NIN 2%, NIN 5%. OTAN NON, BASES FÓRA!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

O PSOE gañou unhas eleccións prometendo a saída do Estado Español da OTAN, e xa sabemos como acabou o conto. Agora un presidente dese mesmo partido quere facernos crer que foi ao cumio da OTAN a facerse o forte e a poñerse bravo ante EEUU. Temos que recoñecer que Pedro Sánchez é un experto en facer caras, xestos e cambiar os tons de voz para facerse o interesante ou o preocupado. Porén, non pode negar o evidente, e por moito que insista asinou, co resto dos gobernos lacaios aos EEUU, incrementar o gasto en defensa até un 5% do PIB. Un acordo que aposta por un futuro de máis guerra no mundo.

A día de hoxe, e segundo cálculos de colectivos antimilitaristas e pola paz, o gasto militar sumados os orzamentos do Ministerio de Defensa cos orzamentos de outros que van destinados a fins militares estaría, no Estado Español, en torno a uns 40,457 millóns de euros e chegaría a un 2,48% do PIB.

A maiores o goberno “progresista” puxo en marcha proxectos de rearme desde o ano 2020 que imos estar pagando durante anos: cinco fragatas, avións de combate, vehículos blindados, baterías de mísiles Patriot. Deixalle feito o traballo sucio ao próximo goberno do PP/VOX.

Se a todo isto lle sumamos un incremento até o 5% do PIB de onde van saír os cartos?

Evidentemente dos nosos petos. Todos eses cartos que van ir aos fabricantes de armas, principalmente estadounidenses, van saír dos nosos impostos e dos recortes que van afectar ao noso nivel de vida. Non van saír das grandes fortunas nin dos beneficios empresariais. A banca non vai poñer un peso e os fondos de investimentos menos. Eles van ser os que se lucren coa nosa futura pobreza.

Veñen tempos duros, xa podemos despedirnos da mellora da Sanidade Pública, das infraestruturas, dos servizos sociais, da atención ás persoas maiores, as prestacións por desemprego serán máis pequenas. Xa podemos ir aforrando para a xubilación, o recorte das pensións será necesario para pagar as bombas.

Os EEUU o gran beneficiado.

No chamado “Occidente colectivo” o imperio dirixido polos EEUU pouco a pouco vaise desmoronando, incapaz de darlle volta a unha situación financeira insostíbel pola enorme débeda que ten ese país. Unha débeda que medra sen parar e que o Sr. Trump en 150 días de goberno elevou en 625.000 millóns de dólares, deixándoa nuns 37 billóns de dólares.

EEUU xa non ten capacidade financeira, e militar, para manter varias guerras a un tempo. Necesita que os países da OTAN gasten millóns comprándolles armamento e que a Unión Europea financie a fracasada guerra proxy contra Rusia. Unha forma de conseguir financiamento é con ese 5% que lles van pagar os países da OTAN mercando armas.

Xa non poden guerrear na Ucraína e ao tempo desestabilizar, da man de Israel, Oriente Medio tentando acabar con Irán, un dos países con maiores reservas de petróleo e gas do mundo. As últimas guerras provocadas polo imperialismo son un intento de manter un mundo unipolar que se resiste a desaparecer. E para subsistir son capaces de levar o caos e a destrución a calquera parte do planeta.

EEUU e a UE apostan pola guerra para manter o seu mundo “baseado en regras”, as súas, mentres tanto o mundo real vai cambiando e reconfigurándose. Hai novas alianzas como os BRICs da man de China e Rusia, que representan a metade da poboación mundial e máis do 41% do PIB mundial. A “illada” Rusia reúne a cento cincuenta países no Foro Económico Internacional celebrado en San Petesburgo (Leningrado).

Rusia, pese a guerra e as sancións económicas, está demostrando que se preparou ben estes últimos anos e ten capacidade para resistir militar e economicamente. Irán venceu ao combinado Israel+USA aínda que pagou un prezo moi alto nunha guerra que non rematou e que o imperio recomezará cando menos o esperemos.

Incrementar o gasto en defensa é inmoral.

Para que asumamos esta axenda bélica seguen a estratexia do medo. Intoxícannos a todas horas con falsas ameazas rusas ou chinas, igual que fixeron antes co perigo comunista ou islamita. Dinnos que Irán é un “réxime” e a entidade colonizadora e xenocida de Israel a única “democracia” en Oriente Medio. Se prendemos a televisión, a radio ou internet a propaganda e as fake news son permanentes nos medios públicos e privados desacreditando a estes países con informacións claramente manipuladas e falsas.

Incrementar o gasto en defensa é inmoral. Como inmoral é pertencer a unha organización criminal como a OTAN ou colaborar co xenocida estado de Israel e no bombardeo de Irán. Non é só cuestión de cartos e de recortes, tamén é cuestión de humanidade e dignidade fronte aos xenocidas que pretenden un futuro de guerra e caos. Que non van dubidar en mandar aos nos@s fill@s, sobriñ@s, net@s a unha guerra para aumentar os seus beneficios empresariais, aínda que implique a destrución do planeta.

Marín, 28 de xuño de 2025.