Deputadas galegas

Sandra Bastos concelleira do PP de Redondela
Tino Lago

Iniciamos unha nova xeira de entrevistas políticas con mulleres deputadas das distintas forzas políticas do noso país, falando con Sandra, deputada provincial do PP.

Sandra Bastos concelleira do PP de Redondela, e deputada provincial.

Digna Rivas é unha alcaldesa que non respecta á oposición”

Comecemos por coñecerte un pouco: De onde es, a que te dedicas e como e cando comezou a túa relación coa política?

Eu son de Redondela, a miña familia procede de Cesantes, e agora mesmo dedícome á política a tempo completo.

Non sempre foi así?

Efectivamente, dediqueime á fotografía durante máis de 30 anos. Deixeino hai moi pouco, en decembro do pasado ano.

Gustábache a fotografía?

Si, moito. E segue a gustarme aínda. É unha auténtica paixón.

Por que o deixaches? Se cadra a política non che deixa tempo ?

Ese é un dos motivos, pero o principal é un problema de saúde que me impide desenvolver ese traballo.

Como comezou a túa relación coa política?

A política gustoume desde sempre, e o PP foi a organización política coa que, desde que teño recordos, me sinto identificada pois as súas ideas encaixan coa miña forma de entender a realidade. O meu activismo iníciase no ano 2019 e a miña afiliación foi un par de anos despois.

Como antes mencionei sempre sentín simpatía polo PP, pero desde que coñezo por dentro ao partido en Redondela a miña simpatía multiplicouse ata se converter en identificación plena.

Nas municipais do 2019 vas por primeira vez nunha lista do PP de Redondela, ías de número 9 e quitastes 9 actas, polo tanto fuches escollida concelleira. Quen che propuxo formar parte desa lista?

Javier Bas.

Coñecíalo persoalmente?

Si, pero non tiña a relación que temos agora.

Por que aceptaches ir nesa lista?

Pois porque Javier fora 8 anos alcalde, e eu valoraba de maneira tremendamente positiva o traballo que fixeran por Redondela tanto el como todo o seu equipo. E eu, humildemente, creo que podía achegar cousas positivas ao traballo político da miña organización.

No 19 entras no concello como concelleira da oposición no primeiro mandato de Digna Rivas. Como valoras eses primeiros catro anos de goberno da actual alcaldesa?

O que me encontrei foi moi sorprendente para min. Eu non agardaba nin de lonxe que se puidese gobernar así.

Así, como?

Facendo un exercicio constante de deshonestidade intelectual. Prescindido dos principios, esquecendo os valores e vivindo nun permanente todo vale con tal de conservar o goberno.

Quen prescindiu dos principios?

Permíteme que non personalice. Só dicir que eu agardaba outra forma de facer política. Esperaba, dentro das lóxicas discrepancias ideolóxicas e dos lexítimos intereses políticos de cada grupo, unha disposición ao consenso en beneficio de Redondela, que en absoluto encontrei no equipo de goberno.

E nese primeiro mandato vós fixestes unha oposición construtiva?

Tentámolo desde o primeiro momento.

Algúns voceiros tanto de AER como do BNG manifestan que o paso de Javier Bas polo congreso provocou un cambio substancial na súa forma de facer política pois, ao seu xuízo, á súa volta manifesta unhas maneiras virulentas e agresivas. Que tes que dicir ao respecto?

Que é unha soberana estupidez. Poñer na mesma ecuación a Javier Bas e á agresividade non ten nada que ver coa realidade.

Nas eleccións do 23 subides en votos e en actas, pasastes de 9 a 10, pero non foi suficiente para poderdes gobernar. Case esgotada a 1º metade do mandato, como o valoras?

É un despropósito para Redondela. Continuamos un camiño descendente que parece que non ten fin, e o único que provoca este desgoberno é vergoña.

O goberno do PSOE é un auténtico desastre e AER e o BNG son cómplices responsables do desastre. É que ambos só teñen un obxectivo: que non goberne o PP e para conseguilo dálles igual todo o demais, incluso que a veciñanza de Redondela sufra este auténtico disparate de goberno.

E cando falo de sufrimento non falo en abstracto, refírome a persoas concretas, as persoas máis vulnerables, que sufriron terriblemente a nefasta xestión do SAF. Non o vou esquecer na vida.

Por que?

Porque vin cos meus propios ollos casos concretos de veciños e veciñas vulnerables, que sufriron nas súas propias carnes a ineptitude na xestión desta alcaldesa e deste goberno.

A alcaldesa de Redondela non fai nada ben?

Cústame moito mencionar algo que estea ben feito. É que incluso o talante é pésimo, a capacidade para construír espazos de diálogo e consenso son inexistentes. E ollo, non só con nós. Os conflitos e desavinzas con persoas do seu propio partido son tamén moi numerosos. Eu agora que teño a oportunidade de percorrer a provincia sinto envexa sa, ao constatar como noutros concellos veciños hai un respecto institucional entre o goberno e a oposición que está a quilómetros de distancia do que temos en Redondela.

Vaia que interesante,e que concellos veciños? non te referirás ao de Mos?

Pois eu teño ido a actos en Mos nos que a alcaldesa dálle voz a membros da oposición.

A alcaldesa de Mos cualificou en público a unha parte da veciñanza de Mos, a CM de Tameiga, como unha comunidade non grata. Semellante disparate da persoa que ostenta a máxima responsabilidade nun municipio cara a unha parte dos habitantes dese concello, non a vin eu nunca xamais en ningún alcalde nin alcaldesa en máis de 30 anos que levo metido ata o fondo das tripas da política galega

Falamos de cousas distintas, eu referíame ao respecto institucional debido entre o goberno e a oposición. A alcaldesa de Redondela non respecta á oposición

Ben, dime algún exemplo concreto dalgún concello no que se dea ese respecto institucional que describes?

Pois por exemplo en Poio ou en Ponteareas.

En Ponteareas hai respecto institucional á oposición?..Vaia, déixasme abraiado..E que me dis entón daquel “ Cala ti, parapléjico” do voso socio de goberno Mingos Freitas dirixíndose a unha persoa do BNG que está en cadeira de rodas?

Non podo dicir nada porque descoñezo ese episodio que mencionas.

O problema de pagos que tivo Redondela foi motivado por un problema informático ou pola mala xestión ?

Evidentemente pola mala xestión.

O problema informático non existiu?

Eu non podo afirmar se existiu ou non, nin o alcance que puidera chegar a ter, pero o que si podo asegurar con certeza é que a xestión é pésima. E é esa xestión desastrosa, e non ningún outro motivo, o que fixo que Redondela perdese subvencións, por exemplo o pasado ano perdemos unha de 50.000€ para conciliación da Xunta de Galicia, ou algo gravísimo como é que a escola infantil de Chapela non está feita pola mala xestión de Digna Rivas.

Concrétame onde estaría esa suposta mala xestión no que se refire á escola infantil de Chapela?

Só facían falta dúas cousas: poñer os terreos e facer un proxecto .O goberno de Redondela non foi quen de facer o proxecto.

Ben, falemos da DEPO. Quen te propón ser deputada provincial?

Os meus compañeiros e compañeiras do PP de Redondela.

Que sentiches nese momento?

Unha inmensa honra e unha infinita gratitude, por ter o privilexio de gozar da súa confianza.

Como valoras este ano e medio como deputada?

Moi positivamente tanto pola oportunidade para aprender como pola satisfacción de que o teu traballo contribúe a mellorar a vida da xente, que, ao fin e ao cabo, é do que se debera tratar a política.

Que áreas levas?

Benestar social, igualdade e ocúpome do Príncipe Felipe, alí teño o meu despacho. Eu,desde sempre, teño unha especial sensibilidade cara as persoas e colectivos máis vulnerables, os que peor o pasan na vida, polo tanto estou levando áreas coas que me sinto plenamente satisfeita e emocionalmente moi vinculada.

O presidente da DEPO é sensible aos problemas dos colectivos máis vulnerables?

Absolutamente si. Si, sen ningún tipo de matiz. Tanto polo seu propio carácter, como pola súa experiencia en Rodeiro, o seu concello, o presidente Luis López é unha persoa moi implicada nos problemas dos demais, e que coñece as necesidades e carencias de toda a provincia. Podo asegurar con coñecemento de causa que dá o mellor de si mesmo nun só obxectivo: o ben común.

Cales son as principais necesidades sociais e problemas coas que te tes encontrado?

Eu destacaría dous campos nos que os problemas son moi importantes e nos que é necesario investir moitos recursos e moito esforzo:

-O envellecemento da poboación. É imprescindibles que as familias teñan as axudas necesarias para que as persoas maiores pasen os últimos anos da súa vida de maneira digna e cómoda

-As dificultades que sofren no seu día a día as persoas con capacidades diferentes.

A min encantaríame solucionar todos os problemas de todas as persoas, pero a realidade é a que é, e ás veces as administracións non podemos chegar.

O goberno da DEPO trata por igual a todos os Concellos con independencia da cor política que teña o goberno do Concello?

Si, claro que si.

Rematas en Xullo a túa andaina como deputada, verdade?

Si, pero non a miña andaina política. Seguirei traballando con intensidade en Redondela para que o meu concello poida ter no 27 o goberno que merece ter.