Primun vivere deinde philosophari

ventá
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Non é preciso ter coñecementos elevados de latín, nin unha especial habilidade para interpretar metáforas para podermos comprender o significado desa sentencia latina atribuída ao filósofo Thomas Hobbes, xunto con Jhon Locke, o pai do empirismo. A frase é de Hobbes, pero o pensamento orixinal non debe de ser del, pois xa aparece reflectido nalgúns autores anteriores e coetáneos, como por exemplo no famoso e simpático diálogo imaxinario entre Babieca e Rocinante co que Cervantes nos deleita no “ Quijote”: “ Metafísico estais” dille un dos animais ao outro, “ Es que no como” contesta o interpelado.

En definitiva, o título deste primeiro artigo do ano en ANP quere dicir que: malia que tratar de comprender a natureza dos fenómenos , de beber en todo tipo de fontes de coñecemento e de enriquecerse co pensamento alleo é absolutamente imprescindible se queremos ser persoas libres e dignas, iso non se pode facer se antes non temos asegurada a posibilidade vivir con dignidade, tanto física como emocionalmente todos e cada un dos días.

En Afganistán a metade da súa poboación, as mulleres, non pode facer absolutamente nada que non sexa asumir a condición á que son relegadas pola administración Talibán, a condición de meros instrumentos nacidas para asegurar a satisfacción do varón,

Desde que os Talibáns lograron conquistar o poder neste país asiático, comezaron a regular para limitar os dereitos das mulleres. Así: prohibíronlles traballar, prohibíronlles educarse, prohibíronlles asistir a lugares públicos, prohibíronlles falar e rezar en público, prohibíronlles practicar deporte, prohibíronlles ir aos salóns de peiteado, prohibíronlles ir ao ximnasio…e agora a situación chega a tal grado de maldade, de delirio psicótico que supera con creces a fronteiras da cordura pois veñen de prohibirlles mirar polas fiestras.

É unha situación tan disparatada que custa crer que sexa verdade. Pero si, si que o é. O líder talibán Hibatullah Akhundzada decretou que as vivendas non tiveran ventás onde puidera haber unha muller sentada ou de pé. A orde aplícase tanto ás construcións novas como ás xa existentes segundo un decreto publicado en X( antes Twitter)pola administración talibán. No texto establécese que as novas construcións non poden ter ventás desde as que se poida ver as cociñas, patios pozos ou outros espazos” utilizados habitualmente por mulleres”. Nas construcións xa existentes, que non se atinxan ás condicións desta nova lei, vaise instar aos propietarios a construír muros para tapiar ás ventás desde ás que se poida observar ás mulleres das casas veciñas.

Naturalmente esta barbaridade ignominiosa non aparece en ningunha portada dos medios de comunicación occidentais, nin é o obxecto de faladoiros políticos nos que os seareiros liberais emitan furibundas diatribas contra a falta de liberdade e a tiranía, como fan por exemplo con Venezuela. E voume permitir especular un pouco para dicir que o secuestro en vida, toda a vida, á que son sometidas as mulleres afganas tampouco sería merecedor dun dos artigos do prestixioso editor que protestaba por que “ el gallego se está imponiendo sin contemplaciones”.Non o fan porque lles dá igual, porque quen lles paga non ten interese nese país, como si o pode ter por exemplo no petróleo venezolano.

Se as escusas de democracia e liberdade que espetan os norteamericanos, e os seus aliados/servos da Otan, para xustificar as súas innumerables intervencións militares que despois de ter rematado a 2º guerra mundial levaron o terror a morte e a destrución a tantas zonas do planeta terra, tiveran un mínimo de parecido coa realidade e se lles puidera dar algún tipo de valor moral, non pasarían 5 minutos sen que unha forza da ONU entrase nese país, depuxera a ese goberno de psicópatas e permanecese o tempo necesario para que non puidesen volver nunca máis.

Non facer nada é permitir o secuestro en vida de toda a poboación feminina do país durante toda a súa vida.

Nunca esquezamos ás mulleres afganas. A Nova Peneira coas mulleres de Afganistán.

A cerca de admin 95 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.