do PP en 2011 a tendencia muda coa perda de 1.749 habitantes, sendo o segundo concello galego de entre 20.000 e 50.000 habitantes con peores datos demográficos.

Acusou ao PP de ser responsábel directo desta situación, pola falta de proxecto e iniciativa e xustificou tal afirmación na falta de desenvolmento do PXOM, na ausencia de modelo urbano, de zonas de implantación comercial, cun comercio que languidece ante a parálise do goberno.

Manuel Pazos (PSOE) coincidiu coa representante do BNG na negativa valoración da situación de Marín, salientando a preocupante tendencia demográfica, afirmando que Marín é un concello que nunca perdera poboación antes da chegada de María Ramallo ao goberno, a falta de construción de vivenda nova, que provoca que os veciños de Marín se vexan na obriga de marchar a outros lugares, ou o peche do 9% dos comercios nos últimos anos.

Pola súa banda, o representante do PP, Manuel Santos, fixo un amplo repaso das actuacións levadas polo PP nas diferentes áreas nestes 11 anos de goberno do PP, afirmando que se fixo un grandísimo traballo que os marinenses percibían, baseándose nos resultados das pasadas eleccións municipais de 2019 que outorgaron unha ampla vitoria ao PP.

Mais o portavoz municipal do PP non foi quen de dar unha resposta á preocupante tendencia demográfica que presenta o concello de Marín, nun contexto onde os concellos veciños gañan poboación.

En resumo, dúas visións totalmente contraditorias sobre a realidade do concello de Marín. Por unha banda, un goberno satisfeito co seu traballo afirmando que Marín está mellor que en 2011, e unha oposición moi crítica coa actuación do PP que coincidiu en que Marín está peor que en 2011.