Solicitan unha xuntanza co alcalde para analizar os efectos na nacente dos mananciais que abastecen o encoro de Eiras
Destacan que só o proxecto de parque eólico Coto de Eiras en Fornelos de Montes supón un perigoso movemento de terra de 20.000 m³
Organizan a andaina popular “Romaría en honra ao noso monte” o domingo día 20 polo territorio afectado
Fornelos de Montes, 16 de outubro de 2024.- A instalación dos parques eólicos proxectados na Serra do Suído non só terán efectos devastadores no propio territorio senón que afectarán tamén á calidade das augas de Vigo. Así o aseguran desde a Plataforma en Defensa do Sur da Dorsal Galega cuxo portavoz, Javier Blanco, vén de solicitar unha reunión co alcalde, Abel Caballero, para trasladarlle a preocupación polos problemas que para Vigo pode ocasionar a construción dos parques previstos na serra onde nacen os mananciais que abastecen de auga á cidade.
O portavoz da Dorsal, Javier Blanco, buscará nesa xuntanza, trasladarlle ao alcalde os riscos que para Vigo e a comarca suporán a instalación dos parques eólicos apoiados pola Xunta na Serra do Suído, onde nacen os mananciais que abastecen de auga o encoro de Eiras a través do río Oitaven.
“O volume de terra que se prevé mover na instalación do parque eólico Coto de Eiras supera os 20.000 m³, o que supón un enorme risco para o medio ambiente. Ademais, os posibles danos ás turbeiras, un valioso ecosistema que ademais de ser enormes reservas de auga, axuda a combater o cambio climático absorbendo Co2, depura a auga actuando como filtros naturais que eliminan os elementos contaminantes, así como os hábitats que neles conviven, tanto a flora como a fauna”, sinala Javier Blanco na carta remitida ao alcalde de Vigo coa solicitude de xuntanza.
Destaca o portavoz da Dorsal a preocupación polo impacto ambiental que se poida derivar do proxecto, de maneira especial, no que se refire á calidade e dispoñibilidade da auga, o que afectaría tamén ás veciñas e veciños de Vigo e a comarca a través do subministro que provén do encoro de Eiras.
Romaría en honra ao noso monte
Co fin de contribuír a concienciar dos efectos que tería a instalación do parque eólico Coto das Eiras, a Dorsal organiza o vindeiro domingo día 20 a “Romaría en honra ao noso monte”, unha andaina polas zonas afectadas na que se camiñará por espazos de especial riqueza ambiental e patrimonial e no que se debullará o proxecto e as súas consecuencias no propio territorio. Explicarase desta maneira o proceso de alteración dos mananciais e os perigos para auga no propio lugar en que se producirán os movementos de terra.
A andaina sairá do Chan da Cabada ás 10:00 e terá unha duración de 3 horas. No remate está previsto un xantar de confraternización (para o que cada participante levará a súa propia comida) seguida por foliada neste espazo da parroquia de Ventín, en Fornelos de Montes. Desde a organización, convidan a participar nesta iniciativa para coñecer un monte único de gran valor paisaxístico e defender a súa protección fronte á ameaza eólica.
Primer comentario