Roberto Villar concelleiro de AER no Concello de Redondela

Roberto AER

Rematamos esta xeira de análise en profundidade da política local de Redondela falando con Roberto Villar, concelleiro da agrupación de electores e membro do goberno local. Este apaixonado da ecoloxía afronta o seu segundo mandato como como concelleiro. Na súa primeira experiencia que comezou no ano 19 , interrompida despois de que AER decidise romper coa alcaldesa Digna Rivas, foi concelleiro de medio ambiente e cando abandonou a concellería decidiu ampliar a súa formación e cursar un ciclo de educación ambiental. No medio dun contexto moi complicado na política local, no que parece que a tensión entre os distintos grupos está en niveis demasiado elevados para poder facer política con normalidade, conversamos con Roberto quen defendeu con paixón o traballo de AER e a pertinencia da súa forma de facer política. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Javier Bas é o grande vendedor de fume de Redondela”

Cales son as áreas sobre as que ten responsabilidade a túa concellería?

Obras, Auga e saneamento, lixo o control e rescate de especies e actividades de educación ambiental.

Ti es dos fundadores de AER?

Non, eu entrei en AER no ano 2015.Fun votante desde sempre, pero non foi ata ese ano cando comecei a participar activamente.

Por que te decidiches a entrar en política?

Sempre, xa desde cativo, me interesou a realidade política, pero o que motivou que dese o paso foi a ampliación da AP9 en Chapela, un tema que me afectou persoalmente de maneira moi importante.

Algunha lembranza especial daqueles momentos?

Moitas, pero creo que a que se leva o primeiro posto no podio é a actuación do grande vendedor de fume de Redondela Javier Bas. Dedicarse á política ten cousas moi desagradables, pero traballar para mellorar a vida da veciñanza e en consecuencia impedir que un PP nocivo,o PP de Javier Bas, chegue ao goberno de Redondela dignifica a práctica política.

Percibes algunha diferenza entre o Javier Bas de antes de Madrid, e o Javier Bas de despois de Madrid?

Si, claramente si. El veu “Ayusado” de Madrid. Parece que coa súa agresividade está a gañar puntos para que os seus xefes o manteñan. Resultan en verdade chocantes as súas críticas recorrentes ao meu soldo,ao soldo dun concelleiro escollido democraticamente, cando el ten un soldo que duplica ao meu nun posto que lle deron a dedo.

Ben, o certo é que cando chegou a alcaldía baixouse o soldo

Si, pero non por propia vontade. Baixouse o soldo porque llo esixiu AER.

Despois da explosión electoral inicial, que leva a AER ás catro actas, veu a tendencia claramente descendente na que estades agora cun só concelleiro. Tedes analizado na agrupación de maneira autocrítica os motivos que levaron a esta situación?

Desde logo que o temos analizado de maneira autocrítica. Non creo que se poida dar unha resposta concreta para explicalo, penso que se trata dunha suma de razóns varias. Posiblemente ternos marchado no mandato anterior do goberno nos prexudicara , e por outra parte AER é obxecto das críticas de todos , tanto desde a dereita como desde a esquerda, e cónstanos que persoas que teñen interese en achegarse á agrupación téñense botado para atrás por medo ás consecuencias que lles puidera supor.

E por último hai xente que se achega á política coa boa intención de contribuír ao ben común, pero tamén os hai que só veñen para tratar de arranxar cuestións persoais e nós non fomos inmunes a esa situación.

O modus operandi da agrupación de electores mudou nalgún momento?

Non, categoricamente non. Sempre foi o mesmo, radicalmente democrático, desde o principio.

Que valoración fas destes dous anos de goberno?

Se me preguntas polo goberno en xeral a resposta vai ser diferente a se me preguntas pola miña área.

Pois imos por partes:Valórame os dous anos de goberno no seu conxunto?

Véxoos frouxos. É un goberno un tanto decepcionante no que respecta á súa organización. Hai grandes ideas e proxectos moi importantes pero é necesario mellorar a organización. A alcaldesa debe tamén de delegar máis e mellor.

Este é, como di o PP, o goberno do facebook?

Non, iso é falso. Pero si é o goberno do whats app e á veciñanza non se lle pode atender por whats app. Quero deixar claro que o PP, cando gobernou Redondela, tamén o facía, e esa forma de actuar é puro clientelismo. Esta é unha administración de arredor de 30.000 habitantes e a comunicación coa administración debe de realizarse por escrito. O caso contrario é discriminatorio, só se atenden aos veciños que teñan acceso aos nosos móbiles, e asemade satura o día a día do concelleiro en cuestión.

Agora tócache valorar a túa área?

Trato de profesionalizar, ordenar e mellorar a estrutura da miña concellería. Unha das cuestións das que estou máis satisfeito é ter investido cartos, despois de moitos anos, nas instalacións de vías e obras. Regulamos tamén a xestión de residuos,ata entón era un auténtico desastre.

Explícanos a cuestión da factura/s que supostamente abonou a túa concellería á empresa na que traballa o ex concelleiro de AER Daniel Boullosa?

Ese asunto é pura política da lama. Estamos falando dunha soa factura de 1.200€ para mudar as lámpadas dun xardín que había que cambiar .Eu comprei nesa empresa por prezo,porque foi como saía máis barato .Non hai ningunha ilegalidade e nin sequera ningunha inmoralidade. O BNG foi facer dano de maneira total e absolutamente inmotivada. Non entendo ese odio irracional que nos ten o BNG, eu mesmo voto ao BNG en distintos procesos electorais pero este odio absurdo que nos ten o Bloque de Redondela é incomprensible.

Ides tomar algunha medida legal?

Estivemos sopesándoo, pero decidimos pasar da lama. Ese espazo deixámosllo a outros. Neste asunto o BNG deulle de comer ás gaivotas do PP. Sinalar con nomes e apelidos publicamente a persoas que non teñen nada que ver coa política é lamentable.

Malia que AER é unha agrupación local, todas as persoas que estades na agrupación estades interesadas na política e quero rematar coñecendo a túa opinión, de maneira sintética, sobre figuras salientables da actualidade política.

Ayuso?

Unha fascista.

Rueda?

Un aproveitado bastante menos comprometido con Galicia do que o estaba Fraga.

O ínclito conselleiro, do que non quero dicir nin o nome, que afirmou que en San Simón non se mataban persoas?

Un tipo que carece de cerebro. Semellante barbaridade é o peor insulto que se lle pode facer a Redondela e á súa historia.

Alberto Pazos?

É unha persoa que é anti Redondela. Eu non querería vivir na Redondela de Alberto Pazos. No PP de Redondela non manda Javier Bas, manda Alberto Pazos. El é o líder real da dereita redondelá. Estamos agardando aínda que condene as infames palabras sobre San Simón do seu compañeiro polo que antes me preguntabas.

Por que dis que Alberto Pazos é anti Redondela?

Porque sempre que os intereses de Redondela chocan cos intereses do PP el, todas as veces sen excepción, escolle situarse do lado do seu partido.

Javier Bas?

Un aproveitado da política que fai cousas realmente lamentables.

Como por exemplo?

Nun pleno díxonos a Rita Pérez e a min que nós nunca gañariamos tanto diñeiro no sector privado como gañou el. Eu son un orgulloso caldeireiro, que desde logo nunca sería banqueiro como el.

Digna Rivas?

Unha política clásica á que respecto e coa que teño boa relación. Ao meu xuízo é demasiado autoritaria.

Xoan Carlos González?

Unha persoa que ten aversión a AER e o seu único obxectivo parece ser destruírnos.

Roberto Villar?

Un “perroflauta”, unha anomalía política.

Unha última pregunta de si ou non: O goberno aguanta ata a fin do mandato?

Por AER non vai ser. Pero todo depende de que se cumpran os acordos pactados. Se non se cumpren non desboto nada.

A cerca de admin 95 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.