A CUT quere expresar a súa valoración sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) en MAGNA, que afectará a 31 traballadores e que foi aprobado co voto favorable da maioría da comisión negociadora que se viu chantaxeada pola empresa. A pesar de que a empresa aceptou aplicar mobilidades funcionais e re-colocacións para minimizar o número de despedimentos propostos pola parte social, consideramos que esta negociación estivo condicionada pola presión empresarial e a falta de tempo real para buscar unha solución máis xusta que evitara despedimentos.
Dende o primeiro momento, a empresa entendemos xogou coa estratexia da dilación, alongando as negociacións ata o derradeiro día do prazo legal de 30 días que establece a normativa para os ERE. Esta foi unha manobra calculada para deixar sen marxe de manobra aos sindicatos e obrigalos a aceptar a súa proposta baixo a ameaza de que a alternativa sería moito peor.
A CUT decidiu non asinar o pre-acordo porque consideramos que quedaron moitas cuestións sen resolver e que existían opcións para mellorar as condicións do ERE. Non se entende que:
Se despracen traballadores de mantemento a man de obra directa mentres seguen operando sub-contratas con funcións similares.
Se manteñan horas extras, quenda de fin de semana, contratacións, e sobre todo cando hai persoal que podería e quere pre-xubilarse ou saír da empresa, facilitando así a re-colocación doutros traballadores, que a empresa nega.
O acordo acadado entendemos deixa claro que a empresa impuxo a súa folla de ruta, facendo uso do medo e da chantaxe para impoñer as súas condicións.
Aceptar este tipo de presións crea un precedente perigoso para futuras negociacións, xa que envía a mensaxe de que a empresa pode forzar as súas decisións sen unha verdadeira negociación xusta.
A CUT non formará parte da comisión de seguimento do ERE, xa que ao non asinar o acordo, a empresa asegurouse de excluírnos deste espazo. Con todo, seguiremos vixiantes e denunciando calquera vulneración de dereitos que poida xurdir na aplicación deste proceso.
Agora, coa negociación do Convenio á vista, é fundamental aprender dos erros cometidos e actuar con firmeza. A unidade sindical debe basearse na defensa real dos dereitos da clase traballadora, e non na aceptación de imposicións baixo ameazas.
A empresa na negociación do convenio quere crear unha categoría de entrada para rebaixar salarios, ao tempo que despide persoas traballadoras por ter un excedente. Pedir un ERE, e ao tempo unha categoría de entrada e contrario a calquera entendemento dende a lóxica.
