Un ano máis, Erguer. Estudantes da Galiza impulsa a súa campaña do 25 de novembro, reafirmando o seu compromiso coa loita contra a violencia machista e pola construción dun ensino feminista, igualitario e libre de violencias. Este ano, a organización chama á mobilización baixo o lema “Nas rúas e nas aulas, contra a violencia machista!”, destacando a importancia de combater esta lacra desde todos os espazos, incluído o ámbito educativo.
Erguer denuncia que o sistema educativo continúa a ser reflexo das desigualdades estruturais, presentando espazos inseguros para as estudantes. As aulas, lonxe de ofrecer protección e igualdade, perpetúan roles de xénero que reforzan a opresión, a lgbtifobia e a invisibilización das mulleres trans. A falla de protocolos actualizados e efectivos agrava estas situacións, o que fai máis difícil actuar fronte a agresións machistas e outros tipos de violencia.
APOIO ÁS ESTUDANTES E DEMANDAS CONCRETAS
A campaña de Erguer tamén se centra en visibilizar como as redes sociais e as plataformas dixitais están a promover unha mercantilización dos corpos das mozas, converténdoos nun produto máis. Erguer denuncia que o profesorado segue sen recibir formación adecuada para identificar e actuar ante os fenómenos de acoso dixital, o cal reflicte a desconexión entre o sistema educativo e as necesidades reais da mocidade.
Fronte a esta situación, Erguer demanda:
- A aplicación transversal do principio de igualdade en todos os niveis do ensino.
- A ampliación e renovación dos protocolos de acoso e violencia de xénero nos centros educativos.
- A dotación de máis recursos para formar ao profesorado en igualdade e prevención de violencias.
CHAMAMENTO Á MOBILIZACIÓN
Dende Erguer, insístese en que a loita organizada desde o feminismo é clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria. Por iso, fan un chamamento ás estudantes de toda Galiza a participar nas mobilizacións previstas para o 25 de novembro e sumar esforzos na loita por un ensino transfeminista e liberador. A participación activa e a organización son os únicos camiños para combater este problema estrutural.
Erguer invita a todas as estudantes a sumarse ás accións reivindicativas e acudir ás mobilizacións en todas as cidades do país.
