A alcaldesa, Digna Rivas, satisfeita coa rectificación de Javier Bas

Concello de Redondela A Nova Peneira

O voceiro do PP rectificou as súas acusacións contra Rivas sobre a solicitude dunha subvención logo da denuncia presentada pola alcaldesa por un presunto delito de calumnias. Bas Corugeira declarou ante a xuíza que a súa intención “non era dicir que Rivas elaborase ningún documento falso”.

-O Concello abriu unha investigación interna sobre este expediente da que o PP é coñecedor e que exclúe de calquera responsabilidade a Digna Rivas e ao resto de concelleiros do actual goberno. “Se o PP considera que na tramitación dese expediente houbo algunha ilegalidade, convídoos a denuncialo no xulgado e non seguir difamando a este Concello e aos seus traballadores nos medios de comunicación” sinala Rivas.

-O auto no que se arquiva a denuncia de Rivas contra Bas por calumnias non valora a tramitación do expediente por parte do Concello de Redondela e tan só determina que “prevalece o dereito á liberdade de expresión do líder da oposición sobre o dereito á honra da alcaldesa”. Rivas lamenta que os políticos “teñan maior liberdade de expresión que os cantantes ou outros artistas aos que se lles coarta ese dereito”.

Redondela, 12 de xaneiro de 2024.

O voceiro do PP rectificou as súas acusacións contra Digna Rivas sobre a solicitude dunha subvención logo da denuncia presentada pola alcaldesa por un presunto delito de calumnias. Bas Corugeira, que acusara á alcaldesa de “firmar e enviar documentación falsa para obter unha subvención”, declarou ante a xuíza que a súa intención “non era dicir que Rivas elaborase ningún documento falso”. A alcaldesa dáse por satisfeita con esta rectificación en sede xudicial, pero lamenta que o voceiro do PP siga mentindo ante os medios de comunicación “vertendo sospeitas infundadas sobre un expediente dos técnicos do Concello que é a miña obriga tramitar, porque de non facelo estaría prevaricando, e o señor Bas debería sabelo”.

Rivas lembra que desde o Concello abriuse unha investigación interna sobre este expediente da que o grupo popular é coñecedor. As conclusión preliminares desta investigación exclúen totalmente de calquera responsabilidade nesa presunta falsificación tanto a Digna Rivas como ao resto dos integrantes do actual goberno. O propio técnico, autor do documento presuntamente alterado, negou ante os responsables da investigación interna que existise falsificación algunha.

En calquera caso, se desde o PP de Redondela seguen a considerar que na tramitación dese expediente houbo algunha ilegalidade, a rexedora local convídaos “a denuncialo no lugar que corresponde, que é o xulgado, e non seguir difamando a este Concello e aos seus traballadores nos medios de comunicación, porque non o merecen”. A alcaldesa lamenta que única preocupación do grupo municipal popular sexa “prexudicar e entorpecer o traballo deste goberno”.

O auto do Xulgado de Redondela do pasado 15 de decembro, no que se arquiva a denuncia de Digna Rivas contra Javier Bas por calumnias, non entra a valorar en ningún momento a tramitación da subvención por parte do Concello de Redondela, tan só determina que prevalece o dereito á liberdade de expresión do líder da oposición sobre o dereito á honra da alcaldesa. Ante esta decisión xudicial a alcaldesa lamenta que “os políticos teñan maior liberdade de expresión que os cantantes ou outros artistas aos que se lles coarta ese dereito”.