Saírmos da UE e da OTAN?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Galiza non está illada do mundo, o que acontece hoxe en Palestina ou na Ucraína, as decisións que se toman na Unión Europea e na OTAN, inciden directamente nas nosas vidas.

Queirámolo ou non, estamos integrados nunha alianza militar das máis crueis, a OTAN. Nesta estrutura político militar os estados están sometidos ao mandato imperial dos EEUU. Para Galiza é un gréllete máis da cadea opresora, para España unha garantía de manter a súa dominación e a súa unidade territorial. A OTAN é un atranco para a nosa soberanía nacional, quizais o máis grande.

Queirámolo ou non pertencer á OTAN colócanos nun bando nesta terceira guerra mundial que se está desenvolvendo diante dos nosos ollos sen que nós sexamos conscientes. Estamos no bando do imperialismo unilateral que se quer impoñer aos pobos do mundo mediante a violencia para espoliar os seus recursos naturais e humanos.

A Unión Europea non é sinónimo de democracia nin de dereitos humanos, simplemente é unha xuntanza de estados ao servizo do capital. A que manda miles de millóns de euros en armas para continuar a guerra da Ucraína, a que xustifica e financia o xenocidio sionista do pobo palestino. E todo isto acontece mentres medra a precariedade e aumenta o costo da vida para os “libres”cidadáns do xardín europeu.

Para Galiza a forzada entrada neste selecto clube non fixo máis que agrandar os nosos problemas económicos e sociais. Como ben se prognosticou no seu día, foi unha desfeita para os nosos sectores produtivos, especialmente para a industria naval, o agro e a pesca. Sectores que ainda hoxe continúan esmorecendo baixo as políticas emanadas de Bruxelas e que son aplicadas dilixentemente desde Madrid, polo goberno central, e desde Compostela, polo goberno da Xunta. Independentemente de que partido político estea exercendo as funcións de encargado.

Mais hoxe temos outro grande problema que tamén ven da man das políticas enerxéticas ditadas pola UE. Coa escusa dunha nova “economía verde” queren transformar os nosos montes nun xigantesco parque eólico e encher as nosas costas de enormes muíños de vento, e todo para producir, como cos encoros nos tempos de Franco, enerxía barata para exportar e satisfacer as necesidades de industrias de enclave que lixan a nosa terra. A enerxía verde é hoxe o negocio redondo dos “fondos voitres” e das empresas intermediarias; o hidróxeno verde vai ser o novo maná que vai solucionar todos os nosos males económicos e medio ambientais.

Estamos comezando unha nova campaña electoral, unha de tantas coas que nós entreteñen ultimamente. Porén, pouco se fala ou se tenta evitar falar do que significa a nosa pertenza á UE ou á OTAN. As eleccións deberían servir para reflexionar sobre estes e outros temas, mais só escoitamos frases feitas e consignas partidarias para tentar engaiolarnos.

Realmente a autonomía ten competencias para facer todo o que prometen que van facer? Pódese desde a Xunta salvar a nosa pesca e a nosa agricultura? Imos impedir a inundación de parques eólicos nos montes e nos mares?

O sistema autonómico é un traxe feito a medida de Madrid, para nós unha camisa de forza, coa intención de perpetuar a nosa dependencia. Vai sendo hora de falar claro e dicirlle ao pobo galego que para vivir mellor necesitamos unha soberanía real. Para iso temos que soltar amarras, quitármonos a camisa de forza española e saírmos da UE e da OTAN.