O Rural de Vigo en loita

O Rural de Vigo en loita

En 4 importantes parroquias do rural vigués xurdiu, a finais do ano 21, un importante foco de tensión veciñal derivado do rexeitamento maioritario ao proxecto de construción dunha estrada, que aparece no plan xeral de Vigo, que atravesaría esas 4 parroquias , Bembrive, Beade, Sárdoma e Castrelos, para morrer nas inmediacións de Stellantis. O alcalde de Vigo, como sempre que algo lle molesta fai o habitual:-Mira para outro lado, ignora e non atende a quen protesta.

– Trata de vincular a protesta a organizacións políticas determinadas. AVIBE é a plataforma que agrupa aos veciños e veciñas que loitan para defender as súas vivendas e as súas parroquias do que eles entenden como unha estrada innecesaria que lles ocasionaría graves trastornos. Nós falamos con Ana, a súa presidenta, e con Jose un dos veciños membros da plataforma.

Ana Pascual presidenta e portavoz de AVIBE e Jose Castro membro da plataforma

O alcalde non nos escoita e minte sobre nós”

Canto tempo levamos xa con esta loita?

Desde finais de novembro do ano 2021

Vós tedes un traballo e unha familia, como o compatibilizades co activismo veciñal?

Non é nada fácil. O tema do vial é unha loita continua que esixe moito tempo, pois por unha banda está a loita co concello e por outra parte tamén é necesario un esforzo adicional para que os folgos do colectivo veciñal non decaian.

É normal, a loita social, se se prolonga moito no tempo acaba cansando.

Somos conscientes si. E no noso caso aínda máis, creo eu, pois levámolo con moita intensidade. Ao longo de todo este tempo fixemos unha protesta cada mes.

Para quen no coñeza o problema, imos recordar de maneira sintética como comezou todo, e en que situación estamos agora?

Hai un ano e dous meses soubemos por outros veciños que tiñan proxectado facer un vial de alta capacidade, de catro carrís, que ía tronzar Sárdoma, Bembrive, Beade e Castrelos.

Desde onde ata onde?

Comeza na zona de Baruxáns e remata na Balsa que é na zona de Stellantis. Na redacción do Plan Xeral, creo recordar que na súa páxina 14, di que é un vial que nace para servir ás posibles ampliacións de PSA( naquel momento aínda non era Stellantis).

Esa é a funcionalidade real do proxecto

En que situación estamos agora?

Despois de máis dun ano de loitas e protestas estamos nunha especie de punto morto. Todo este tempo e todo este traballo fíxonos descubrimos que:

Non hai estudo técnico que xustifique a necesidade do vial.

Os mapas utilizados para a redacción do proxecto non recollen a situación real das parroquias afectadas co que se dan situación surrealistas, como que casas que se estaban comezando a facer ían ser expropiadas antes de ser rematadas.

Por outra parte cando se aprobou o plan xeral as distintas consellerías emitiron os seus informes e a Axencia Galega de Infraestruturas( AXI) emite un informe desfavorable. Entre outras razóns porque entenden que non se pode proxectar un vial sen ter un estudo previo de mobilidade que recolla as necesidades de tráfico.

Asemade o Concello planificou esa estrada pero quere que a pague a Xunta, porque di que é unha estrada autonómica. Pero claro, a AXI non lle debeu de gustar, supoño, que non contaran con eles para o trazado dunha estrada que supostamente teñen que pagar. E non é unha obra barata, todo o contrario

A AXI acaba de emitir un segundo informe, verdade?

Si, e segue mantendo que non vai pagar esa estrada. E esa é a fase na que estamos na actualidade

Que saída lle vedes?

O plan xeral dunha cidade non pode ser aprobado con informes negativos da administración autonómica

Só e o referente á esa estrada o informe negativo que ten o Plan Xeral?

Non, hai outro que é sobre o tema do patrimonio. Agora mesmo o Plan Xeral ten dous informes negativos. A Xunta solicitou unha reunión técnica co Concello para tratar estas dúas discrepancias e polas novas que teño a día de hoxe( 10 de Xaneiro) non recibiron resposta aínda. Nós tamén pedimos unha xuntanza con ambas administracións

E?

Só a tivemos coa Xunta. E teño que dicir que sempre que solicitamos reunión coa Xunta, a delegada Marta Fernández-Tapias, recíbenos, creo que xa foron 4 veces, escóitanos con amabilidade e eu creo, polo menos esa é a impresión que me transmite, que tamén con interese. O que nos dixo é que un Plan Xeral con eses informes negativos non pode ser aprobado .

O alcalde atendeuvos?

Non. El non nos escoita e ao atribuírnos adscrición partidaria minte sobre nós. Só somos veciños e veciñas que nos organizamos para defendernos dun proxecto que afectaría seriamente ás nosas vidas. Non somos nin do BNG nin da CIG, nin do PP nin de ningún sitio. Só veciños e veciñas de Vigo loitando pola defensa dos seus intereses.

Malia os informes negativos eu creo que o tema non está acabado, non vos parece?

Coincidimos contigo absolutamente. Hai que seguir pelexando e nós imos seguir pelexando ata que desapareza esa espada de Damocles que temos pendurada sobre as nosas vidas.

Cantas veces solicitastes unha xuntanza co alcalde?

Tranquilamente 10 ou 12

De que maneira as solicitastes?

De todas as maneiras posibles. Ata metendo as solicitudes por rexistro.

A resposta foi?

Nunca houbo resposta. Só unha vez deuse a coincidencia de que nunha das nosas protestas coincidiu que pasou por alí o alcalde e achegámonos a el.

Que vos dixo?

Preguntámoslle se tiña un momento e cun sorriso de orella a orella díxonos que si. Cando lle dixemos quen eramos, mudoulle a cara , deu media volta e marchou. Díxonos que estaba moi ocupado e que xa nos caería algunha reunión.

E “ caeuvos”?

Ao día seguinte chamáronnos de urbanismo e déronnos unha xuntanza coa concelleira, María Xosé Caride, un venres cando o prazo para as alegacións remataba o luns.

Coa Marea e co BNG que tal?

Moi ben con ambos. Tanto Rubén como Xabier escóitannos e sempre tratan de axudarnos.

Este Vial é innecesario?

Si, sen dúbida que non é necesario. Neste contexto de cambio climático o modelo de sostibilidade e transición ecolóxica está nas antípodas da construción de novas autovías.

Este vial está feito para tráfico pesado e xa temos vías que poderían facer esa función, completamente infrautilizadas como por exemplo a VG 20

Se finalmente se fai a estrada cales serían as súas consecuencias?

As expropiacións que se farían. Un mínimo de 40 casas.

Hai moitas outras casas que quedarían pegadas ás marxes da Estrada, co que se perdería moita calidade de vida

A zona se desvalorizaría. Ninguén quere vivir a carón dunha vía de alta capacidade

O impacto medio ambiental é brutal

O impacto patrimonial é demoledor

E se non se chega a facer e nolo deixan debullado no mapa as consecuencias seguiriámolas a ter pois, alén da desvalorización obvia da nosa zona, teriamos un montón de anos a espada de Damocles pendurada enriba das nosas vidas.

A resposta da veciñanza das parroquias afectadas?

Segue a ser de maneira abafadora contraria á estrada.