O persoal de BorgWarner mobilízase polo incumprimento do convenio e do plan de igualdade

BorgWarner

Desenvolveu unha concentración este mediodía diante do centro de traballo de Zamáns para rexeitar a actitude da dirección

Vigo, 31 de xaneiro de 2024.

O cadro do persoal de BorgWarner, empresa da automoción con sede en Vigo, concentrouse hoxe ás portas do centro de traballo de Zamáns para denunciar os incumprimentos do convenio colectivo e do plan de Igualdade por parte da dirección.

Dende o comité explican que os incumprimentos repítense dende hai meses, tempo no que a compañía amosou un “total desprezo” pola aplicación da normativa, “chegando a vulnerar a liberdade sindical no que respecta ao dereito á información, consulta e participación dos representantes legais das persoas traballadoras”.

Neste senso, lamentan que tras un longo proceso de negociación colectiva que rematou nunha mediación do AGA coa sinatura dun novo convenio en outubro do 2023, e a pesares do esforzo feito polas partes para acadar un acordo, a dirección de BorgWarner non é quen de cumprir os prazos pactados para aplicar as subas salariais correspondentes. “Esta demora nos pagamentos está a provocar un prexuízo para o cadro de persoal e as súas familias”.

Ademais, a empresa incumpre artigos normativos recollidos no convenio como os de rexistro de xornada, clasificación profesional, categorías, aboamento das axudas para o fomento da natalidade, dereito a accións formativas e á súa retribución, prendas de traballo, acordo asinado para o centro novo do Porriño, etc.

En canto á normativa que establece o II Plan de Igualdade de Borgwarner asinado en 2021, a compañía acumula incumprimentos no que ten que ver co teletraballo, desconexión dixital, publicación do rexistro retributivo, promoción e publicación de procesos e reservas de prazas para colectivos infrarrepresentados, cumprimento de medidas e seguimento do plan de igualdade.

“A dirección está a aplicar unha política de incumprimentos dos acordos pactados que inclúe vulneración de dereitos sindicais, xa que non cumpre co dereito básico de información e consulta; non se reúnen as comisións de traballo estipuladas no convenio e no plan de igualdade, chegando incluso a non entregar o balance económico e as contas do exercicio 2022 a pesar de que se lles foron solicitadas”.

Por todo isto o cadro de persoal, “farto desta actitude e deriva” decidir convocar mobilizacións para trasladarlle á empresa que non vai aceptar o deterioro do marco das relacións laborais e esixir un cambio de postura que evite o conflito. “Non podemos aceptar que o esforzo das persoas traballadoras de BorgWarner nestes anos con récord de beneficios e a boa marcha do negocio se vexan embazados pola falta de seriedade da dirección”.

Primer comentario

Deixa a túa opinión