Luís Bará
A liberdade é a única reserva con que contan os pobos para crearen o seu futuro. E nós poderiamos hipotecar todo, menos o futuro (Castelao: Sempre en Galiza).
No ano 1920 celébrase por primeira vez o Día Nacional de Galiza, como parte do proxecto de afirmación nacional impulsado polas Irmandades da Fala a partir de 1916. Daquela eclosión nacionalista xurdiron proxectos senlleiros como o grupo Nós, o Seminario de Estudos Galegos ou o Partido Galeguista, todos eles protagonizados por un grupo humano único e irrepetíbel, a xeración máis brillante da historia de Galiza.
Esta alborada nacional foi arrasada na fogueira fascista de 1936 días despois que unha delegación de cargos públicos presentase nas Cortes a documentación do Estatuto plebiscitado o 28 de xuño. Comezou daquela unha brutal represión que levou por diante a cargos públicos e dirixentes políticos e sindicais, a miles de homes e mulleres asasinados impunemente nas gavias e nas rías, sometidos a cárcere, tortura, depuración, violacións, aldraxe e exilio.
Malia a súa brutalidade, o terror franquista non conseguiu exterminar a identidade galega e as arelas de autogoberno, que resistiron no interior contra vento e maré, e alumearon de novo con forza no desterro. Nese renacer galeguista foi esencial a figura de Castelao, instalado como líder indiscutibel do nacionalismo galego en Bos Aires a partir de 1940.
Castelao conseguiu unir na mesma causa a grande parte da emigración e do exilio. Logrouno en grande medida mediante unha hábil estratexia de cohesión na que xogaron un papel fundamental as xornadas de conmemoración histórica. Algunhas xa con tradición previa e outras novas como o Día dos Mártires Galegos (17 agosto) ou o aniversario do Estatuto (28 de xuño).
Castelao foi unha persoa íntegra, que puxo o interese supremo de Galiza e da República por diante da lea partidista e do interese particular. Foi un visionario que non se limitou a xestionar o presente senón que centrou as enerxías en fortalecer a posición estratéxica do noso país no horizonte que el pensaba próximo do final da Ditadura. Con este obxectivo impulsou a alianza Galeuzka, creou o Consello de Galiza (1944), participou nas Cortes de México (1945) para tramitar o Estatuto e trasladouse a París para formar parte do Goberno da República (1946-1947).
Malia a decepción que supuxo a división nas forzas republicanas e a incomprensión do galeguismo do interior, malia o deterioro da saúde co avance do cancro, el e Virxinia volveron a Arxentina en 1947 coa dignidade intacta e coa vontade de seguir pelexando pola aprobación formal do Estatuto, atrancado nos vaivéns parlamentares.
En 1948 o libro ”O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios (1948) foi un paso decisivo “para difundir unha verdade histórica mal coñecida e reavivar un problema vital para Galiza”.
Castelao morre en xaneiro de 1950 sen ver cumpridos moitos dos seus anceios, mais a súa loita non foi en balde. Deixou un enorme celeiro de proxectos e ideas que asentaron a reconstrución do nacionalismo a partir dos anos 60 do século pasado.
Neste 2025 declarado Ano Castelao, o seu ideario e o seu exemplo permanecen vivos e actuantes, a pesar das tentativas do PP de mutilado, manipulalo e silencialo. Algo que levan facendo sen éxito desde a coñecida instrución da Ditadura en xaneiro de 1950: “Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados.De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro ‘Sempre en Galiza’ ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil.”
Mais Castelao é demasiado grande, fala claro por si mesmo e nunca van poder silencialo.
